Rosalía de Castro cóase nunha escena de 'Mayans M.C.'

Esta serie, que é un spin-off de 'Sons of Anarchy', está ambientada na fronteira entre California e México
Escena na que se recitan os versos. MAYANS M.C.
photo_camera Escena na que se recitan os versos. MAYANS M.C.

Hai palabras que cobran tal trascendencia que non entenden nin de idiomas nin de fronteiras. Rosalía de Castro foi unha desas persoas co don de plasmar o inefable nos seus escritos.

A poetisa galega probablemente non se podía imaxinar que nunha serie estadounidense centrada nun grupo de moteiros se recitarían, case 150 anos despois, uns versos de Follas Novas.

Aconteceu en Mayans M.C. Esta serie, creada por Kurt Sutter e Elgin James, é un spin-off da exitosa Sons of Anarchy e, ata certo punto, prolonga a súa temática. As motos, a violencia e as drogas son tres ingredientes dos que non faltan nesta producción ambientada na fronteira entre California e México.

Non obstante, tamén hai espazo para a poesía. No episodio 9 da temporada 4, Ez Reyes —protagonista— e Stephanie aparecen tirados na cama case espidos, cunha pistola e mantendo un intenso diálogo. Ez rompe a tensión recitando Lúa descolorida, uns versos de Rosalía de Castro:

"Se sabes onde a morte / ten a morada escura, / dille que corpo e alma xuntamente / me leve adonde non recorden nunca, / nin no mundo en que estóu nin nas alturas".

Nas últimas horas estase facendo viral en X a escena. Os usuarios da rede social amósanse orgullosos de que a escritora galega continúe a ser tan relevante no mundo enteiro.

Lúa descolorida: 

Lúa descolorida / como cor de ouro pálido, / vesme i eu non quixera / me vises de tan alto. / Ó espaso que recorres, / lévame, caladiña, nun teu raio.

Astro das almas orfas, / lúa desolorida, / eu ben sei que n’alumas / tristeza cal a miña. / Vai contalo ó teu dono, / e dille que me leve adonde habita.

Mais non lle contes nada, / descolorida lúa, / pois nin neste nin noutros / mundos teréi fertuna. / Se sabes onde a morte / ten a morada escura, / dille que corpo e alma xuntamente / me leve adonde non recorden nunca, / nin no mundo en que estóu nin nas alturas.

Comentarios