A Semana de Cine de Lugo pasará a outubro na procura de público universitario

Os organizadores prefiren que estea comezado o curso. A asociación Fonmiñá pasa a ser unha fundación

Cartel da Semana do Cine de Lugo. VICTORIA RODRÍGUEZ
photo_camera Cartel da Semana do Cine de Lugo. VICTORIA RODRÍGUEZ

O director da Semana Internacional de Cine de Autor de Lugo, Manuel Curiel, anunciou este martes a intención dos organizadores de atrasar a celebración do certame -que se vén facendo en setembro- a outubro. Dese xeito, a Semana do ano vindeiro desenvolveríase entre o 21 o 26 de outubro. Na edición de 2018 tivo lugar entre os días 10 e o 21 de setembro.

O responsable do evento alega que pretenden programala na segunda quincena de outubro para poder "metela tras o San Froilán para poder coller estudantes", pois celebraríase "co curso xa empezado".

O colectivo promotor da Semana, o Grupo Fotocinematográfico Fonmiñá entende que setembro "non é o máis propicio para a organización, tendo en conta que os meses de xullo e, especialmente, agosto son inhábiles para calquera trámite". A consecuencia é que esa situación os obriga "a pechar o programa do festival a comezos de xuño co que se perde a actualidade cinematográfica das estreas e a necesidade de estar ao día".

"Pensamos que podería ser bo momento para as próximas Semanas celebralas na segunda quincena de outubro, como prolongación das Festas de San Froilán, e tendo xa comezado o curso na Universidade de Santiago, co que ampliamos o abano de cinéfilos que poden asistir ás proxeccións", aseguraron representantes de Fonmiñá.

O colectivo fotocinematográfico trasladou esa idea a Xunta, Deputación, Concello e Universidade de Santiago.

Na proposta inclúese "a posibilidade de transformar a actual asociación (Grupo Fotocinematográfico Fonmiñá) na fundación Fonmiñá". Tras ese cambio, agardan que poida ser declarada como de "interese galego".

O colectivo convidou ás institucións que patrocinan o certame -Deputación Provincial, Concello de Lugo, Xunta e Universidade de Compostela- "para someter calquera decisión importante ao criterio das entidades que posibilitan que a Semana de Cine de Lugo sexa o certame máis antigo de Galicia".

Manuel Curiel opinou que a fórmula da fundación "para ter máis forza nos ámbitos estatal e galego". Entende que a entrada das institucións na representación da Semana permitirá mellorar a fluidez das axudas que se reciben para organizala. O responsable do certame desbota que esa proposta supoña "unha perda de control" sobre a programación do certame.

Comentarios