Sabela Eiriz: "A fotografía é para min un xeito de expresión imprescindible"

A artista lucense inaugurou na galería Néboa unha mostra de imaxes "moi persoal" titulada Un lugar desprazado coma o meu corpo que se pode ver ata o vindeiro 29 de xuño
A artista lucense Sabela Eiriz con imaxes da súa mostra na galería Néboa.
photo_camera A artista lucense Sabela Eiriz con imaxes da súa mostra na galería Néboa. EP

Cando era cativa á lucense Sabela Eiriz xa lle encantaban as artes plásticas. Daquela, os deportes non eran o seu e prefería quedar na casa coloreando ou facendo manualidades. Todo na súa vida estaba encamiñado á arte e así desenvolveu a súa carreira. Primeiro co Bacharelato de Artes no Instituto San Xiao de Lugo e logo na universidade, enfocada cara as Artes Plásticas e a Comunicación Audiovisual, pois como ela mesma di, "o traballo coas imaxes é algo especial, a fotografía é un xeito de expresión imprescindible para min".

Eiriz, que está asentada na Coruña, leva os últimos dez anos traballando como fotógrafa e videógrafa, e agora chega á súa cidade natal para presentar unha exposición fotográfica moi especial. Baixo o título Un lugar desprazado coma o meu corpo inaugurouse esta mostra na galería Néboa que se pode ver ata o 29 de xuño e consta de varias imaxes que, como o título di, son unha extensión máis da propia Sabela xa que xurdiron nun momento moi especial para ela: o regreso a casa da artista tras cinco anos vivindo en Barcelona. "Estando fóra volvía cada pouco á casa pero chega un momento no que perdes a perspectiva de onde é o fogar e no momento de regresar todo se volve distinto e máis fermoso", confesa.

Poderíase decir así que esta exposición xurdiu como froito da morriña da lucense que cando retornou a casa quixo capturar cada pequeno detalle do seu fogar. "É un dos meus proxectos máis persoais, cando volvín púxenme cámara en man a explorar a contorna, a ver como cambiaran os espazos coñecidos e a retratar cada pequeno detalle".

Deste xeito, as imaxes de Sabela Eiriz inmortalizan lugares indeterminados, terreos, obxectos e incluso se pode ver algún animal. "Non hai retratos nin un autorretratos pero pódese decir que a miña presenza está moi viva en cada unha desas fotos. Esas imaxes falan de min e véxome moi reflectida nelas", recoñece a autora.

Sobre o feito de presentar esta exposición tan persoal na súa cidade natal Sabela Eiriz amósase moi emocionada. "É moi fermoso, faime moitísima ilusión porque é un momento de reencontros", confesa unha videógrafa que aínda que está asentada na Coruña leva sempre no corazón o seu Lugo natal.