Rosa Aneiros gaña cunha obra sobre os refuxiados o Agustín Fernández Paz

O xurado destacou que a escritora expressa nesta obra «a capacidade das crianzas para intervir en problemas sociais»

Xurado da segunda edición do premio Agustín Fernández Paz. EP
photo_camera Xurado da segunda edición do premio Agustín Fernández Paz. EP

VILALBA. A escritora e xornalista Rosa Aneiros, que actualmente traballa no Consello da Cultura Galega, é a gañadora do II Premio Agustín Fernández Paz de Narrativa Infantil e Xuvenil pola Igualdade, un certame convocado polo Intituto de Estudos Chairegos (Iescha), o Concello de Vilalba e Edicións Xerais, cunha obra que fala sobre os refuxiados.

O xurado, formado pola gañadora da primeira convocatoria do certame, a escritora María Reimóndez, o escritor e editor Manuel Bragado e a crítica literaria e tradutora Isabel Soto, fixo público o fallo onte tras acordar por unanimidade que Tres bichiconas, dúas illas e unha serea –que se presentou baixo o título de Unha manta rillada inicialmente– sería a obra premiada na segunda edición dun premio que se consolida.

«Esta novela expresa a capacidade das crianzas para intervir en problemas sociais como a crise das persoas refuxiadas, utilizando a empatía e a comunicación interxeracional como motores de transformación das vidas e da sociedade», expresaron dende o xurado, que tivo que escoller entre un total de 14 obras literarias, con varias «de moito nivel».

A gañadora do ano pasado, María Reimóndez, Manuel Bragado e Isabel Soto compuñeron o tribunal desta segunda convocatoria

«Estamos moi orgullosos porque a razón do premio é recordar a figura de Agustín Fernández Paz e esta obra é un diálogo con algúns dos seus libros máis coñecidos», expresou Bragado, que subliñou que incluso o pseudónimo baixo o que se presentou, Khoedi, é o nome da protagonista de "Lúa do Senegal", do escritor vilalbés.

«A obra reforza a idea do protagonismo de lectores e lectoras novos, non só como receptores de textos, reclamando a súa acción», conclúe a acta do xurado.

E a primeira gañadora, María Reimóndez, que cede agora a testemuña a Rosa Aneiros, destaca unha obra «de lectura moi áxil» que «dá protagonismo aos nenos» e «incide en valores de Agustín».

A nova gañadora, natural de Valdoviño, levarase un premio de 3.000 euros e verá a súa obra publicada, cunha tirada inicial de 1.500 exemplares, segundo as bases do propio certame. Neste caso, a publicación sumarase a unha longa lista.

Rosa Aneiros ten máis dunha ducia de obras publicadas e outros tantos premios, entre os que figuran o Premio Xerais á mellor novela con "Sol de inverno" en 2009 ou o Premio Fundación Caixa Galicia ao mellor título de literatura xuvenil con Ás de mariposa nese mesmo ano, entre outros moitos como o Manuel Murguía, o Carvalho Calero ou o Arcebispo Xoán de San Clemente.

Comentarios