Sesenta y un años sin Don Daniel

"Non lle poñades chatas á obra namentres non se remata. O que pense que vai mal que traballe n'ela; hay sitio para todos", escribiu el ao pé dun dos seus emblemáticos debuxos.

"Prométesmoche a terra dunha Galiza ceive para enterra-los teus ósos onde teñen que estar", díxolle Darío Xohan Cabana na emotiva canción que repasa a súa vida e á que acabou por porlle voz Suso Vaamonde.

Morto lonxe da Terra, Alfonso Daniel Rodríguez Castelao naceu o 29 de xaneiro de 1886 na vila coruñesa de Rianxo, o mesmo ano no que o seu pai emigrou á Arxentina.

  • En 1895 sobe nun barco rumbo a Bos Aires da man da súa nai
  • Volta a Galicia no 1900 para empezar os seus estudos no Instituto de Bacharelato de Compostela. Tres anos despois aterrou na carreira de Medicina, que remataría no 1909
  • No 1912 casa na Estrada con Virxinia Pereira, e doce meses despois nace o seu fillo
  • Aos dous anos de casado sobrevénlle o primeiro acceso de cegueira
  • En 1918 participa na Asemblea Nacionalista de Lugo, e un ano despois na de Santiago
  • En 1920 asume a dirección artística da revista Nós, e expón as estampas do álbum do mesmo nome
  • Publica Cincuenta homes por dez reás (1920)
  • Ao ano seguinte ve a luz unha das súas obras máis coñecidas: Cousas
  • En 1927 agrávase a súa doenza dos ollos, e en 1928 morre o seu único fillo
  • En 1930 edítase As cruces de pedra na Bretaña
  • A súa voz faise oír no mitin conmemorativo dos mártires de Carral e no mitin da Alameda do Cruceiro de Ourense en 1931, a mesma data na que sae escollido deputado nas Cortes Constituíntes da República
  • En 1933 é nomeado académico da Real Academia Galega
  • Do pacto de Compostela que asinou no 1934 xorde Galeuzca, e no mesmo ano publica Os dous de sempre e Retrincos
  • En 1936 Castelao volta ser elixido deputado nas eleccións do 16 de febreiro e ponse a cabeza da campaña a prol do Estatuto de Galicia. En xullo estala a Guerra Civil española
  • En 1937 publica Galicia mártir e Atila en Galicia (en Valencia)
  • En 1938 segue coa propaganda a favor da República (en Nova York)
  • En 1939 fai Os debuxos de negros e é nomeado Presidente Honorario da Federación Mundial de Sociedades de Negros
  • En 1940 viaxa á Arxentina coa muller. O clamor dun pobo agarda por eles en Bos Aires
  • Un ano despois estrea a obra de teatro Os vellos non deben namorarse (na Arxentina)
  • En 1944 funda e preside o Consello de Galiza, no que se integran os deputados Suárez Picallo , Alfonso Ríos e Elpídio Villaverde. O mesmo ano ve a luz a Biblia do nacionalismo galego: o Sempre en Galiza (en Bos Aires)
  • En 1949 pronuncia o seu último discurso, o máis fermoso, o que fala dos emigrados, da historia e do pobo, do seu pobo, o pobo galego. “ Velahí por qué eu, no día de hoxe, denuncio como traidores a cantos sementan a discordia na nosa coleitividade, inxuriando e calumniando ao galeguismo, co único obxeto de servir aos nemigos da República democrática e liberal”, dicía aquel Alba de Groria
  • Tal día coma hoxe, en 1950, un cancro de pulmón levouno até a morte. Para sempre ficarán o seu legado artístico, humano e político

Así as cousas, este venres cumpríronse 61 anos da súa morte. De seguir entre nós, o vindeiro 29 sopraría 125 candeas. Tal efeméride non pesou dabondo para que o 2011 fose declarado 'Ano Castelao', como propuxo o BNG en novembro co apoio socialista e o voto en contra do PPdeG, quen viu na iniciativa nacionalista “un matiz político claro”. Queren difundir a vida e obra do intelectual de Rianxo, mais din non aceptar facer o mesmo “coa idea de Galicia desde os seus postulados”.

Por iso, o aniversario e o cabodano de Castelao volvérono celebrar 'os mesmos', aqueles que non escatiman esforzos en por en valor o seu legado político e lembrar a vixencia e actualidade das que goza o seu pensamento. Aqueles que albergan a esperanza de que, algún día, a promesa de Darío Xohan Cabana se torne real.

Canción de Suso Vaamonde dedicada a Daniel Castelao

Comentarios