Sapoconcho, velutina e afouteza, entre as oito finalistas a palabra do ano

Eucaliptización, vaga de lumes, violencia de xénero, independencia e teimudo son as outras

Tartarugas ou sapoconchos. EFE
photo_camera Tartarugas ou sapoconchos. EFE

O concursante de Teo de Operación Triunfo Roi Méndez conseguiu en só dúas semanas colocar sapoconcho —palabra que empregou nunha das galas do concurso de TVE— como un dos oito vocablos finalistas a palabra do ano 2017 no Portal das Palabras da Real Academia Galega (RAG).

Un sapoconcho é un "réptil da familia dos emídidos, do que existen varias especies, que en Galicia hiberna enterrado na lama do fondo das pozas onde vive, e se alimenta de insectos, vermes e moluscos", segundo o dicionario online da RAG, que considera que é sinónimo de tartaruga.

"Imaxinabas que un réptil puidese chegar a palabra do ano? Un fenómeno de audiencias fixo emerxer recentemente algo que vai máis alá da anécdota televisiva: o sentimento de identidade colectiva que se recoñece nunha palabra singular da lingua que nos une", indica o Portal das Palabras para explicar a súa escolla. Ata as doce en punto da noite do día de Nadal, o vindeiro luns, 

Portaldaspalabras.gal mantén aberta a posibilidade de votar pola favorita entre as oito palabras finalistas, que ademais de sapoconcho son afouteza, eucaliptización, independencia, teimudo, vaga de lumes, velutina e violencia de xénero.

As oito palabras finais cumpren todas elas os seguintes criterios: están á cabeza das máis repetidas entre todas as que chegaron; son palabras contundentes, con forza informativa, que centraron por diversos motivos os temas de maior presenza nos medios e máis impacto social do ano. A maiores, teñen, as máis delas, un valor engadido desde o punto de vista estritamente lingüístico: ben por seren terminoloxía de nova creación, por exemplificaren usos singulares ou por seren colocacións léxicas de plena actualidade.

"A gañadora, que o será por maioría estrita, é dicir, a máis votada de todas, darémola a coñecer na mañá do mércores 27", indicaron este luns fontes do Portal das Palabras da Real Academia Galega.

Comentarios