Sabela Arias: "No Prado andei buscando a luz de 'Las Meninas"

A pintora lucense inaugurou a mostra de acuarelas ‘Conversas’ no Museo Provincial

Sabela Arias, no Museo. XESÚS PONTE
photo_camera Sabela Arias, no Museo. XESÚS PONTE

Sabela Arias visitou o Museo del Prado cando era nena. "Andaba a buscar as luces que iluminaban "Las meninas". Ao facerse adulta non perdeu a consideración da importancia da luz: "A pintura é luz! A luz foi importante en toda a miña traxectoria". A creadora plástica leva toda a súa carreira buscando sensacións cromáticas puras.

O Museo Provincial de Lugo acolle deste este xoves unha mostra de 25 acuarelas sobre papel, lenzo e madeira nas que a luz ten un lugar protagónico. A maiores, hai algunhas pezas -a xeito "simbólico"- no resto dos centros museísticos da rede provincial: Friol, San Cibrao e Tor. As obras son "puzzles" cheos de pequenas figuras concentradas no mesmo plano e de cores vivas.

As figuras "son recoñecibles e non son complexas", aínda que hai que achegarse aos cadros para poder interpretalos porque dende lonxe son manchas de cores. Para axudar na tarefa, Sabela Arias dispuxo unha obra especial, un coxín, para que o espectador "poida sentar e estar cómodo" na contemplación das pezas.

O título da exposición ‘Conversas’ fai referencia ás "cousas que che aparecen na cabeza mentres estás traballando"

A pintora formouse na Escola Ramón Falcón de Lugo, licenciouse en Belas Artes pola universidade de Salamanca e ten estudos de postgrao no País Vasco. A maiores de pintar, ilustra libros infantís e adultos, deseña carteis e fai humor gráfico.

CAMBIOS. Arias recolle nas súas obras "todos os elementos que son importantes", que non son necesariamente acontecementos "cambian a vida", senón pequenas cousas que acontencen a diario, acomodadas na cotidianeidade. O título, 'Conversas', fai referencia ás "cousas que che aparecen na cabeza mentres estás traballando".

Como exemplo, pon un cadro dedicado a Lugo no que reflicte "o río, as pontes sobre o río, a ponte da Chanca,o tren, as curvas para chegar a Mondoñedo, a praia das Catedrais e Recatelo, onde nacín". A pintora comenta que a súa casa estaba "perto do parque" de Rosalía de Castro, polo que "tamén aparecen os estorniños". Sabela Arias xa non vive en Lugo, pero tampouco sabe concretar onde reside porque "non é fácil".

Noutra obra, Arias describe "como se leva o coche ao taller", porque ela ten interese polas pequenas vivencias que, acumuladas, van formando os días.

Comentarios