"Son contos que narraba aos amigos"

Domingo Villar publica "Algúns contos completos", un libro con dez relatos que lles narra ás súas amizades cando se xuntan ► O escritor vigués rende homenaxe ao seu pai, recentemente finado, quen lles escribía un conto cada vez que cumprían anos
Domingo Villar.EP
photo_camera Domingo Villar.

Domingo Villar lembra o seu pai abandonar a mesa no medio do xantar porque empezara a chover. "Saía correndo cara ás viñas, como se puidese parar a choiva", comenta o escritor. El vive de escribir e gústanlle as vides, o seu pai vivía de coidar viñedos e gustaba de contar historias.

"Ao meu pai interesábanlle as historias que lle pasaron á súa familia. Escribíanos un conto cada vez que cumpriamos anos. Fixo unha versión da "Cincenta" en romance, relatos breves, cancións, obriñas de teatro... Antes de morrer reuniu todos os seus escritos baixo o nome de Algunhas obras completas porque non dera reunidas todas", recorda.

O escritor conserva "coma un tesouro" a carta que lle dedicou o pai cando naceu, no Vigo de 1972. "Refire a súa emoción e as circunstancias do mundo ao que acababa de chegar".

Villar reúnese periodicamente cos amigos. Sami toca o piano, Carlos Baonza proxecta os seus debuxos e Domingo conta historias. A pandemia interrompeu eses encontros, polo que o escritor decidiu reunir dez relatos e os linogravados que lles fixo Carlos no libro Algúns contos completos (Galaxia), onde publica "contos que lles contaba aos amigos".

O autor das novelas de Leo Caldas defínese coma "un galego de ría varado en Madrid", que confesa que "o mar sempre está detrás". Engade que o seu "paraíso perdido é un cacho de verde á beira do mar". O autor recoñece "a nostalxia dun mundo perdido", que el alivia "con lirismo e ironía".

Eses elementos atópanse nos relatos de Algúns contos completos, aínda que o empeño de Domingo Villar é contarlles o mar a uns amigos que os relacionan coas vacacións de verán. "Para eles é un mundo inhóspito e lúdico, porque non coñecen os cambios que o mar produce nos barcos e nas casas". Como neno que se criou xunto ao Atlántico, en Vigo, indica que "os grandes temas eran a emigración e o mar. Todos tiñamos alguén emigrado ou que traballaba no mar".

Nos contos que publica agora "alguén marcha polo mar ou chega polo mar". Pode ser o galego que "vai a Nova York para tocar con Bernie Goodman, o que queda varado nunha illa ou o mariñeiro bretón que queda na costa de Lugo". Outras historias tratan dunha nena cun irmán cego ao que lle conta as películas, a muller polaca que chega a Fisterra e tatúa aos animais ou o emigrante que volve de vello á aldea para descubrir que ten poderes sobrenaturais.

Agora que os seus relatos íntimos son públicos, Domingo Villar soña con volver a aquela zona do Condado, fronte á beira portuguesa do Miño, onde o seu pai cultivaba uvas para viño. "Non hai nada coma sentar a contemplar os viñedos. Ao principio son troncos e se volven outra cousa para acabar sendo un desfile exhuberante de follas con cores case vermellas. As vides teñen para min o mesmo efecto hipnótico que o lume ou o mar", asegura o escritor.

Leo Caldas estará de regreso en 2023
Domingo Villar anunciou que xa está traballando noutra novela negra protagonizada polo seu detective Leo Caldas. Este verán andivo percorrendo as terras que hai entre Baiona e A Guarda para falar con xente e documentarse. Interésalle esa zona porque "o mar é salvaxe e non ten illas. Detrás están as Azores e, máis alá, Nova York".

Bar Eligio
O inspector ten o costume de visitar o bar Eligio, onde goza dos calamares que prepara Carlos, os ‘calamares afogados’, que pasaron a chamarse ‘calamares Leo Caldas’ na honra do detective. Carlos xa faleceu, "pero prometinlle á súa viúva no enterro que non morrerá nunca porque seguirá tomando viños con Leo Caldas".

Chamada diaria
O dono do Eligio non é o único que marchou nestes anos. O pai de Domingo Villar tamén finou. O novelista chamábao todos os días para lerlle o que escribira o día anterior. Agora que non está, o seu fillo asegura que sigue consultándolle asuntos literarios.

Comentarios