A Sinfónica de Bilbao deu hai 75 anos o primeiro concerto da Filarmónica

A sociedade lucense debutou como organizadora o día 17 de maio de 1947 cunha actuación celebrada no Círculo de las Artes
Sociedad Filarmónica de Bilbao, con Jesús Arámbarri á fronte
photo_camera Sociedad Filarmónica de Bilbao, con Jesús Arámbarri á fronte. EP

O primeiro concerto organizado pola Sociedade Filarmónica de Lugo celebrouse o 17 de maio de 1947, hai hoxe 75 anos, no Círculo de las Artes. Foi unha actuación a cargo da Orquesta Sinfónica de Bilbao, daquela Orquesta Municipal, con Jesús Arámbarri á fronte.

A sociedade existía desde decembro. Formárase a partir dun grupo de rapaces que tiña unha orquestra de pulso e púa, Rocho Musical. Foron ambiciosos. Como indicaba Xulián Parga, actual socio número 1 do colectivo, "era a posguerra, a vida era reducida. Había radios en poucas casas e gramófonos, en menos. Falar de traer a Lugo unha orquestra de música clásica era un soño". O soño cumpriuse cando a Sinfónica bilbaína apareceu na estación ferroviaria de Lugo nun vagón Pullman, caracterizado polo luxo e pola color verde dos seus asentos, que usaban en exclusiva. "Actuaban en Lugo de paso cara á Coruña ou Ourense", apunta Parga.

Como consecuencia "pasaban dous ou tres días na cidade", engade José Luis Díaz, secretario da Filarmónica. "Os socios de máis antigüidade contaban que os músicos viñan tocar e xogar ao fútbol, que lles organizaban partidos" informais. "Había case amizade con eles", subliñaba Xulián Parga. Deron varios concertos en Lugo.

Regresaron en 1949. Jesús Arrámbarri sería o primeiro en facer a versión Negra sombra de Juan Montes para orquestra. Cumpríanse cincuenta anos do pasamento do compositor lucense. O presidente da sociedade nese momento, Nazario Abel, pediulle que interpretasen esa peza.

Nunha terceira ocasión, cando os músicos da Filarmónica de Bilbao estaban aloxados no hotel Méndez Núñez. Daquela, debía facerse chegar unha copia do repertorio a interpreta ao gobernador civil. O delegado franquista negábase a consentir a actuación por motivos políticos. Houbo que negociar.

A Sociedade Filarmónica de Lugo organiza dez concertos cada ano dende aquel 1947. Nunca se interromperan ata que a pandemia anulou as actividades públicas. As actuacións destcadas son  unha constante. Xulián Parga recordaba que en 1949, no programa polo cabodano de Juan Montes, actuou o violinista Michelangelo  Abbado. Estivo acompañado por un adolescente Claudio, o reputado director.