miércoles. 17.07.2019 |
El tiempo
miércoles. 17.07.2019
El tiempo

SÉS, CANTANTE

"Practico boxeo porque é duro fisicamente; cansa moito e evita ter que comer ansiolíticos"

Sés na cociña da casa. MONCHO FUENTES
Sés na cociña da casa. MONCHO FUENTES

O seu último disco, 'Rabia ao silencio', está composto por versións de cancións políticas de América, do Norte ao Sur, e dos anos 30 aos 80. Con todo, Sés (ACoruña, 1982) asegura que ser non é un disco seu

A cantante Sés cociña nun pub. Ten un sofá de cadros escoceses e unha decoración internacional de pandeiretas que se estende a África. O calor procede dunha chimenea cativa amable. O frío da neveira está gardado por unha foto divertida coas dúas irmás. Son menores ca ela, protéxeas. O Ché sorrí ao carón do xogo de coitelos e escumadeiras. Sobre o fregadeiro, nunha ventá cargada de luz, están as terras esmeraldas e salgadas de Culleredo.

Veño de curiosear na súa biblioteca, que é o mellor xeito de coñecer unha persoa. Na súa atopei títulos agardados en alguén independentista e de esquerdas como é vostede, pero sorpredeume unha biografía de José Antonio. E por que?
Hai que ler ao outro para coñecelo. Veño de comprar unha biografía de Pilar Primo de Rivera e un cancioneiro da Falange Española de las JONS. Interésame a influencia da Falange na forma de facer música tradicional; que, para ben e para mal, é maior do que se cre. José Antonio ten cousas que me interesan a nivel teórico. Interésame a parte socialista do fascismo, pero non a práctica. Quero coñecelo porque eso volve agora.

Volve pedindo armas para "la gente de bien".
Eu falaría con Abascal. Non estamos de acordo, pero falaría con el. Os dous somos persoas. O amor é o único que pode solucionar todo.

Falange Española
"Interésame a influencia da Falange Española na forma de facer música tradicional"

E se a convence para que se compre unha pistola?
A única vez que vin unha pistola de fronte foi en Arxentina. Ensinouma un pistoleiro. Pregunteille por que se dedicaba a iso. "Para que mi hija pueda aprender a leer, tengo que trabajar por la noche", díxome. Unha bala é sorprendente. Poden curtarche as pernas e sigues vivindo, pero unha bala que é tan pequena, pode matarte en décimas de segundo.

Que faría se lle quedase unha hora de vida?
Non me daría tempo a todo o que quero facer...

Dígame unha cousa.
Deixaría todo en orden para que as miñas irmás lle quedase o que precisasen. Son o que máis quero.

Falemos de Rabia ao silencio. Empezou a súa carreira facendo música norteamericana e coa súa voz ao nivel cos instrumentos. Neste disco predomina a música suramericana e reduciu a instrumentación. Potencia a mensaxe?
Este disco nace como un espectáculo. Os amigos convencéronme para gravalo. Fixen as traducións e adaptei as cancións, pero non o considero meu porque non son composicións miñas. Respecto tanto á xente que está aí...

As letras falan de emigración, alfabetización, revolucións, propiedade da terra,... Están vixentes?
Estamos en 1935. Dixeron que Adolfo, Benito e Francisco eran fantoches e mire...

Música política
"Maluma tamén expresa as súas ideas. Toda a música é política. Maluma defende un sistema político"

Por iso fai cancións políticas.
Detesto que se fale de música política, toda música é política. Maluma defende un sistema político e económico. Non existe a canción protesta; existe a canción testemuñal. Convidaron a Silvio Rodríguez e a Pablo Milanés ao primeiro festival suramericano de canción protesta. Pablo preguntou a Silvio que era a canción protesta. Silvio contestou: "No sé, yo voy a cantar lo que canto siempre".

Entre os seus libros vin tamén varios de Francisco Umbral.
Gústanme Umbral e Cela, gústame Sabina; non entro na súa ideoloxía. Ante o talento ríndome. Hai xente á que lle gusta a beleza; a min, o talento. Incluso sexualmente

 Vostede actúa diante de auditorios repletos. Milonga de aquí dedícalla "aos presos políticos". É consciente de unha boa parte dos espectadores que pagan por escoitala non comparte esa mensaxe.
Si que a comparten, pero non están preparados aínda. Hai que ter unha visión máis distante, con perspectiva histórica. Que muller consideraría que dedicarlle un tema ás sufraxistas é incorrecto?.

É cuestión de tempo que eses espectadores aproben o seu xesto?
Mandela e Mújica eran os mesmos en prisión que gobernando.

Rabia ao silencio está definido ideoloxicamente. Vostede vive da música. O contido das súas letras teñen máis aprobación política en pubs que en teatros. Non lle preocupa?
Teño 36 anos, seis máis que cando morreu o meu pai. Dedicareime á música mentres á xente lle guste o que eu quero facer. Non vivirei cincuenta anos máis. Non ten sentido pensar en ser maior. A maior parte das persoas do planeta non chega a ser maior. É un privilexio.

A morte do seu pai marcouna.
Non coñecer o teu pai é raro. Tamén difícil porque son unha fotocopia del. A miña nai educoume na idea de que non vou ter 25 ou 26 anos outra vez. Eu era unha boa estudante. Cando lle consultei se debía seguir pola vida académica ou pola musical díxome: "Desde que te coñezo es feliz cantando e es responsable". Hai pouco empecei Filosofía. Tiven que deixala, pero espero retomala. Gústame estudar porque mantén o cerebro áxil. Agora fago boxeo.

