sábado. 18.09.2021 |
El tiempo
sábado. 18.09.2021
El tiempo

A Semana de Cine de Lugo proxectará 135 películas e reivindicará a Berlanga

undefined
Manuel Curiel, Javier Arias, Maite Ferreiro, Montse Valcárcel e Xulio Xiz. SEBAS SENANDE
O certame, que terá 6.500 euros en premios, celebrarase entre os días 20 e o 28 de setembro

A entrada en Lugo do director Luis García Berlanga aquel agosto pesado foi bastante berlanguiana. Subiu dende A Tolda nun maxestuoso Citroën negro dos que chamaban 'pato' pola forma longa e elevada do morro. A parada na cidade tiña por función "recuperar fuerzas" na longa viaxe.

O director paseou polo parque de Rosalía e seguiu camiño. O periplo acabou en Vigo, onde se entrevistou co produtor Cesáreo González, que lle financiou tres películas nas que puxo en bobina os coñecementos que adquirira no Instituto de Investigaciones y Experiencias Cinematográficas de Madrid, que dirixía o mindoniense Victoriano López García.

A Semana de Cine de Lugo vai homenaxear a Berlanga polo centenario do seu nacemento na edición deste ano, a 43ª, que se desenvolverá entre os días 20 e 28 deste mes con películas como '¡Bienvenido, Mister Marshall!'. Haberá unha mostra centrada na súa figura e outra a imaxes da Asociación Fonmiñá. Tres películas do director valenciano serán vistas en Aspnais e os cárceres de Bonxe, Monterroso e Teixeiro.

Outros ciclos estarán dedicados ao Camiño Primitivo, Emilia Pardo Bazán, Guitiriz e a pandemia ata completar as 135 obras que se proxectarán no Gustavo Freire -con 340 prazas-, a Deputación Provincial, O Vello Cárcere, a Biblioteca Provincial e o Vicerreitorado da Universidade. Os horarios son ás 18.00, 20.00 e 22.00; coa excepción das 19.30 na Biblioteca Provincial. As entradas da sección oficial e 'Xoias do ano' son de 3 euros e na Infantil, de 2.

O presidente de Fonmiñá, Xulio Xiz, explicou que haberá outra homenaxe ao actor de Riotorto Luís Iglesia. Colocarase unha placa co seu nome no paseo do cine que se atopa no parque de Frigsa. O mesmo vai facerse con Frank Braña, o fonsagradino "que é o actor que máis veces morreu no cine" e que foi homenaxeado na Semana do ano 2007.

Tamén haberá un recordo especial para o fotógrafo de Vilalba Valentín Purriños, que vai encarnar un recoñecemento a estes profesionais que exerceron o seu taballo ao longo do pasado século na provincia de Lugo. Foto Purriños recibirá o Trofeo Fonmiñá.

Coordenador. O coordenador do certamen, Manuel Curiel, comentou que as películas enviadas de todo o mundo que aspiraban a ser seleccionadas para a Semana de Cine de Lugo chegaron ás 2.250. Curiel estima que puido influír o aumento na contía dos premios, que chegan a 6.500 euros.

Sección oficial: acudirá a directora Valeria Selinger 
A realizadora arxentina Valeria Selinger presentará a proxección de ‘La casa de los conejos’,unha historia de represión na ditadura dos anos 70, que se proxecta na sección oficial. Nese mesmo apartado,que se verá no auditorio municipal, figuran tamén ‘Surcos’, de Julio Mazarico; ‘El arte de volver’, de Pedro Collantes, e ‘Deux’ de Filippo Meneghetti. Tamén poderán verse ‘Martin Eden’, de Pietro Marcello, ou ‘Almas rotas’, de Juan Pablo Arroyo.

‘Xoias do ano’

A sección ‘Xoias do ano’, que se verá no Gustavo Freire, comeza con ‘Trenes que van al mar’, de Hugo Obregón e Manuel Álvarez o día 20. Seguirá con ‘El informe Auschwitz’, de Peter Bebjack; ‘Oro blanco’, de Gimur Hakonarson; ‘23 paseos’, de Paul Morrison; ‘Una veterinaria en la Borgoña’, de Julie Manoukian, e ‘14 días, 12 noches’, de Jean Philippe Duval.

E para comer... Lugo

Outros ciclos son ‘Cine de nacionalidades’, ‘Cine documental’, ‘A outra beira’, ‘Cine e fotografía’ e ‘E para comer... Lugo’. 

A Semana de Cine de Lugo proxectará 135 películas e reivindicará a...
Comentarios