viernes. 16.04.2021 |
El tiempo
viernes. 16.04.2021
El tiempo

Siro López, premio Alvite 2020: "Debuxar é algo que levo innato"

Generated by  IJG JPEG Library
Generated by  IJG JPEG Library
AppleMark
Siro López señala una de sus obras. VICTORIA RODRÍGUEZ
O humorista gráfico creou máis de mil caricaturas ao longo da súa vida

Para Siro López (Ferrol, 1943) debuxar é algo natural. Dedicou media vida a reflectir a actualidade a través do trazo do seu lapis e dende hai uns anos tamén coas súas verbas. Os galardóns recibidos polo seu traballo son innumerables, pero recoñece que o premio Alvite é especial, tan especial como era a súa amizade con Alvite.

Cómo valora o premio que lle concedeu a Asociación de Periodistas de Galicia?

Fíxome moita ilusión porque é un recoñecemento dos meus colegas. Debuxar é algo que levo innato, para min é o fácil, entón que me premien por debuxar faime ilusión, pero neste caso recoñécese tamén a miña labor como articulista na que estou inmerso desde hai varios anos. Ademais, este galardón é especial porque leva o nome de José Luis Alvite, co que tiven moi boa relación.

Que recordos ten de Alvite?

Durante ano e medio fixemos a última páxina de Diario 16 , el escribía as crónicas e eu facíalle a ilustración. Alvite era un xenio, escribía coa facilidade coa que Picasso debuxaba, e ademais paría as metáforas. Eu chamábao cada día para preguntarlle de que ía ir o tema e sempre me respondía: ‘Eu que sei’, e pasabamos tempo para decidilo. Entón un día díxome que eu debuxase o que me dera a gana e el escribiría sobre iso, e así o fixemos. Imaxina o difícil que ten que ser elaborar un texto en base a unha imaxe, pois el facíao. Naquel tempo tratabamos temas de prostitutas, burdeles... e formulamos facer entre os dous un libro sobre esta temática, pero non se materializou. Pasaron moito anos, pero hoxe en día, sen darme conta, sigo debuxando cousas para que Alvite as comente.

A paixón polo debuxo vénlle desde que era un cativo...

Desde que tiña tres anos miña nai levábame unha libreta e un lapis á cama para que non enredara e alí botaba eu horas debuxando, non me acordaba nin de almorzar.

Como caricaturista político terá moitas anécdotas.

Pois si (risas), hai que ter en conta que fixen miles desde o ano 1985 ata o 2006. Somos a única comunidade que ten toda a historia da autonomía contada a través de caricaturas. Recordo unha campaña electoral en Galicia que coincidiu coa presentación da película ‘Jurassic Park’ e convertín os candidatos en monstros dese parque. Fraga era o tiranosaurio rex, Camilo Nogueira un paxaro de grandes ás, Antolín unha tartaruga xigantesca... A Fraga sempre o debuxei cunha gaita, e houbo un momento no que un achegado lle dixo que había que protestar porque as miñas caricaturas eran irrespectuosas, pero el defendeu a miña arte. Tanto é así, que unha vez funo entrevistar ao seu despaño e ensinoume que tiña en dúas paredes todas as caricaturas que eu lle fixen enmarcadas.

Iniciouse no xornalismo en 1970, na época dourada da profesión. Cambiaron moito os tempos?

Fun moi afortunado porque collín os anos bos da profesión. Eu traballaba como delineante en Bazán e a miña carreira profesional estaba encamiñada, pero nun momento dado decidín deixalo e dedicarme ao xornalismo. Foi a única vez na miña vida que tomei unha decisión acertada e fun inmensamente feliz. Foron anos boísimos, pero as cousas cambiaron moito. Hoxe en día a imaxe devorou o papel.

Entón vale máis unha imaxe que mil palabras?

É un dito, pero non sempre é así. Eu sempre poño un exemplo: se ves a famosa escultura do ‘Laocoonte’ podes dicir que é unha marabilla, pero se non cha explican non te enteras de que vai.

Siro López, premio Alvite 2020: "Debuxar é algo que levo innato"
Comentarios