Silvia Álvarez, José de la Torre y Eugenio M. Alonso entran en la ''república de las letras gallegas''

A Cidade da Cultura acolleu onte por vez primeira unha entrega de premios. Foi a do certame de Minicontos de Outono, unha iniciativa literaria promovida polo Centro PEN de Galicia e o xornal LV. De Luns a Venres e que contou co patrocinio da Xunta de Galicia a través da Consellería de Cultura e da Secretaría Xeral de Política Lingüística.

Preto dun centenar de persoas quixeron participar nesta festa das letras, que estivo presidida polo titular de Cultura, Roberto Varela, quen manifestou o seu de-sexo de que o acto de onte fora “o primeiro dunha longa traxectoria” para as instalacións deseñadas por Eisenman, “que pertencen a todos os galegos”.

Centrándonos no eido literario, a cita de onte foi unha homenaxe para os premiados no certame e para as súas obras. Como sinalou no seu discurso o presidente do PEN, o escritor e columnista Luís G. Tosar, os galardoados nesta primeira edición do concurso, aos que deu a benvida ''á república das letras galegas'', souberon facer “brillar” este microxénero que ten en Cousas, de Castelao, o seu referente, sendo tamén o devandito texto “a base da narrativa moderna galega”.

E precisamente os premiados, que souberon sacarlle todo o zume a este formato literario, foron os protagonistas na cita do monte Gaiás. Lembremos que o primeiro premio deste certame recaeu no texto No ventre morno do río, unha crúa historia da coruñesa Silvia Álvarez Baamonde que agocha moitos segredos e que a fixo merecedora dun premio de 600 euros libres de impostos.

O segundo premio, que tivo unha dotación de 300 euros, foi para Controladores e calendarios, un texto do profesor pontevedrés José de la Torre Culler que aborda unha temática de actualidade como foi o recente caos aeroportuario vivido en España. Finalmente, un orixinal e arriscado microtexto de Eugenio M. Alonso, Calcio, alzouse co terceiro premio, recompensado cun cheque por valor de 100 euros.

Os tres escritores recibiron tamén os parabéns do secretario xeral de Política Lingüística polo seu “excelente traballo”. Ademais, Anxo Lorenzo salientou o feito de que o certame conta cun valor engadido grazas a este xornal. “Esta iniciativa non tería a mesma transcendencia se non estivera nas mans de LV. De luns a Venres, un xornal que distribúe 40.000 exemplares nas sete cidades galegas, o contexto menos favorable para a nosa lingua, facendo un grande esforzo a prol da mesma”, afirmou Lorenzo no primeiro acto no que participa na CdC.

Pola súa banda, o conselleiro de Cultura, tras felicitar os gañadores, fixo fincapé na popularización do microrrelato “grazas á súa característica de consumo inmediato”, algo que non merma o seu valor, xa que o xénero “esixe unha síntese que require dunha gran mestría”.
Varela tamén destacou o papel do Centro PEN de Galicia como artellador de iniciativas culturais e o papel de LV. De Luns a Venres como difusor da nosa lingua e cultura.

Unha festa da cultura
Conducida polo xornalista da TVG Carlos Macía, a cerimonia de entrega dos premios converteuse nunha celebración das nosas letras. O evento estivo amenizado polo profesor Kamo Petrosian, que foi membro da Filarmónica de Armenia e que vive na nosa terra desde hai xa 8 anos. Unha emocionante execución da Primavera de Vivaldi deu o comezo a esta reunión “de amigos da literatura”, como a cualificou Macía.

O peche, acompañado dun viño galego, converteuse nunha tertulia entre os asistentes, entre os que se atopaban persoeiros de diferentes eidos da sociedade galega.

O xurado

O xurado cualificador do certame, que se reuníu o pasado de-cembro en Compostela no Centro PEN de Galicia e que preside Luís González Tosar, estivo composto polo escritor e xornalista Santiago Jaureguizar, o escritor Bieito Iglesias, a escritora e profesora da Universidade de Vigo Rexina Vega, a profesora e tradutora Daniela Sotgiu, o director do Centro PEN de Galicia, Xabier Castro Martínez, e os xornalistas Diego de Cora e Juan Méndez.

Tras a súa deliberación, o xurado salientara a excelente acollida do certame e a “variedade temática e vontade estilística” tanto dos microrrelatos premiados como dos restantes textos presentados a concurso.

357 orixinais chegados ata desde o estranxeiro

A primeira edición do certame de Minicontos de Outono péchase cun éxito case inmellorable. A resposta a esta convocatoria por parte dos escritores, tanto experimentados como amateurs, foi masiva, xa que se rexistraron un total de 357 relatos orixinais. A procedencia dos textos foi un dos puntos que máis sorprendeu á organización, xa que chegaron obras procedentes de galegos na diáspora desde países como Alemaña, Holanda, Francia, Arxentina ou Uruguai.

Ademais, vencido o prazo de presentación de traballos, os relatos continuaron chegando á redacción de LV e ao Centro PEN. Como anécdota, unha das autoras que participou é unha arxentina que está aprendendo galego en Bos Aires e que se atreveu a dar, con tino, os seus primeiros pasos literarios na nosa lingua a través deste certame.

Comentarios