Lino García Salgado: "Non somos sociedade, non nos preocupamos polo ben común"

O poeta da Pastoriza falou en Lugo do novo libro ► Kamikazes segue a liña temática dunha obra de hai dez anos
undefined
photo_camera Brais Cortón (á guitarra), Lino García Salgado e Antón Bao, onte no Vello Cárcere. XESÚS PONTE

Lino García Salgado regresa á poesía despois de dez anos. Este venres presentou en Lugo Kamikazes (Medulia, 2022), que mantén a continuidade da súa anterior obra Meliflua moradía (2012) en canto a que continúa "unha posta en escena de cómo interaccionamos entre nós", un sinalamento de que "temos a pel de porcelana porque non admitimos unha opinión diferente da nosa".

Fronte ao convencemento xeral de que sairiamos "fortalecidos da pandemia", unha apreciación que o escritor desmiente porque "renegamos do que é unha sociedade, non somos unha sociedade, non nos preocupamos polo ben común dunha pequena comunidade, prima o individualismo". García Salgado, que naceu en 1967 en Baltar (A Pastoriza), recorda "os estertores das mallas, nas que se axudaba á veciñanza; segue existindo, pero, ao estar todo mecanizado, dependemos menos dos demais. Estamos afastados dos seres humanos".

"Eu vou cada día en tren e vexo nese medio, tamén no coche, comportamentos egoístas", indica. Añade que "o libro fala da soidade de quen traballou no campo político ou social para axudar aos outros en colectivos", sinala. "Eu vivo na Coruña, onde cada vez hai menos actividades organizadas pola xente para outra xente. Non valoramos ese esforzo nin o facemos nós", denuncia.

Kamikazes está estruturado en catro partes: Trapos, Fósforos e noces, A lingua e as costuras e Reversos. A primeira parte fala sobre "a decadencia da sociedade, o abandono e a miseria", que conta "dende o punto de vista dun protagonista e de alguén externo que observa para dar os dous puntos de vista dunha cousa ou motivación".

Sobre Fósforo e noces fala de "tragar o que nos sucede para non sufrir a opresión que nos rodea", a través dunha persoa que recibe un traballo escolar con dúas medias cascas de noz que representan "a liberdade, son dous barcos piratas".

"As feridas que imos ter, os accidentes que nos van acontecer, que che suceden aínda que ti non teñas a culpa", explica para definir Lingua e costuras o escritor, que pensa que "hai que tratar de que esas costuras, esas feridas, sexan mínimas".

O peche, Reverso, é "a explosión final". "Hai un diálogo entre un carceleiro e un preso no tempo da ditadura que desemboca en varios poemas" que teñen como tema "saír para adiante, unha saída positiva".

Comentarios