lunes. 22.07.2019 |
El tiempo
lunes. 22.07.2019
El tiempo

Rosa Aneiros: "De todos, é para min o premio máis emotivo, polo moito que quería e respectaba a Agustín"

Rosa Aneiros. PEPE FERRÍN
Rosa Aneiros. PEPE FERRÍN

Tres bichiconas, dúas illas e unha serea, unha obra de Rosa Aneiros, que defende o diálogo interxeracional e que fala dos refuxiados e de grandes problemas sociais dende a
mirada dos nenos, convértese no segundo premio dun certame co que o Iescha, o
Concello de Vilalba e Xerais recordan a dun dos grandes da literatura xuvenil

A ESCRITORA Rosa Aneiros, natural de Valdoviño, pode presumir dunha longa lista de premios, pero acaba de acadar un en Vilalba que lle fai especial ilusión.

Que significa gañar este premio?

De todos os que poida imaxinar, é o máis emotivo, polo moito que quería e respectaba a Agustín, como autor e como persoa. Tíñao como un dos mellores amigos. O premio tróuxome moitas lembranzas, tamén por todas as persoas que me felicitan.

Cando e como coñeceu ao escritor chairego?

Coñecímonos en 2006 nunha viaxe a Brasil na que coincidimos e fixémonos uña e carne. Alí vin moito do ser humano que tanto lera, porque lera a Agustín no cole, e era o meu autor de referencia.

Que destacaría del?

É difícil destacar só unha cousa, pero quizais a empatía, a capacidade de poñerse no lugar do outro. Pero tamén a xenerosidade e que sempre tiña saídas moi cómicas.

Se elixir un adxectivo é complicado, con que obra se quedaría?

Moitas. Das primeiras, da nena lectora que fun, ‘As flores radioactivas’. Logo hai outras dimensións e de todas, quizais, ‘O único que me queda é o amor’, que é o que me queda del.

Manuel Bragado chamouna o sábado pasado para darlle a noticia. Como recorda o momento?

Non sabía cando se reunía o xurado, tiña outro número gardado de Bragado... Estaba fritindo as patacas cos nenos na casa.

E sentín moita sorpresa, sempre pasa. Como definiría a súa obra?

É unha obra infantil que quere ser unha obra na que se erixa a necesidade do diálogo interxeracional, que foi algo que destacou o xurado e que me gustou moito. Son nenos e vellos nunha aldea. Nenos que chegan tirados polos pais que non teñen que facer con eles en verán, ten tamén esa parte de crítica, e que son capaces de buscar solucións aos problemas sociais que son tan difíciles.

Como a crise dos refuxiados?

A Edelmira, André e Daniel gústalles xogar a ser piratas, bichiconas, e un día ven como chega algo á praia. Ao principio pensan que é un dron ou unha manta rillada —o título co que se presentou ao certame— pero cando lle dan unha patada descubren que fala e o libro conta a súa reacción ante unha muller refuxiada. Que sempre se pensa que son homes pero hai millóns de mulleres e iso tamén o quería reflectir!

Ten moito de reivindicación?

Si, e de crítica. Pero non é unha lectura complicada. É unha historia do día a día destes nenos. Cando o xurado abriu a plica atopou que o título real era ‘Tres bichiconas, dúas illas e unha serea’. Gustábame máis. As bichiconas son os protagonistas, rastrexadores da praia, a serea é a muller refuxiada e as dúas illas, o mundo no que viven e o fantástico, a illa Xouba, que inventa para Edelmira a súa avoa, para que se refuxiase alí sempre que tivese problemas.

Presentouse co pseudónimo de Khoedi, por que?

É a protagonista de Lúa de Senegal, de Agustín. Cando estaba escribindo ese libro estivemos buscando xuntos moitas referencias. E recordo unha tarde con especial cariño furgando nos libros en Follas Novas en Santiago. E tamén é unha referencia á propia historia da protagonsita.

Cal é a importancia dos premios?

A visibilidade nun momento no que saen moitos libros ao mercado. E, a título persoal, estou desexando ir a Vilalba a ver a familia de Agustín nun momento feliz.

Que etapa vive a literatura xuvenil galega? Como respira?

Está nun estado extraordinario, en parte grazas ao traballo deses ilustres chairegos-lucenses, esa tríade máxica de Agustín, Xabier P. Docampo e Paco Martín, ou Fina Casalderrey e outros, que furaron nun mundo que se consideraba menor. Hai obras totalmente extraordinarias que se están traducindo a ducias de idiomas, en literatura e tamén ilustración.

E cal é o reto da literatura galega?

Ter lectoras e lectores, que nos lean na lingua orixinal, sen iso a literatura non é nada. E escribimos nunha lingua que cada vez len menos nenos e nenas.

Rosa Aneiros: "De todos, é para min o premio máis emotivo, polo...
Comentarios