Jueves. 21.03.2019 |
El tiempo
Jueves. 21.03.2019
El tiempo

Rosa Cedrón: "Sabela foi escola para que fóra de Galicia coñeceran aos seus artistas"

Rosa Cedrón. ANTONIO CALVO
Rosa Cedrón. ANTONIO CALVO

A artista volta a actuar na comarca, a onde hai tempo que non viña, cun concerto moi especial de homenaxe a Rosalía pois inclúe temas adicados á escritora pero tamén outros ben coñecidos do seu amplo repertorio e tamén algún dos que recolle no seu novo traballo

A CANTANTE Rosa Cedrón ofrecerá ás oito e media deste venres un concerto gratuíto no auditorio da casa da cultura de San Cibrao. Unha actuación na que haberá "un pouco de todo", cun repaso dalgúns dos temas máis coñecidos de Luar na Lubre e tamén cancións do disco novo no que está a traballar "e que son moi bonitos". Por suposto, haberá temas na honra de Rosalía, algúns dos cales con letra dela incluídos no álbum Entre dous mares, e tampouco faltará o clásico Negro Caravel. "Creo que a miña música é moi poética", sinala a cantante.

Con que se vai atopar o público?
Vai ser un concerto moi bonito e emocional, no que actuarei acompañada do pianista Miguel Artús, e co que pretendemos que a xente poda facer unha viaxe moi profunda e emocional e, ao final, vai poder participar con nós uniendo as súas voces ás nosas. Creo que vai ser un concerto moi bonito e moi emocional, indicado para público de todas as idades ao que convidamos a acudir para compartir xuntos este día.

Xa hai que non vén pola Mariña, ademais.
Non lembro canto, pero si que hai tempo que non vou e, dende logo, sempre apetece voltar.

É vostede unha música atípica, que ten feito colaboracións con diversos grupos o que lle levou a facer músicas de diferentes paus, inclusive estivo en Operación Triunfo, programa que outros case que aborrecen.

Que significan para vostede este tipo de formatos?
Realmente eu caín aí por Sabeliña (a concursante galega da última promoción) que foi alumna miña, e que é un amor, moi de achuchar e moi valente, e a verdade que non me saía outra cousa que apoiala alí.

Sería para vostede moi especial o feito de que escollera unha das súas cancións, Benditas Feridas.
Para min foi unha sorpresa porque non sabía nada e estoulle moi agradecida, porque non é algo normal que concursantes da nosa terra se fagan eco dos artistas que aquí traballamos e Sabela en todo o tempo que estivo fixo un repaso tremendo. Foi escola para que a xente de fóra de Galicia coñecera os artistas que aquí temos. A verdade é que para ela foi un risco moi grande, pero é unha rapaza que ten as cousas moi claras, é como doutra época porque non hai moita xuventude coas cousas tan claras na cabeza.

Vai ser un concerto moi bonito e emocional e, ao final, o público poderá participar cantando con nós

Ás veces fai máis pola promoción un programa con esa audiencia que moitas campañas. Cre que non se coñeza e valora suficientemente o que se fai en Galicia?
Digamos que houbo épocas máis boas nese senso. Pode parecer que a miña música, e a de moitas das miñas compañeiras, non é tan comercial e por iso non se lle dan tantas oportunidades, pero Benditas Feridas é unha balada en galego á que ninguén lle prestaba atención ata que Sabela a cantou ante millóns de espectadores e a reacción foi entón de que era preciosa, un temazo; polo tanto, a nosa música pode chegar a ser comercial e se pode facer que a xente coñeza a nosa música.

A conexión especial con Sabela foi tamén do público, que se foi namorando dela pouco a pouco.
Si, porque ela é unha rapaza moi discreta, pero tamén moi divertida e traballadora, como creo que demostrou, e que levou ao públicco a facela favorita varias veces.

Fixo vostede de todo na música, foi profesora, instrumentista, cantante… Quédalle algo por facer?
Eu son moi de facer as cousas que me inspiran e, en xeral, á xente que nos chama o mundo artístico nos vale tanto unha cousa como outra e, aínda que destaquemos por algo, gústanos probar e experimentar as cousas onde poder atopar outra forma de expresarse. Eu agora estou pintando con acuarelas e lle roubo tempo á noite, pero para min é algo moi relaxante e é unha maneira moi bonita de rematar o día, moi zen.

A súa dilatada carreira musical recordarase sempre pola súa colaboración con Mike Oldfield. Pesa demasiado?
Para nada, son unha persoa moi agradecida e para min foi un momento crucial na miña vida porque foi a oportunidade de chegar a Luar na Lubre e entrar a formar parte do mundo da música máis popular e permitiume facer moitas cousas nunha época en que dende fóra mirábase cara a Galicia e Galicia mirou para fóra.

Dous discos en solitario e xa prepara un terceiro. Para cando?
Sen présa, pero sen pausa. Xa está moi avanzado, pero aínda faltan detalles.

Cambiou moito o seu concepto da vida dende que é nai?
Vaia se cambiou, miña madriña! E iso que a miña filla durme agora como unha pedra, aínda que lle custa deitarse porque é moi activa e lle gusta estar esperta, tanto que pregúntame por que non duran máis os días.

Rosa Cedrón: "Sabela foi escola para que fóra de Galicia coñeceran...
Comentarios