domingo. 18.04.2021 |
El tiempo
domingo. 18.04.2021
El tiempo

"Sinto orgullo da diversidade multicultural que hai en Burela"

Anxo Rodríguez Ferreira. EP
Anxo Rodríguez Ferreira. EP
Novedades Carminha converteuse coa publicación en 2019 do seu último disco ‘Ultraligero’ nun grupo de absoluta referencia na escena musical galega

Anxo Rodríguez Ferreira toca a guitarra, o teclado electrónico e fai sampleo e voces en Novedades Carminha, unha das bandas máis emblemáticas do panorama musical galego na actualidade. Pero este burelao fai moito máis que iso. A música pasou de ser unha afección a converterse en toda unha paixón e tamén un medio para ganarse a vida "facendo o que máis me gusta". Na actualidade vive en Madrid, onde se atopa grabando un novo disco para Novedades Carminha, entre outras moitas actividades. Anxo celebra o gran momento que vivía a música galega antes da pandemia e está convencido de que seguirá medrando unha vez se recupere a normalidade.

Chegou á música moito antes que a Novedades Carminha, como foi o proceso?

Pois empecei a tocar a guitarra cando tiña 14 ou 15 anos en Santiago, cos colegas do instituto. Fomos montando grupos e empezamos a tocar en diferentes sitios ata que progresivamente me fun dedicando cada vez máis e participando e probando en diferentes proxectos. Despois de trasladarme a Madrid, xa con 25 anos, experimentei moito coa música electrónica e cos sintetizadores, aprendendo tamén técnicas de gravación e cousas relacionadas coa música en xeral. En Novedades Carminha empecei no 2016 e aquí sigo.

O que non sabe moita xente é que vostede foi capitán dos xuvenís do Deportivo e chegou a xogar co Fabril. Tivo que escoller entre o fútbol e a música?

Bueno, iso é unha pregunta que me fan moitas veces e é un pouco unha lenda urbana (risas). Eu xoguei ao fútbol desde moi noviño e disfrutei un montón, pero nunca vin claro o paso ao profesionalismo porque iso son palabras maiores, aínda que é verdade que xoguei algún partido co Fabril. Daquela deixar o fútbol e dedicarlle moito máis tempo á música podía parecer unha decisión difícil e moita xente mo fixo saber, pero síntome moi orgulloso de escoller este camiño porque creo que lle botei bastante valor. Agora, visto en perspectiva e co paso do tempo penso que atinei.

Naceu en Burela, pero leva case toda a vida vivindo fóra. Aínda así sempre di que é mariñano.

É que me sinto de Burela. Meus pais son da Mariña, meu pai de Viveiro e miña nai de Burela, e miña avoa aínda vive alí, ao carón do parque. Eu vivín en Burela dende os 5 aos 11 anos e lembro esa etapa con grande felicidade. En Madrid cando alguén me pregunta de onde son non teño ningunha dúbida e, de feito, sigo tendo un montón de amigos de Burela e vou alí en canto teño algúns días libres.

Tamén tivo un proxecto moi relacionado con Burela e coa música caboverdiana, Nistra. Segue vivo?

Pois agora non teño tempo, está aí aparcado. Foi unha aposta que fixemos Adrián Canoura e máis eu para reflexar o espazo multicultural que é Burela a través dos sons caboverdianos de Batuko Tabanka. Unha das cousas que me fai sentirme máis orgulloso do meu pobo é esa capacidade para aglutinar tantas razas e culturas e facelo ademais con absoluta naturalidade dentro da convivencia diaria. Dende dentro parece algo normal, pero visto dende fóra chama moito a atención.

Ademais de tocar con Novedades Carminha e outros proxectos personais, produce a músicos ou grupos coma Sen Senra ou Lois Brea. Ten tempo para todo isto?

Dende os 20 anos levo aprendendo conceptos de gravación e coñecendo xente na música á que trato de axudarlle dun xeito ou doutro. Senra é un bo amigo meu e xa fun de xira de teatros con el, para min compartir experiencias e facer este tipo de colaboracións forman parte da vida dun músico.

Cada vez hai máis grupos na comunidade autónoma. Co permiso desta pandemia, pensa que Galicia está nun dos mellores momentos a nivel musical?

A escena galega goza dunha saúde espectacular, penso que ao nivel do que foi a Movida (ao mellor sen tanto nome), pero sen estar tan centralizado en Vigo como foi daquela época e incluso con moita máis variedade de estilos. Ademais, moitos artistas galegos despertan un gran interese a nivel internacional, xente coma Sen Senra ou Baiuca. Ao final canto máis interactuemos e máis nos relacionemos entre todos máis forte será a música galega.

Pero o coronavirus freou un pouco todo.

A verdade é que chegou nun momento de auxe a nivel xeral, cun montón de festivais por toda España. Eu son optimista, levo así 12 meses (risas), e confío en que pouco a pouco se vaia recuperando para achegarse a onde estabamos. O que tamén percibo é que ningún músico está parado, todo o mundo está traballando, ben sexa preparando novos discos ou outro tipo de ensaios para cando poidamos volver á normalidade.

Tamén Novedades Carminha bota moito de menos o directo, non?

Uff, non te podes nin imaxinar. Nós somos unha banda de directo. É verdade que agora xa nos sentimos cómodos tamén nun estudio de gravación, pero o de xirar e tocar diante do público é unha sensación que non se cambia por nada, é unha das cousas que máis boto de menos... Somos un grupo de xente moi activa, con moitas inquietudes, gústanos sempre estar probando cousas novas e iso tamén o dá o directo.

Pois falemos de Novedades Carminha. Como levan iso de ser un grupo de moda, sobre todo despois de Ultraligero, o seu último disco?

(risas). Pode parecer que estou dicindo un tópico, pero é que foi algo que non buscamos, aínda que agradecemos. A todos nos gusta chegar á xente, ser valorados e queridos, pero cando fixemos Ultraligero non pensamos na repercusión que podía ter, senón que foi o disco que nos saiu nese momento… o que sentíamos e queríamos tocar. Os bos resultados que tivo o disco tamén nos dá maior liberdade para seguir experimentando e facendo un pouco o que nos dá a gana e o que nos pide o corpo.

Vese tocando en Burela, no Osa do Mar, con Novedades Carminha?

Xa pinchei con Nistra, pero é verdade que sería un puntazo tocar no meu pobo con Novedades. A nosa situción actual é ben diferente á de fai uns anos e penso que imos ter un calendario cargadiño cando volvan os directos e os festivais de xeito normal, pero xa teño avisado ao noso manager que se hai que baixar un pouco o caché para ir a Burela, pois haberá que facelo (risas).

"Sinto orgullo da diversidade multicultural que hai en Burela"
Comentarios