Soledad Penalta e Menchu Lamas, elixidas académicas de Belas Artes

Este nomeamento entra dentro do proceso de actualización de prazas vacantes da institución e co ánimo dunha maior representatividade en todos os ámbitos en relación coa creatividade

A Real Academia de Belas Artes, no seu proceso de actualización de prazas vacantes dos seus membros, e co ánimo dunha maior representatividade en todos os ámbitos en relación coa creatividade, a investigación ou a divulgación do Patrimonio Cultura de Galicia, en sesión ordinaria celebrada este sábado, elixiu novas académicas numerarias.

A escultora Soledad Penalta Lorenzo pasará a formar parte da sección de Escultura, cubrindo a praza vacante por falecemento do profesor de Historia da arte Ramón Otero Túñez; e a pintora Carmen Lamas Pérez ( Menchu Lamas) ocupará na sección de Pintura e Gravado a que quedou vacante por falecemento do pintor Felipe Criado Martín.

COLECTIVO ATLÁNTICA. Mechu Lamas foi fundadora do colectivo Atlántica en 1980, con Antón Patiño, Ánxel Huete, Guillerme Monroy e Román Pereiro. En 1982 realizou a súa primeira exposición individual na Galería Buades de Madrid. Nos anos 80 participou nalgunhas das mostras colectivas máis importantes da arte española contemporánea.

A súa obra evolucionou desde unha primixenia iconografía de raíz autóctona e forte cromatismo a unha sintetización que dota á superficie pictórica dunha orde construtiva á que se axustan formas ou siluetas a maneira de signos, emparentadas con culturas exóticas e primitivas.

Soledad Penalda é unha escultora que dende 1972 goza sucesivamente do traballo con cerámica, cerámica de alta temperatura,  refractarios, fundición de bronce,  fundición de ferro, ferro en ferros  soldados ou escultura de gran formato para exterior. Vive no estudo, no campo, coa súa familia. A súa obra é a súa linguaxe ou unha linguaxe que ela fala. Emociónanlle os problemas da xente e apoia sen ningunha dúbida aos que queren axudar a solucionalos.

Comentarios