Suso Sanmartinho: "Saín de Hawai reconvertido nun defensor do reino de Galicia"

O autor pontevedrés presentou en Trama 'Sempre em Waikiki', "un ensaio de humor político ou un polihumor"
Suso Samartinho, en Trama. XESÚS PONTE
photo_camera Suso Samartinho, en Trama. XESÚS PONTE

Esta é a historia de como un profesor de Debuxo, de Bueu e nacionalista acabou por abandeirar a restauración do reino de Galicia como camiño da independencia. Suso Samartinho estréase na literatura da man de Sempre em Waikiki, libro que presentou este venres en Trama, que non encaixa en ningún xénero pero que resume moita da experiencia vital da súa estancia de tres meses en Honolulu, a capital de Hawai, onde estivo estudando inglés nunha licenza que lle deron no traballo.

Un reino en Hawai

Alí, en Hawai, descubriu que os nativos estaban resentidos por serlles arrebatado o seu reino polos americanos, convertindo o arquipélago nun Estado máis dos Estados Unidos. Viu como os autóctonos loitaban pola súa independencia e a restauración como reino. E Samartinho sacou conclusións. Pensou que en Galicia se podería facer o mesmo: loitar por un reino que foi disolto hai dous séculos pero que xa deixara de existir desde o século XV.

"Fago unha analoxía entre Sempre en Galiza, un ensaio político, e Sempre em Waikiki, un xénero híbrido con literatura de viaxes, política, humor, autobiografía e ficción. É un ensaio de humor político ou un polihumor", di Samartinho, quen recoñece que o seu paso por Hawai e Waikiki (un barrio de Honolulu) "levoume a ser monárquico galego e un defensor do reino de Galicia".

'Sempre em Waikiki' promete ser "a primeira pedra" da súa carreira literaria, que continuará noutro libro onde conte a súa etapa en Nova Zelanda, noutra licenza para aprender inglés, e "a relación entre o reino de Galicia e este país austral". 

Comentarios