Simone Saibene: "Damos pinceladas de moitas Galicias que son un país"

O director de ‘Pelerinaxes’ presentouna en Lugo xunto coa protagonista, Carmen Méndez
De esquerda a dereita, Xoel Yáñez, Isabel Risco, Simone Saibene e Carmen Méndez
photo_camera De esquerda a dereita, Xoel Yáñez, Isabel Risco, Simone Saibene e Carmen Méndez

O director Simone Saibene indicou que o espírito da súa película ‘Pelerinaxes’ é "dar pinceladas de moitas Galicias diferentes que en realidade son un país para que o espectador" o recompoña. Saibene estreou este martes en Lugo, no marco do programa Cultura Aberta. O director parte do libro homónimo de Ramón Otero Pedrayo no que se conta a viaxe que fixo o autor en 1927 xunto con Vicente Risco e Ben Cho Shey dende Ourense ata Santo André de Teixido.

Esa crónica ten os tres elementos que máis gustan ao realizador: "Literatura de viaxes, cine ‘on the road’ e cultura galega". O interese por Galicia de Saibene "é algo difícil de explicar, algo ancestral", que queda na trastenda discreta deste italiano en Ourense que fala un galego máis preciso e variado que o de moitos dos galegos que o falan.

A película reproduce a viaxe orixinal, que foi a pé, agás nos tramos entre Palas de Rei e Lugo e entre As Pontes e Ortigueira. A diferenza é que a viaxeira é única e é muller porque o realizador quixo "reivindicar ese aspecto da importancia da muller". Nese aspecto, a actriz de Baralla Carmen Méndez coincide con el na importancia de "ofrecer unha visión feminina".

Lucía (Carmen Méndez), unha licenciada en Comunicación Audiovisual que percorre no 2015 o mesmo camiño a pé dende Ourense a Teixido. Fai a viaxe coa intención de rematar un proxecto que comezara na universidade sobre o libro de Otero xunto cun compañeiro que morreu en accidente.

Lucía seguiu o itinerario do trío galeguista nunha pelegrinaxe que comezou o mesmo 5 de xullo no que o comezaron eles "e que chegou a Ortigueira no mesmo día no que chegaron eles, o día 8 de xullo". Nesa xornada, Saibene permitiuse compensar a Vicente Risco. "Na película Isabel Risco le o discurso que non puido ler el porque non lle deixaron ao consideralo un ‘anarquizante perigoso".

A intérprete de Baralla non percibiu como complicado levar o peso da película "porque ela fai soa o camiño", pero comparte moito protagonismo con Xoel Yáñez (que dá vida ao seu excompañeiro que faleceu), a través dunha serie de entrevistas que van facendo para o seu traballo de carreira.

Outro aspecto que quixo salientar Saibene foi a paisaxe de Galicia. Ese interese sumouse para que se decidise por ‘Pelerinaxes’ para levala ao cinema e o que fixo que a maior parte da acción transcorre en exteriores "porque quería amosar a Galicia actual".

Carmen Méndez insiste tamén no papel da cultura en ‘Pelerinaxes’ "porque fala de ideas sobre Galicia e sobre a cultura".

O país que se pode ver, na súa opinión, "é mais actual". "Aquela Galicia era máis rural, onde había camiños agora hai estradas ou desapareceron; Galicia era rural e agora é cada vez máis industrial. Pero a esencia segue aí", conta a intérprete, quen subliña con fascinación como atoparon os lugares que "debuxou Risco para o libro de Otero Pedrayo", que continúan aí 89 anos máis tarde.

Comentarios