miércoles. 25.11.2020 |
El tiempo
miércoles. 25.11.2020
El tiempo

Se o público espertase nun posmoderno

A historia do teatro galego recente é un pouco ‘postdrama’. Ten todas esas incertezas propias dun xénero con ánimos literariamente suicidas. A Asociación de Actores e Actrices de Galicia lembra que van trinta anos e algunhas batallas. Non todas foron perdidas porque eles aínda están aquí

COMO TANTAS cousas no presente contemporáneo, o ‘postdrama’ defínese polo que non é. Non ten definición e a pesar da querenza dos académicos polos xéneros literarios, ‘postdrama’ non aparece nos dicionarios e quedo obrigado á dúbida. Pero mentres estou entrampado entre escribir con ou sen ‘t’ reparo en que isto tamén é ‘posdrama’ e xa teño ganas de continuar o debate interior e escribir unhas veces con ‘t’ e outras veces sen el, como se uns parágrafos fosen normativo e outros reintegrado e confiase na intelixencia dos lectores para entender a diplomática resolución do dilema. Quizais os votantes nacionalistas en Galicia entendan a natureza do dilema postdramático.

O que define o ‘posdrama’ son o resto dos xéneros e ben pode pasar que a día de hoxe, domingo de decembro, o lector estea vivindo un día histórico. A prensa, as enquisas, as televisións, os candidatos, os voceiros dos candidatos, os entrevistadores dos voceiros dos candidatos, os moderadores de debates, os non candidatos obrigados a apoiar os candidatos levan explicando sen moderación e sen confirmación científica que hoxe é un día histórico. Se un día coma hoxe, á porta dun colexio electoral, un espectador pensa que si, que hoxe é un día histórico e que ese país mal suturado que responde ao nome de España vai cambiar e non para peor, entón vive no drama. Ou quizais viva no sentimento tráxico. Se, pola contra, outra espectadora, á porta doutro colexio electoral, pensa que na vida non hai momentos históricos e, que independentemente de quen presida o goberno, mañá será outro día coas mesmas miserias que este —ou peor porque será luns— e terá que volver varrer porque o soldo non dá para un robot aspirador que deixe o chan esnifado antes de que regrese de traballar, e a súa débeda non se reducirá e nin sequera contará xa con ese vello dereito —non sabe se da vella política— que garantía que a antigüidade dos traballadores era un recurso. Antes, era vella e tiña trienios. Agora só é vella. Se coa papeleta na man a espectadora reflexiona que quizais ese acto non sirva para nada ou sexa apenas un eco de bater de ás de bolboreta —por que din que esta é a palabra máis bonita do galego?— entón a espectadora vive no ‘postdrama’.

A historia do teatro galego recente —o adxectivo é case inútil neste caso— é algo ‘posdramática’. Non é buscado, nin vocacional. É que lle falta esa man unificadora coa que se escribe a historia. Fáltalle algo da lóxica do discurso que, as máis das veces, é invención. A Asociación de Actrices e Actores de Galicia (AAAG) ten vivido días históricos. Como se fan trinta anos de asociacionismo, no sector hai vocación de reconto. Recontar serve para as batallas dos avós ou para realimentación do vivido. Outras veces serve para a constatación de que a resistencia, sa virtude que se nos apón aos galegos, é un defecto.

A pesar dos éxitos semella que o teatro galego vive sen vivir nel e algunhas das preguntas que se fan non variaron en trinta anos. A humanidade non avanzou e o país tampouco. De conxunto, hai unha certa idea de avance no artístico e regresión en todo o demais. En parte porque estas análises se fan con medidores diferentes: o artístico mídese con aquelas compañías que funcionan —poñamos por caso esta temporada: Chévere, Il Maquinario, A Panadaría, Atlántico, Carlos Blanco...—. Todo o demais mídese pola media e aí hai menos traballo, menos funcións, menos salas, menos público. Hai menos de todo, que é unha sentenza que ningún discurso electoral pode achicar e que a práctica política non quere evitar. Achicarnos a nós é o xeito de permanecer eles.

En moitos sentidos, facer é teatro é conseguir que as miserias que fan o mundo non se noten no escenario. Que non se noten as furgonetas alugadas, nin os decorados refeitos, nin o vestiario remendado, nin que se vai a polo que dea a taquilla e só hai cincuenta persoas sentadas. Pero hai algo de engano nisto porque cando se escribe a historia, case todo o mundo pon o foco nos éxitos. A xente do teatro ten tendencia a escribir a historia dos seus fracasos. Son xente sincera cun programa de promoción horrible.

Neses trinta anos de historia, ademais dalgunhas recadacións boas, hai un convenio colectivo que, para a profesión, é como unha constitución. E pode ser difícil porque na vida mesma a distancia entre quen forma parte da patronal e quen traballa está moi ben marcada. Pero no teatro galego as clases están difusas. Como a lóxica que obriga a remedir todo antes de facer comparacións. E no teatro galego sucede que os donos das compañías e os seus traballadores son a mesma persoa ou que alguén é dono dunha compañía e traballador noutra.

Ten esa experiencia variable que de primeiras parece facelo todo máis fácil, pero que complica moito máis as cousas. Porque a inmediatez só serve para complicar. No teatro galego, a patronal e os traballadores son case os mesmos e iso si que me parece vivir no máis integral do ‘postdrama’.

Se o público espertase nun posmoderno
Comentarios