Sábado. 22.09.2018 |
El tiempo
Sábado. 22.09.2018
El tiempo

As rúas de Vilalba acollerán unha grande exposición en homenaxe a Manuel María

Representantes do Concello e dos distintos centros educativos de Vilalba.
Representantes do Concello e dos distintos centros educativos de Vilalba.
O Concello, en colaboración con todos os centros educativos e o tecido asociativo, programa un calendario de actos para maio e xuño

A capital chairega réndese a Manuel María. O Concello, en colaboración con todos os centros educativos, así como con gran parte do tecido asociativo e cultural da vila, programa un amplo calendario de actos para os meses de maio e xuño, que converterán Vilalba nunha grande exposición en homenaxe ao poeta da Terra Chá, ao que se lle adican este ano as Letras Galegas.

No corazón de Vilalba, a Praza da Constitución engalanarase con distintas pancartas elaboradas polos alumnos dos centros educativos do municipio, que ondearán durante os próximos dous meses para recordar a figura e a obra de Manuel María. Pero a praza situada no centro da vila non será o único punto do rueiro vilalbés que honrará ao poeta.

Nos vindeiros días, dende a Asociación de Empresarios Sete Pontes de Vilalba, repartiranse polos comercios e os locais de hostalería da localidade máis de 300 traballos escolares sobre Manuel María. Trátase duns carteis que se fixeron dende os centros educativos co obxectivo de que os alumnos -dende os máis pequenos aos máis maiores- mostraran «a súa idea do poeta», que estará presente en cada recuncho da vila, tal e como adiantou o edil de cultura, José Antonio Pita, na presentación do calendario de actividades para conmemorar unhas Letras Galegas que teñen a Terra Chá no centro de todas as miradas.

As exposicións ampliaranse a partir do día 20, coa instalación de paneis con códigos QR nos locais institucionais de Vilalba, que lles darán acceso a veciños e visitantes a coñecer os traballos escolares que se están realizando en tódalas aulas, onde tamén recibirán un agasallo, xa que os usuarios do centro ocupacional Vilalba Terra Chá deseñaron unha edición especial de 3.000 marcapáxinas conmemorativos que se entregarán a todos os alumnos.

Estes catro proxectos enmárcanse dentro das actividades que naceron froito da colaboración de moitas entidades, que decidiron unir forzas por primeira vez para impulsar un amplo programa de actos. Algúns, como a representación de Lucecús Teatro de ‘A verdadeira historia do poeta Manuel de Paderna’ ou a lectura continuada de poemas, xa se celebraron, pero quedan moitos máis.

ACTOS. A próxima cita marcada no calendario cultural vilalbés será o domingo 8 de maio, día no que o grupo Sólo Voces dará un concerto ás 20.30 horas no auditorio municipal Carmen Estévez. O 14 de maio, no mesmo escenario e tamén ás 20.30 horas, será a voz de Uxía a que recordará a Manuel María. E o 17, o propio día das Letras Galegas, entregaranse os premios do certame literario no que participan rapaces de toda a Terra Chá.

O 19 de maio, esta vez na biblioteca ás 18.00 horas, hai programado un espectáculo infantil para nenos de máis de tres anos no que haberá maxia e música. A última cita, que será o día 18 de xuño no auditorio ás 18.00 horas, tamén está reservada para os máis pequenos co musical ‘Todo me fala de ti’, no que Uxía, Magín Blanco e Santi Cribeiro cantarán a Manuel María.

As rúas de Vilalba acollerán unha grande exposición en homenaxe a...
Comentarios