Rosario Álvarez compromete obxectividade na súa nova etapa no CGC

A pontevedresa, que repite na presidencia, reclama «máis fondos» e Alfonso Rueda toma nota ademáis de pedir un Perte cultural
Rosario Álvarez, con Alfonso Rueda, onte, na súa toma de posesión no Consello Galego da Cultura. EFE
photo_camera Rosario Álvarez, con Alfonso Rueda, onte, na súa toma de posesión no Consello Galego da Cultura. EFE

A ponteveedresa Rosario Álvarez tomou posesión este luns, por segundo mandato consecutivo, da Presidencia do Consello da Cultura Galega, cun discurso no que, máis aló dos agradecementos, defendeu que seguirá comprometida neste período coa "independencia e obxectividade" da institución á marxe de discrepancias ou a "esporádica falta de coincidencia co punto de vista e intereses da instancia do goberno correspondente".

Nas súas palabras, previas á reunión da comisión executiva, Rosario Álvarez debullou os obxectivos que se marca para este período, que "esixe a ampliación dos recursos económicos e non só a optimización do gasto nos límites actuais, aínda moi por baixo do que tiña hai 15 anos, antes da crise de 2008".

"Quero pensar que esa consciencia será compartida por quen ten responsabilidades orzamentarias na Comunidade Autónoma, no mesmo sentido de xusta reparación en que xa veñen expresando, ano tras ano, os representantes de todos os grupos parlamentarios, sexa na Comisión de Cultura sexa na de Orzamentos", manifestou.

O presidente da Xunta expresou a vontade do Goberno autonómico de "captar" fondos europeos para a cultura

Pola súa banda, o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, recolleu a luva na súa contestación: "Tomo nota da necesaria senda de seguir incrementando (os orzamentos)", dixo o titular do goberno galego, quen pechou o acto de toma de posesión cunha intervención na que expresou a vontade do Goberno autonómico de "captar" fondos europeos para a cultura, como "eixo prioritario na transformación" de Galicia.

Neste sentido, afirmou que hai un total de 19 propostas que suman 40 millóns de euros. "Galicia está preparada e solicita un Perte cultural, é unha ocasión que non debemos deixar pasar", proclamou o mandatario autonómico.

ACTO SOLEMNE

O secretario da institución, Silvestre Gómez, foi o encargado de ler a acta e o decreto 122/2022, do 30 de xuño, de nomeamento da presidenta.

Rosario Álvarez afirmou, na súa intervención, que será o seu segundo e último mandato, "continuista e renovado" e sintetizou en dez liñas a programación para o próximos catro anos.

Deste xeito, incidiu na necesidade de "seguir buscando unha vertebración e interconexión" dos diferentes tipos de intervencións do Consello dA Cultura, nunha programación articulada e cohesionada. Apostou por profundar na vía dixital, tanto para "potenciar a estratexia de divulgación e comunicación dixital, como para diversificar a propia programación". Falou de reforzar a marca propia do Consello, manterse "fiel" ao principio da cultura como "dereito" e contribuír á cohesión do ecosistema cultural galego.

Apuntou a necesidade de seguir traballando nos arquivos e centros de documentación. E incidiu na necesidade de buscar vías e estratexias para "chegar a outros públicos, desenvolver unha programación de acción exterior que acompañe co programa xeral e traballar a favor da internacionalización da cultura galega", todo iso cunha defensa da "identidade" propia.

O presidente da Xunta ofreceu o apoio da Administración autonómica no "traballo constante a favor da cultura galega" e sinalou que, após superar os momentos máis virulentos que a pandemia supuxo para a cultura, "é necesario enfrontarse a futuros retos que demandan cooperación e suma de forzas entre a Xunta e o Consello dá Cultura Galega".

Comentarios