A sala A Solaina de Lugo suspende actividade e volverá cando pase o verán

A galería e tenda de arte A Solaina, de Lugo, cesa na súa actividade tras case dous anos.

Os promotores deste espazo da rúa San Roque, Sergio Marey e Antía Carreira, collen «camiños distintos» por un desencontro, segundo recoñeceu Marey. «A partir de agora non teño nada que ver con ningunha actividade realizada por A Solaina», informaba Carreira o mércores en Instagram. Manifestaba a súa intención de poñerse en contacto cos artistas que teñen pezas no local para devolverllelas, en referencia aos nove creadores da exposición Disidencias textís.

Pola súa banda, Sergio Marey anunciou que buscaba un local e un cambio de imaxe para recuperar o proxecto á volta do verán. Non haberá tenda, senón un espazo de exposición —que conserva o nome de A Solaina— e outro dedicado a obradoiro no que o artista espera traballar con outros creadores vinculados a Lugo.