martes. 19.10.2021 |
El tiempo
martes. 19.10.2021
El tiempo

O soño simétrico de Inazio Abrao

Inazio Abrao, coas pezas da nova serie. MÓNICA FERNÁNDEZ
Inazio Abrao, coas pezas da nova serie. MÓNICA FERNÁNDEZ
O carpinteiro e escultor de Becerreá vén de rematar unha nova serie titulada "Intimidades da simetría", con pezas que nacen a partir dos detalles de construción dun dos seus pupitres

No ano 2015, Inazio Abrao estaba construíndo unha mesa no seu taller de carpintería en Becerreá. Un tempo longo enfiou naquel intre, e toda aquela teima na escultura que mantivera dende adolescente atopou sentido. O que lle deu a volta ao seu mundo foi a pata dunha mesa, si, a súa beleza solta, descontextualizada do resto do moble, a súa independencia. A porta do seu taller mide 3,5 metros e, asombrado, mirando para ela, foi ese o tamaño que decidiu darlle a aquela pata, a primeira peza dunha linguaxe xa propia, a dos mobles por dentro.

Abrao comeza agora a buscar un lugar para expoñer estas seis pezas feitas de bidueiro e pradairo da comarca ancaresa

O carpinteiro e escultor vén agora de rematar a súa serie "Intimidades da simetría", un título que abarca seis obras movidas polo concepto da simetría, e tamén da intimidade das formas xeométricas, que chaman a proxectar nelas xestos humanos, indicios de sexualidade, de amor, dun abrazo no que perden o peso, eses 200 quilogramos de pradairo ou bidueira dos que están feitas. "Para min a construción destas esculturas crea espazos e planos. As cavidades e ocos producen ese baleiro", comenta.

O "ADN mitrocondrial de todas elas", segundo fala Inazio, é unha das partes dos pupitres que comezou a facer o ano pasado, que está presente en cada unha desta pezas cun tamaño sobredimensionado, máis axustado ao seu asombro. Abrao, que traballa sempre con materiais da zona, utilizou nesta serie a cor por primeira vez, máis alá do seu dominio das tonalidades da madeira en proxectos anteriores. Rematado o proceso, que comezou hai un ano, agora buscará lugares de exposición.

Se aquela pata fora a que faltaba na súa mesa de creación, para entender esa necesidade de darlle novas formas ao mundo tamén foi fundamental para el a referencia de Néstor Basterrechea, o seu diálogo da cultura vasca coas vangardas, o seu compromiso coa sociedade e xeito de comunicar. "Eu non teño unha formación académica, tiven que buscar os piares onde asentar o meu traballo", indica. E foi este artista, xunto con outros escultores do grupo vasco Gaur, a constelación que lle guiou o camiño, que lle axudou a "atoparme a min mesmo".

Fillo de emigrante de Becerreá en Gipuzkoa, Manuel de Vilar de Cancelada -tamén carpinteiro-, Abrao viviu no País Vasco até os seis anos, e alí pasou varias temporadas xa de adulto. "Admiro a aposta que fan alí pola escultura, que sempre está presente na rúa, no espazo público", indica.

Tamén el foi situando algunhas das súas pezas nos bosques de Becerreá, para ver como o tempo as devolve á natureza, ou ben quedaron preto da súa antiga casa en Ribón. E tanto no darlles forma como en abandonalas, a Inazio move a "fusión co propio medio". Ou tamén a posibilidade de adentrarse nos obxectos que acompañan a nosa vida, facéndoos máis grandes, para que sexan eles os que nos miren a nós. "Os obxectos teñen presenza, enerxía, son unha compañía", comenta. Cruzar os brazos para soñar sobre un pupitre feito por Inazio pode levar ben lonxe... ou dentro mesmo.

O soño simétrico de Inazio Abrao
Comentarios