O título do disco correspóndese co dunha canción de Atahualpa Yupanqui. El tamén fora boxeador. Que ten ese deporte?
É coreográfico. Son bailadora. Pegar é o de menos. Aínda que fagas corredor se te despistas, chupas. É duro fisicamente. Cansa moito e evita comer ansiolíticos. Antes corría dez quilómetros diarios. Empecei porque teño moita enerxía. Estou no gremio máis indicado para drogarse, pero non me droguei nunca. Cada quen é libre de meter no corpo o que queira.

Volvamos ao disco. Vai acabar a entrevista sen que o argumente.
É que non teño un discurso musical. Non son Michael Nyman para dicir que quixen facer un disco máis acústico ou máis eléctrico. Fago cancións. Non falo de música, falo da vida. Non digo nada que non poida dicir outro ser humano. Non son máis que iso: un ser humano. Non quero ser máis que os que aparecen no disco: Atahualpa, Carlos Puebla, Billie Holliday,... persoas humildes. Crieime con esa xente, empuxáronme a pensar. Unha vez estaba escribindo na casa e puxen A desalambrar, de Víctor Jara. Parei de escribir e empecei a reflexionar. A letra, que é de Daniel Viglietti, di: "Yo pregunto a los presentes/ si no se han puesto a pensar/ que esta tierra es de nosotros/ y no del que tenga más". Esas cancións que están no disco ensináronme a ser solidaria, a ser humilde, a empatizar. Tamén a aceptarme. Houbo un tempo en que me miraba no espello e me gustaba nada. A miña biblioteca salvoume dun transtorno alimentario.

A música do azar. "Tivéronme para que o meu avó enfermo coñecese un neto"

Tatuaxes de Sés. MONCHO FUENTES

María Xosé —o nome civil de Sés— non estaba prevista no plan dos pais. Foi concibida para dar unha alegría a un avó.

Dedica o disco ao seu avó Juan.
O meu avó tiña unha enfermidade crónica. Fixéronlle o primeiro transplante de ril do hospital da Coruña. Dábanlle catro anos de vida. Os meus pais tivéronme para que coñecese un neto. O meu avó durou vinte anos e o meu pai morreu de novo. Nunca sabes. O meu avó estaba sempre lendo. Era mecánico de barcos e coches. Nunca me negou ningún libro. Cando tiña catorce anos pedín un libro do Che Guevara. Traía un póster, que eu puxen na habitación. El era monárquico. Cando viu o póster dixo: "Vaia! Saiume unha neta roja!". Falaba moito. Viñan os amigos pola casa e estaban falando durante moitas horas. Eu son igual. Os amigos chaman O Burato Negro á miña casa porque saben cando entran, pero nunca cando van saír.

"Os amigos chaman O Burato Negro á miña casa porque saben cando entran, pero nunca saben cando van saír"

Que música escoitaba o seu avó?
Escoitaba zarzuela, boleiro, música clásica,... Con cinco, seis anos, o meu disco favorito era un de música clásica de Nana Mouskouri. Esa música levoume a outra. Son unha consumidora compulsiva de música. Consumo o 99,9 por cento do tempo e no 0,1 restante son produtora de música. A música ten un discurso a moitos niveis; é un discurso musical, non lírico. Todos os seres humanos somos sensibles á música. Tolstoi dicía que a música é unha enfermidade porque domina o espírito.

Sen embargo, Rabia ao silencio ten un discurso marcadamente lírico. Comentabamos que as letras son fundamentais na súa escolla a pesar de que foron concibidas para outras épocas e espazos.
Non son realidades tan diferentes. Canto Raro froito e aí están os supremacistas. Canto O son da alfabetización. Damos por sentado que todo o mundo le, que todo o mundo ten zapatos. A maioría dos seres humanos do planeta non sabe ler nin ten zapatos. Non son as miñas opinións, son datos. Están nos periódicos, pero a xente é inmune aos datos.

Cantos temas prepara para gravar?
Uns trinta. Non achego nada ás cancións. Intentei que soasen ben as traducións do español e do inglés. Non gravei hits porque xa son hits. O peso referencial do hit é excesivo, é difícil que soe ben na nosa lingua. Intentei facer a tradución máis exacta posible estetica e semanticamente, e que os temas estivesen repartidos xeograficamente.

Imaxe pública. "Empecei na música e a xente decidiu que son arrogante"

Novo disco de Sés. MONCHO FUENTES

"Todo o mundo ten a imaxe de que son unha estirada. Semello distante porque non son riseira", recoñece.

De onde pensa que vén esa imaxe que hai de vostede?
Eu era a boa da familia, estudaba e non desobedecía; coidaba dos maiores. De repente, empezo a traballar na música e a xente decide como son. As mulleres temos que ser submisas e ter unha determinada estética. Se non, somos vistas como arrogantes e soberbias.

No seu caso pode ter que ver co xeito vehemente no que defende as ideas políticas?
Se defendo unha postura dan por sentado que non contemplo a parte negativa. A homofobia cubana non se xustifica polo bloqueo. Pero o que critico non é culpa da teoría. Marxismo e existencialismo parecen incompatibles, pero estamos condenados a ser libres colectiva e individualmente. Tardaría horas en explicar o que penso para que unha persoa entendese a miña visión.

O problema é de recepción?
Non, é que somos complexos. Non son nacionalista, son independentista. Estaría encantada nun Estado federado, pero non como este. Non nos serve. A lingua vai morrer en 50 ou 60 anos. É duro que pensen que careces de estudos por cantar en galego cando teño dúas carreiras e un máster.

"Practico boxeo porque é duro fisicamente; cansa moito e evita ter...
Comentarios