sábado. 04.12.2021 |
El tiempo
sábado. 04.12.2021
El tiempo

A saudade do Darío da Inés

Ao Darío gustáballe camiñar pola súa terra, achegarse ata o río Anllo, a só uns pasos da súa casa, percorrer vellas sendas coma a que leva á Chousa Vella ou atesourar as lembranzas do curro da Veiga Redonda.EP
Darío Xohán Cabana nacía na parroquia cospeitesa de Roás, onde deu os seus primeiros pasos, compartiu xogos e foi á escola, ata que eses estudos o levaron lonxe dunha terra labrega á que sempre volvía, física e literariamente. Sábeno ben os veciños, que só teñen boas palabras para quen foi, ante todo, "unha boa persoa"

"SON DO POBO DO DARÍO", din algúns veciños da parroquia de Roás, en Cospeito, para referirse á súa procedencia, coma se dun GPS vital se tratase. E quizais si, porque ser de onde era Darío Xohán Cabana, o escritor máis galardoado da literatura galega, é de por si un sinal de identidade.

Porque o fillo de Ricardo e de Damiana, o primoxénito de cinco irmáns, un día tivo que deixar atrás a súa casa da Insua para seguir o seu propio camiño, mais nunca esqueceu os lugares e as xentes que definiron a súa esencia. Están presentes nos seus recordos, nas súas conversas, nas súas obras... e a eles volvía sempre que lle era posible. Porque por moitos anos que pasasen, por moitos premios que levase, por moitas boas críticas que acumulase, el foi, dende o día en que naceu, un 19 de abril de 1942, ata o día en que morreu, un 17 de novembro de 2021, o Darío da Inés. E segue a selo.

"Nunca perdeu o contacto, sempre tirou para a terra onde naceu, hai quen se olvida, pero el non, viña e falaba con todos, era moi agradable, moi sinxelo", asegura Fina Anllo, unha veciña das de sempre, apenas uns anos máis nova có Darío, mentres pasea polo lugar, polos mesmos camiños polos que adoitaba pasear el. "Por aquí seguro que ten vido infinidade de veces", reflexiona, ao tempo que o valora como escritor, pois leu varios dos seus libros. E non dubida á hora de definilo: "Era unha gran persoa e un gran poeta". Nin máis nin menos.

As súas palabras, cheas da fonda emoción de quen recoñece "unha perda moi grande", non deixan de repetirse aquí e acolá. Un sorriso, un recoñecemento, unha mirada de tristura, un lamento. Todos saben o recoñecido que era Darío, aínda para eles nunca deixou de ser ese veciño ao que lle gustaba "falar das cousas de aquí, da terra, de agricultura... como tamén lle gustaba a seu pai", ou aquel neno "moi estudoso" e "moi intelixente" co que compartiron infindos xogos de infancia.

"Era moi bo pícaro, andabamos por aí todos xuntos brincando, acórdome moito dun depósito de cemento que tiña o seu pai, que xa non existe, no que nos gustaba bañarnos", conta Luis Castiñeira. Sorrí con nostalxia lembrando aquela vez que esvarara no limo "e tiveron que rescatarme". E o sorriso faise máis amplo.

Luis, que alude a Darío como "moi galego", mantén a ollada no pasado para compartir curiosidades, coma que a súa vivenda e a da Inés, apenas separadas por uns metros, foron feitas polo mesmo albanel. "Íamos no carro, apañabamos as patacas, que o pai, por certo, botaba moitas... Eran os traballos de antes", relata sobre aquela vida nas aldeas en comunidade, sen portas pechadas. "Agora xa non é así", di Luis. Está en vías de desaparición. Pero queda nos escritos de Darío.

Aínda o viu este verán. Preguntoulle pola familia. Conversaron coma sempre. E Darío seguiu paseando. Quizais fose antes ou despois doutra desas paradas obrigadas pola querenza, só ou acompañado da súa muller Amelia, na casa da nonaxenaria María de Laxe, veciña porta con porta e da quinta da súa nai Damiana.

"Acórdome moito dela, sempre nos levamos moi ben e isto é moi duro para ela; el era un gran "muchacho", teño moita pena por el, porque non lle teño máis que cariño, a el e a toda a familia", lamenta María. "E acórdase del, de cando era pequeno?". "E como non me hei acordar? Criáronse aquí todos xuntos, os meus e os da Casa da Inés, coma irmáns, foron á escola todos xuntos... e despois cada un colleu o seu camiño", di.


[UN LUGAR AO QUE SEMPRE VOLVER. Darío Xohán Cabana nacía nunha casa do barrio da Insua e sendo aínda neno, mudábase con toda a familia a outra ben cerquiña, construída por seus pais e coñecida coma a Casa da Inés. A ela seguía volvendo sempre que podía: nas vacacións, polas festas, para as comidas familiares...]

Unha desas raparigas era a a súa filla Josefa, que só se xogaba un ano co Darío. "El sempre foi unha persoa moi intelixente", afirma reforzando esa idea común que, a bo seguro, tamén puideron comprobar o seus mestres na escola de Roás de Arriba, que "era nunha casa particular", ata que fixeron a escola de Roás. "Era mixta, aí iamos pequenos e pequenas", lembra Luis, coa vista posta nun edificio que, campo a través, se ve dende a súa casa.

Josefa, aínda que segue a vivir en Cospeito, leva 40 anos lonxe de Roás. Pero non esquece os xogos compartidos de nenos, cando Darío coñeceu a Amelia ou cando naceron os seus fillos. "Non son unha costureira experta, pero fíxenlle roupiña á nena", di con cariño, compartindo os recordos que para ela fan especial a Darío: "Cando viña ver a súa mamá, tamén viña ver a miña mamá, paseaba por alí... Era un veciño excelente que sempre tivo moita paixón por Roás". E iso, vese nos seus libros: "Ten un, o Romanceiro da Terra Chá, no que conta todo tal e como era, está moi ben", asegura, e volve ao denominador das conversas sobre o Darío: "Era moi cariñoso e moi boa persoa".

"Eu lembro unha persoa con moita tenrura, tímido, pero moi agarimoso", coincide Covadonga de Anllo, compañeira de xogos dos fillos de Darío e de Amelia. E foi xogando con eles cando descubriu que existía a profesión de escritor: "Lémbroo a el sentado, nunha sala da casa, e preguntarlle á filla que facía; ela díxome que estaba escribindo e a min aquilo parecérame tan raro..., chocárame moito, e non fun consciente ata anos despois da dimensión que tiña, de que era un referente".

Porque si, para os seus milleiros de lectores, era Darío Xohán Cabana. Para ela, era o Darío da Inés, aínda que ás veces, eses dous universos coincidisen. Como cando Cova estaba estudando e a profesora de galego, ao ver que poñía que era de Roás, enseguida lle preguntou: "Así que es de Saor?". "Si, son". Quizais todos o sexamos un pouco grazas ao Darío.

A saudade do Darío da Inés
Comentarios