A Semana de Cine de Lugo proxectará 135 películas e rendirá tributo aos Coira

A homenaxe aos directores rabadenses consistirá na proxección dos seus filmes e unha placa na súa honra no parque de Frigsa ► A mostra celebrarase este mes desde o 18 ata o 23, tempo no que se poderán ver máis de 20 cintas ao día de entre as 2.300 enviadas
De esquerda a dereita, Manuel Curiel, Maite Ferreiro, Javier Arias, Iria Castro, Ana Traseira e Xulio Xiz. SEBAS SENANDE
photo_camera De esquerda a dereita, Manuel Curiel, Maite Ferreiro, Javier Arias, Iria Castro, Ana Traseira e Xulio Xiz. SEBAS SENANDE

A Semana de Cine de Lugo chega á súa 45º edición cun tributo aos directores rabadenses Pepe e Jorge Coira, que prolongarán coa súa placa o Paseo do Cine do parque de Frigsa. Ademais, proxectarase unha retrospectiva dos seus filmes no edificio da Xunta, no marco dun festival cinematográfico que se celebrará desde o día 18 ata o 23 deste mes co visionado de 135 películas.

"Os irmáns Coira levaron o nome de Lugo polo mundo cun cine de calidade. Son dos mellores a nivel mundial, contando quizais, con menos recursos", sinalou a concelleira de Cultura, Maite Ferreiro. O presidente co colectivo Fonmiñá, Xulio Xiz, acompañado de Manuel Curiel, tamén aproveitou para destacar que os lucenses contan con todos os elementos necesarios para "ser considerados grandes do cine e de Galicia" e que é unha honra para a organización que pasen a engrosar o Paseo do Cine.

Como parte da homenaxe, proxectarase unha retrospectiva dos cineastas, e na que se poderán visionar cintas como Eloxio da distancia, Eroski Paraíso ou Código emperador, protagonizada polo actor lucense Luis Tosar. Esta terá lugar no edificio da Xunta, escenario que se incorpora por primeira vez ao "festival de cine máis antigo de Galicia", como sinalou o delegado territorial, Javier Arias.

Tamén se estrea na organización da Semana de Cine a Uned tras a renuncia da Universidade de Santiago de Compostela. A súa directora en Lugo, Ana Traseira, declarouse "usuaria do festival desde hai moitos anos" e destacou o "luxo que supón para a institución" colaborar coa cita.

Un festival de prestixio en toda a comunidade galega que chega á súa 45º edición en mellor forma ca nunca. Este ano proxectaranse 135 filmes seleccionados entre os 2.300 enviados, na "mellor das semanas en canto a programación en todas as edicións que recordo", afirmou Xiz.

Na sección oficial veranse The quiet girl, El caftán azul, El acontecimiento, Empieza el baile, Hasta que el amor nos separe e Cuando la alondra canta ás 22.30 no auditorio Gustavo Freire.

Mención especial require tamén o cine galego, do que se poderán visionar ata 40 películas no Vello Cárcere e que "representan a boa saúde do audiovisual da nosa terra", sinalou Arias. Entre os títulos destacan Os vestixios coa lucense Melania Cruz ou A rabia, protagonizada por Xosé Antonio Touriñán e Morris.

A provincia de Lugo estará tamén presente na mirada de David Fidalgo en Sandwich cat ou en Verbas e memoria. Miña tía Elena, da man do burelés Breixo Llano.

A conexión entre Galicia e o país veciño tamén estará presente na sección Portugal. Tan cerca, tan lonxe, na que se poderán visionar películas como A raia. No capítulo de homenaxes, destacan, Delicioso, Amor sen barreiras e El amigo americano, a primeira película que se emitiu nunha Semana do Cine de Lugo.

No campo da fotografía, unha actividade que Fonmiñá cultiva xunto ao cinema, haberá un recoñecemento a Anxo Arias Prado, de Foto Oliver, asentado en Viveiro desde hai 40 anos e onde desenvolveu a súa actividade profesional.

As proxeccións de Semana de Cine de Lugo volverán saír das salas habituais para achegarse á Deputación provincial e a recintos penitenciarios, como Bonxe ou Monterroso.

Comentarios