''Hace años que llevo en mi repertorio poesías de Curros''

(Fotos: mariadoceo.com)
photo_camera (Fotos: mariadoceo.com)

A fadista María do Ceo está vinculada á música e aos fados case desde o berce, pois o seu pai tamén era fadista. Está considerada como unha cantante de fados tradicional e algúns críticos mesmo a consideran a sucesora de Amália Rodrigues.

María do Ceo é corpo de muller e alma de fado. Nas súas cancións transmite melancolía, dozura, paixón e tenrura a partes iguais. Pero tamén se sente galega. No seu novo disco canta poemas de Curros e Celso Emilio Ferreiro.

A artista, nada en Porto e que reside desde hai tres décadas en Ourense, estará acompañada nos seus próximos concertos polos músicos portugueses Armindo Fernandes (guitarra portuguesa), Miguel Gonçalves (viola) e Filipe Pereira (acordeón).

Pregunta: A súa concepción do fado é clásica. ¿Considérase da escola de Amália Rodrigues?

Resposta: Escola non tiven. Admiro moito a Amália, por suposto; pero comecei a cantar por accidente. Eu cantaba en grupos de amigos, en festivais benéficos... e con iso ía matando o bechiño da música, pero non sabía se servía para isto. Cando fiquei no paro alguén me animou e fun comprobando que gravaba discos e que enchía escenarios. Agora levos 16 anos cantando.

Unha voz que mellora cos anos

P: ¿Que representaron eses 16 anos para a súa voz?

R: Foron moi positivos. A voz mellora cos anos porque a voz do fado precisa de tempo, repouso e matices na voz e no sentimento.

P: Vostede logrou a rareza de ter un disco de platino en Galicia con Dúas almas do Miño.

R: Si, é un disco ben bonito, con poemas de Moncho Borrajo e música de Arlindo de Carvalho. Graveino con Segundo Grandío en Casa de Tolos. Agora veño de gravar en Ourense outro disco, No bico un cantar, con poemas de poetas das terras de Celanova. Ten, sobre todo, poemas de Curros; pero tamén de Celso Emilio Ferreiro, Xosé Luís Méndez Ferrín e Castor Elices. Será un libro-disco e sairá no vindeiro mes de xuño.

Cen anos sen Curros
P: ¿Por que tivo un maior interese por Curros?

R: Este ano cúmprese o centenario da súa morte, pero eu sempre fun admiradora de Curros. Hai anos que levo no repertorio poesías súas musicadas, como Unha noite na eira do trigo ou O maio. Neste álbum gravei, por vez primeira, cancións musicadas por min. Son nove en total e entre elas está o poema de Curros chamado ¡Ai!

P: ¿E a poesía galega casa ben co fado portugués?

R: Casan ben porque o sentimento é igual. Se nacesen en Portugal estes poetas estarían cantando fados. As poesías de Rosalía ou Curros son fados porque son melancólicos. O que ten que ter un bo fado é unha boa letra. Cando cantas Unha noite na eira do trigo, cantas unha historia de abandono pola emigración cun final tráxico.

Filla da emigración
P: ¿Por que nomeou o espectáculo Fado e outras músicas?

R: Porque canto fados e tamén boleiros, tangos e mesmo aires de música dos anos 30. Curros ou Celso Emilio foron emigrantes e os emigrantes traían sons. Pensei que podería musicar os poemas galegos con sonoridades de todas as partes nas que estiveran os emigrantes galegos. Tamén os portugueses emigraron moito.

P: De feito, vostede é filla da emigración.

R: Si, o meu pai era de Barcelos e foi para Ourense coa encarga de pintar o escudo do Banco de España. Logo, atopouse tan ben, que non deu marchado.

P: Usa acordeón e achega o fado ao boleiro. ¿Como se adaptan?

R: Ao público gústalle porque escapa do tradicional. A xente purista non entende que o importante no fado é a alma do que se quere transmitir, sen importar tanto se é máis ou menos melodioso.

'Transmito máis coa gorxa ca co corpo'
P: Os puristas andan tamén enfadados coas novas fadistas, coma Mariza ou Katia Guerreiro.

R: As novas fadistas teñen unhas voces espléndidas e son polivalentes. Katia é médica e canta porque lle gusta. Mariza é un produto moi ben feito. Iso non quere dicir que non sexa unha cantora estupenda, das mellores.

Eu gusto de Dulce Pontes; é a que chega máis das vivas. A nova xeración ten poderío enriba dos escenarios e teñen imaxe, mercadotecnia. Eu son distinta, máis da liña de Amália Rodrigues. Visto de negro e teño un xeito moi clásico de estar no escenario, mesmo fisicamente.

P: ¿Móvese pouco, logo?

R: Si, transmito máis coa gorxa, coas mans e coa ollada que co corpo. Nos meus concertos non hai nada feito. Observo o público para ir cambiando o repertorio sobre a marcha; miro se quere máis fado ou máis música popular.

P: ¿Que temas soan nos concertos que está dando?

R: O repertorio está baseado no meu último traballo, Tan lonxe, tão longe. Os discos fanse vellos enseguida. No momento en que subo ao escenario a xente quere A casa portuguesa, María la portuguesa e outros clásicos. Por iso canto durante dúas horas, porque tamén repaso os discos anteriores.

Comentarios