"Sempre foi un corazón andante ao servizo das persoas máis necesitadas"

Familiares como o seu primo, José Manuel Mato, ou mesmo o seu amigo de Fuxan os Ventos Mero Iglesias din que Xesús Mato "deixa un gran legado"
O crego Xesús Mato, acompañado de Mini e Mero no Hectómetro Literario de Vilalba. EP
photo_camera O crego Xesús Mato, acompañado de Mini e Mero no Hectómetro Literario de Vilalba. EP

"Comprometido, referente, fundador e inconformista", son algunhas das palabras que máis se repiten entre os achegados de Xesús Mato, que máis que con tristura, prefiren recordar ao creador de Fuxan os Ventos "cun profundo orgullo e co pensamento positivo que a el o caracterizaba". Así o asegura o seu primo menor e exalcalde de Paradela que este ano se presenta como número cinco nas listas do PP á Xunta, José Manuel Mato, que tivo a "fortuna de poder medrar ao seu carón".

Un dos primeiros recordos que se lle vén á cabeza con el é o momento no que Xesús Mato o levou a estudar con el a Lalín. "Eu tiña 9 anos, e el 24, e xa vía que a xente o quería moito, porque alí comezou o seu activismo e a súa vocación por estar sempre do lado dos máis necesitados", di o exmandatario, que afirma que o seu primo "sempre camiñaba ás présas e sen axenda, pero nunca faltaba a ningunha das súas citas. Eu non era capaz de seguirlle o ritmo".

"Un todo terreo"

Máis aló do seu traballo como crego, no que destacou polo seu férreo compromiso coas persoas con discapacidade, Xesús Mato foi "un todoterreo, un home comprometido coa cultura e a música galega que non fallaba nunca á súa labor social", di o seu primo, que admite que Mato "sempre foi un corazón andante ao servizo das persoas máis necesitadas". E é que, ademais de concertar misas especiais os domingos, o certo é que el foi, en palabras do seu parente, "un dos encargados de dar apoio a estas familias para que se vinculasen ante unha sociedade que os tiña relegados".

José Manuel Mato, que ademais de primo foi o alcalde de Paradela durante case 45 anos, recoñece que para el é "unha honra contar con representación de alguén como el no concello, porque é unha figura que se vinculou sempre a superactividade da promoción da cultura e da lingua galega". El mesmo o define como "un dos pais da nosa cultura, porque se encargou de abrir moitas fronteiras e de poñer a verdade por diante de calquera cousa".

José Manuel Mato, exalcalde de Paradela: "O meu primo era un home que sempre camiñaba ás présas e sen axenda, pero nunca faltaba a ningunha das súas citas. Eu non lle seguía o ritmo"

O exalcalde asegura que a súa familia garda na casa moito do traballo de Mato ao longo da súa vida, tanto material como inmaterial, do que senten "un forte orgullo". José Manuel defíneo como "un home moi intelixente, un activista que non impoñía, senón que propoñía, e sempre dende o positivismo", e incluso recorda como Mato lle contaba sempre o momento no que Fuxan os Ventos saiu fóra do país por primeira vez e como o primeiro que fixeran fora colocar unha bandeira de Galicia.

Xesús Mato, xunto a varios adolescentes en Piornedo. EP
Xesús Mato, xunto a varios adolescentes en Piornedo. EP

Forte admiración

Mero Iglesias, un dos fundadores de Fuxan os Ventos, que mesmo o ano pasado decidiu facer unha revisión persoal da traxectoria da primeira banda no seu libro Quixo o paxaro pousar na póla o seu chío, afirma que sente "moita pena" pola marcha de Xesús Mato, pero tamén "unha forte ledicia por telo coñecido e por formar parte activa dun proxecto como foi Fuxan, porque penso que todos nós temos unha forte admiración por el".

Hai apenas uns días que o exintegrante de Fuxan visitaba ao crego, sabendo en parte "que xa chegaba o seu momento", pero o certo é que Mero Iglesias asegura que Mato "permaneceu activo ata o final dos seus días, porque tivo unha vida gloriosa, chea de proxectos".

Mero Iglesias, exintegrante de Fuxan os Ventos: "Sinto pena pola súa morte, pero tamén unha forte ledicia por telo coñecido e por formar parte activa dun proxecto como Fuxan os Ventos"

O seu amigo e excompañeiro recórdao como un home "cun ánimo extraordinario" e afirma que "deixamos atrás a unha gran persoa e ao servidor de toda unha comunidade, porque el tamén foi un musicólogo e un dos grandes defensores da lingua galega en todos os sentidos". Define a súa traxectoria persoal, social e laboral de "encomiable", e espera que permaneza en pé durante moitos anos.

Por toso isto, familiares, amigos e excompañeiros choran a morte dunha das figuras máis salientables da cultura galega, que deixa tras de si un gran legado "que permanecerá activo na vida de moitas persoas".

Comentarios