Sés chegará en novembro con 'Diante un eco', sobre a repetición da historia

A artista estará o día 14 de xaneiro en Lugo para tocar un disco máis alegre co mesmo fondo social
María Xosé Silvar, Sés, na súa casa. AEP
photo_camera María Xosé Silvar, Sés, na súa casa. AEP

Diante un eco está a piques de saír á luz. Trátase do novo traballo discográfico de Sés, que será o número 8 nunha carreira de once anos que a consolida como un dos principais referentes da escena musical galega.

Co seu habitual discurso valente, novidoso, contundente e directo, a cantautora fai referencia con este título á concepción cíclica da historia, tristemente avalada pola deriva sociopolítica dos nosos días, segundo explica ela mesma.

O disco tamén é unha volta aos inicios, pero desde o oficio e a madurez e, sobre todo, desde unha visión alternativa da sofisticación, horizontal e intercultural. Con este novo traballo, Sés reafírmase na estética popular da que se considera amante e debedora, sen complexos e sen renunciar á calidade poética que caracteriza a súa música, que viaxa entre ritmos americanos do norte e do sur, repensados en galego e en feminino.

Sala tebras

 Acompañada de toda a súa banda, volverá pisar as táboas dos principais escenarios de Galicia, España e Latinoamérica para presentar ao vivo este novo disco, que sairá a luz o día 25 de novembro. No seu inicial percorrido por Galicia, están programados concertos en Lugo para o 14 de xaneiro na sala Tebras.

En A Coruña tocará o 10 de decembro e en Santiago, o 17 dese mes. En Ourense, o 21 de xaneiro, en Vigo, o 28 de xaneiro e en Narón, o 3 de febreiro. Os espazos elixidos son o Palacio de la Ópera (A Coruña), o Auditorio de Galicia (Santiago), auditorio municipal de Ourense, o auditorio Afundación (Vigo), e o auditorio de Narón. A continuación, iniciará unha xira polo resto de España con paradas xa programadas en Ponferrada e Madrid.

"Apetéceme estar rodeada de música fresca e alegre, pero non podo evitar ser lúcida á hora de pintar a realidade e a deriva sociopolítica que estamos a vivir", explica Sés unhas semanas antes do lanzamento de Diante un eco. "É o eco dun pasado tráxico, da volta aos totalitarismos, da lousa dunha profunda e crecente desigualdade social, dos retrocesos en igualdade de xénero", afirma a artista coruñesa.

Como nos seus traballos anteriores, Sés preséntase como o altofalante certeiro que defende todo aquelo no que sería ideal crer, cuestionando o establecido e facendo un chamamento á unión e á dignidade.

Como fenómeno underground que basea o seu éxito na seu carisma e a súa forza persoal, Sés presenta neste remate do 2022, cando se cumpren 11 años do seu primeiro disco, un traballo máis alegre e fresco que os anteriores e igual de fiel ao seu estilo: unha mestura coas doses exactas de rock and roll, tradición oral galega e certa cadencia de canción de autor latinoamericana con actitude punk, reivindicación e manexo escénico, según aseguran os promotores da súa xira.

Cunha carreira que non parou de medrar desde que publicou o seu primeiro disco en 2011, Sés, triunfou na Galiza e máis aló grazas á súa proposta ecléctica que vai do rock ao blues pasando pola canción de autor latinoamericana, con espazo tamén para a alma de cantareira que hai no seu interior.

Comentarios