Salvador Sobral: "Con Alma Nuestra non canto 'Amar pelos dois"

O luso intenta separar as súas dúas personalidades. Insiste en que actúa no Festival de Jazz como membro de Alma Nuestra e non como gañador de Eurovisión
Salvador Sobral. TOMÁS MONTEIRO
photo_camera Salvador Sobral. TOMÁS MONTEIRO

LA VOZ DE Alma Nuestra explica que o repertorio que o cuarteto interpretará o sábado no Círculo de las Artes de Lugo será "música hispanoamericana", fundamentalmente cubana. Salvador Sobral (Lisboa, 1989) viviu un tempo como intérprete musical en Mallorca e como estudante de música en Barcelona. Pasou de tocar en escenarios pequenos a triunfar ante centos de millóns de espectadores no Festival de Eurovisión de 2017 con Amar pelos dois.

A pandemia provocou que poucos espectadores poidan asistir aos seus directos. En Lugo soamente poder escoitalo trinta persoas. Isto é unha volta a cando con 20 anos tocaba en bares e hoteis de Mallorca? 
A volta foi Eurovisión.

Non falaba de actuar para gañar a vida, senón de aforos pequenos.
Teño colegas que, por culpa do coronavirus, non poden traballar nin en bares nin en hoteis. Están na miseria. O Estado portugués non axuda. Trata mal aos artistas.

Portugal foi un exemplo de xestión da crise en España.
Un exemplo errado, polo menos na cultura. Miren a Francia, axuda aos artistas.

Vostede escapou a esa situación grazas a Eurovisión.
Son un privilexiado. Estiven tocando en Italia, agora en España; pero tamén me cancelaron concertos e botei un tempo na casa como todo o mundo.

Estivo confinado nunha casa na praia ao sur de Portugal.
Estaba aillado. Aproveitei para compoñer un disco do meu proxecto en solitario. Escribín 17 cancións. Tamén estiven vendo moitas películas. O peor do confinamento foi non poder cantar.

Vostede descubriu o bolero a través de Caetano Veloso. 
Foi co seu disco Fina estampa, no que Caetano canta música cubana, mexicana e arxentina. A partir de aí quedei apaixoado polo bolero.

Hai cinco anos coñeceu o pianista Ricardo Zamora no Hot Club Jazz de Lisboa.
Este disco nace dunha amizade. Ricardo é cubano. Ambos sentamos ao piano e comezamos.

O repertorio de Lugo será o de Alma Nuestra. Como escolleron os temas?
Ricardo Zamora e máis eu eliximos as cancións baseándonos en que houbese cancións moi coñecidas como ‘Tú, mi delirio, pero destruíndoas e reconstruíndoas para tocalas cun son propio, por unha banda. E outras descoñecidas, sobre as que facemos unha versión distinta para dalas a coñecer, por outra.

O bolero permítelle desenvolver a súa faciana de actor. Gústalle actuar en escena.
Gosto de dramatizar as cancións, gosto de facer unha versión teatral. As letras dos boleros son bonitas e tamén desgarradas.

Considera esa paixón do bolero unha vantaxe sobre o jazz?
A música cubana apaixóame porque ten o bo da música americana de Nortamérica e unhas letras máis reais. As letras do desamor poden dramatizarse máis, encántame teatralizarlas; encántame o teatro.

Cantará ‘Amor pelos dois’?
O público de Alma Nuestra sabe que é outra banda distinta e que non toca Amar pelos dois.

Non me creo que non llela pidan.
Pasou o momento. Ás veces cántoa. Se vou por vez primeira a un país cántoa. O público sabe que, se eu a sinto, vouna cantar. Non podo cantar o que non sinto.

Debe senter o repertorio?
Non podo cantar temas que non teñen que ver comigo. Un concerto é unha simbiose entre os músicos e o público. Canto segundo sinto o público.

Os espectadores están sentados a distancia entre eles e con máscaras. É máis difícil sentilos?
Ao contrario. O público agora é máis agradecido porque ten poucas oportunidades de escoitar música en directo. Vén aos concertos con vontade.

Foi sometido a un trasplante de corazón. Pediu ao cirurxián que soase música de Bach durante a operación.
Bach compuxo a música máis perfecta do mundo. Escollína porque é a banda sonora do Paraíso. Mentres me operaban soaron no quirófano as Variacións Goldberg interpretadas por Glenn Gould.

O trasplante cambioulle a voz?
Custoume adaptarme. Tiven moitas mudanzas no corpo: retención de líquidos, un bandullo inchado e un diafragma moi alto. A voz tremía. Houben de aprender a cantar de novo. Poñía os meus discos e imitábame. A voz mudoume un peliño, o timbre cambiou.

A súa irmá, Luísa, é un apoio para vostede. Ela compuxo ‘Amar pelos dois’, que o elevou á categoría de estrela internacional. Non sempre se entenderon ben.
O día en que eu nacín, ela tivo unha febra moi alta. Non soportaba ter un irmán. Houbo unha vez en que ela tiña 2 ou 3 anos e eu era un bebé. Colleume no berce e tiroume ao chan.

Cando mudou para ben esa relación con ela?
Comecei a gostar de Luísa cando quedei por vez primeira sen ela, cando marchou estudar aos Estados Unidos, con 17 anos. Eu tiña 15. O seu cuarto, as súas cousas,... todo me recordaba a ela.

Durante o confinamento estivo vendo películas. O seu anterior disco, 'París, Lisboa', é un chisco á película 'París, Texas' de Win Wenders, o seu filme favorito.
O título do disco é un xogo de palabras co nome desa película. Botei o tempo de elaborar ese álbum entre París e Lisboa porque eu vivo en Lisboa e a miña namorada, en París. Falo da época na que se podía viaxar.

Comentarios