lunes. 16.09.2019 |
El tiempo
lunes. 16.09.2019
El tiempo

A sala La Catedral II de Lugo presenta un debuxo da Torre de Hércules de Seoane

Dous visitantes contemplan obras de Seoane en La Catedral II. SEBAS SENANDE
Dous visitantes contemplan obras de Seoane en La Catedral II. SEBAS SENANDE

Expón tamén orixinais do 'Martín Gaucho' destinados a un libro sobre o mito arxentino que non se amosaran antes para o público

Luis Seoane tiña sete anos, tiña 13 anos e durmía cun ollo aberto como os leóns. O artista vivía daquela na Coruña, no radio da Torre de Hércules. Ao deitarse evitaba baixar a persiana. Quería que lle entrase a luz da Lúa e a luz do faro que cada trinta segundos limpaba a escuridade do seu cuarto. Ao espertar, a columna de pedra seguía alí. Cada noite e cada día da súa vida deulle luz pola noite e harmonía de día. Tamén ao marchar estudar a Santiago e mesmo cando houbo de amoldarse a unha vida exiliada en Bos Aires.

Na capital arxentina, en 1944, lembraba a Torre de Hércules de 49 xeitos diferentes. Plasmounas a tinta china en Homenaje a la Torre de Hércules. Ese mesmo ano o Institute of Graphic Arts de Nueva York e a Pierpont Morgan Library seleccionan Histoire Naturelle de Buffon, de Picasso, entre os mellores libros da década que vai de 1935 a 1945.

A Morgan Library resgarda o Pergamino Vindel, coas cantigas de Martín Códax. Seoane dedicoulle un tapiz concebido a 10.230 quilómetros. Debuxou o trobador nun cartón grande e branco. Nos espazos en branco anotaba un número, cada un correspondíase cunha cor. Enviaba o código a Galicia. María Elena Montero interpretaba eses planos cunha táboa igual á táboa de Seoane. Ía collendo unha lá de cada cor codificada e incorporándoas ao seu tear de Sada. Nun proceso de dous ou tres meses completaba a obra.

Un orixinal desa colección pode verse na galería La Catedral II, na rúa de Bolaño Rivadeneyra, de Lugo. O seu responsable, Jorge Espiral, explica que "o Día das Artes Galegas está dedicado a Seoane, quixemos sumarnos á homenaxe cunha mostra dobre", que expón nas dúas salas de arte que posúe en Lugo baixo o nome de La Catedral.

Na galería de Bolaño Rivadeneyra poden verse as 46 tintas sobre papel orixinais que fixo en 1972 para o centenario de "Martín Fierro", que escribira José Hernández. Os arxentinos consideran este libro como o seu poema nacional. Martín Gaucho é un home independente, heroico e sacrificado.

Acaba sendo un gaucho "matrero", un xinete fóra da lei, polo contexto de inxustiza.

Espiral destaca que as obras que usou a editorial madrileña Giner "nunca antes foran expostas ao público en conxunto". O galerista tamén resaltou que "respectamos os cortes orixinais e os apuntamentos a lápis". As escenas de violencia son explícitas. Mesmo se presenta un debuxo que foi descartado para o libro: unha escena na que un home mata unha muller.

A mostra nesa sala inclúe tres óleos do artista coruñés e senllas fotografías que lle fixeron para unha entrevista. Para completala, hai varias xarras que Seoane concebiu para Sargadelos coas figuras de Rosalía e Unamuno, e máis a chamada Cinco dedos.

CAMPESINOS. La Catedral I -que se atopa na rúa Bispo Basulto, 12- abeira unha extensión desta homenaxe con "Campesinos", unha serie do cento de gravados que Luis Seoane fixo para a galería suramericana Bonino en colaboración co poeta Rafael Alberti.

Tamén hai xilografías sobre Martina Cespedes, unha heroína porteña na loita contra os ingleses.

Luis Seoane percibía que Martina, Martín Gaucho ou a luz que emite a Torre de Hércules eran símbolos dun misterio épico.

A sala La Catedral II de Lugo presenta un debuxo da Torre de...
Comentarios