"Roubei un libro de Borges guiado por un aviso de azar"

Lois Pérez narrou en Lugo a vida do escritor arxentino

Lois Pérez, no Vello Cárcere de Lugo. VICTORIA RODRÍGUEZ
photo_camera Lois Pérez, no Vello Cárcere de Lugo. VICTORIA RODRÍGUEZ

O día do roubo Lois Pérez aínda non vestía traxe. Entrou nunha biblioteca por ver que había. As súas mans foron ao libro con máis polvo que atoparon. É probable que ninguén tivese pedido prestado ese exemplar de Historia de la eternidad de Jorge Luis Borges. E é seguro que ninguén o fará. Lois, "guiado por un aviso do azar", roubou ese ensaio do arxentino e acabou por namorar da súa obra.

O escritor e narrador foi este xoves ao Vello Cárcere de Lugo para botar uns contos sobre Borges, con motivo da exposición que se mostra sobre o autor. Lois Pérez, ou foi en bicicleta dende a Piringalla ou foi con traxe. "Xuntar ambas cousas é o máis parecido a ser un cabaleiro medieval e, por facelo, xa me pitaron en Ramón Ferreiro", conta o escritor lucense.

Pérez empezou contando historias nos vestiarios, cando era xogador de fútbol sala. Continuou sobre unha caixa de cervexas na Piringalla, pero "non era operativo, acababa esvarando". Así que optou polas "madeiras nobres dos teatros e auditorios".

Nestes anos atopou situacións difíciles, como un día de 40º nun bar de Pitón (Ourense), onde "non había xeito" de que os clientes lle atendensen os contos.

Pero o deste xoves resultou distinto. "Foi o reto máis difícil que tiven", asegura. "Atopeime co problema de ver como contar a Borges con humor", apunta Pérez. Para facelo, tirou da "ironía fina que hai na súa personalidade e na literatura". A outra opción é a xenebra, "dúas copas son poucas e tres son demasiadas para meterse nunha historia súa".

Para o espectáculo deste xoves quedou coa primeira opción. Botou man das anécdotas do diario que Bioy Casares publicou sobre o escritor arxentino. Ao longo de corenta anos, ambos os dous sentaron con Silvina Ocampo para cear e estender a sobremesa. "Falaban sobre as súas obsesións e sobre os seus coetáneos, non deixaban títere con cabeza".

Neste diario tamén aparecen anécdotas sobre a vida do escritor. "No enterro da nai, achegóuselle unha señora e díxolle: "Que pena, se murió con 97 años, casi llega a los 100". Ao que Borges respondeu: "Veo que es usted devota del sistema decimal".

Na personalidade tan particular do arxentino conflúen dous mundos. Un é o do Bos Aires da súa infancia, "cos seus barracóns, coiteleiros e prostíbulos". O outro é o que cabía na biblioteca de seu pai, chea de contos metafísicos e camiños para a imaxinación.

O contido xa estaba na súa cabeza, a forma de contar depurouna mentres revisaba galiñas. "Durante o peronismo obrigárono a pasar de bibliotecario a inspector de aves, foi unha época de acumulación, de ler e escribir moito. Dominou a arte da concreción e achegouse máis ca ninguén a ser quen quería ser", conta.

Despois de contar isto, Lois Pérez temía este xoves que entrase "un gaucho no Vello Cárcere" e lle pegase un tiro. "Se hai que morrer contando, que sexa contando a Borges".

Comentarios