Rompe: "Fixen de Brandán un celta metade druída, metade guerreiro"

O escritor presenta un libro-CD cun poema épico no que se basea unha ópera composta por Xan Carballal

Xoán Rompe, en Lugo. SEBAS SENANDE
photo_camera Xoán Rompe, en Lugo. SEBAS SENANDE

Xoán Rompe levou unha cámara de fotos ao auditorio de Burela para fixar cada escena. Pousou o sombreiro no colo. Daba saltiños. As pernas xeraban electricidade a pulos pola emoción cando sentou na cadeira. No escenario, despois de trinta anos conseguía ver estreada unha ópera baseada no seu poema épico A viaxe de Brandán. Cando acabou a representación reparou en que non quitara unha imaxe, en que a máquina quedara baixo o sombreiro ou talvez nun peto da chaqueta.

Un libro que recolle o texto de Rompe e máis oito temas da ópera compostos por Xan Carballal, con letras de Xulia Nogueira, serán presentados ás 20.00 horas desta tarde no Círculo de las Artes de Lugo. A obra foi editada polo Concello de Burela e recolle unha gravación feita pola Radio Galega no ano 2012.

Rompe retrocede a unha lembranza doutro concerto, nos anos 90 e no auditorio de Lugo, cando comprou o disco The Brendan Voyage a un grupo que actuara alí para situar o comezo do seu interese por San Brandán, un monxe do século VI que fixo un labor evanxelizador.

A imaxinación deste creador é tan poderosa que non soamente logra materializar unha ópera, senón que logrou revertir o tempo en 2.000 anos e transformar o freire irlandés nun celta -«metade druída, metade guerreiro»- que emigra detrás do sol ata acabar na fin do mundo, na Fisterra galega.

Segundo o poeta, ese personaxe seu «ben podería aventurarse a navegar polo Atlantis e, dende o Finis Terrae ata as Canarias, pasando por cidades no fondo do mar, ata arribar ao final, a ese lugar que todos sospeitan, pero non se nombra: a Atlántida".

Xoán Rompe escribiu a crónica nun longo poema que presentou a Carballal "para facer unha ópera". Parecía unha idea irrealizable, "pero a miña fantasía percorre moito", destaca o escritor, quen apunta que o músico "se meteu de cheo na historia". "Eu faleille de gaitas, pero Xan díxome que non as tiñan daquela, pero dixo que había cornos mariños e trompetas de cobre", que recrearon coa axuda do sarriao Abraham Cupeiro e de antigos alumnos da Escola de Artes Aplicadas de Lugo. Rompe indica que "trasladados a unha cidade no fondo do mar, producen as mareas, os maremotos e as treboadas mariñas, segundo a entoación e a interpretación" que fagan os músicos con eles.

Como o texto de Rompe era estenso de máis, centráronse no primeiro terzo para levalo ao escenario. O autor comenta que esa parte relata os preparativos da viaxe -que cadran coa morte da moza de Brandán, Lenni- e a partida.

ASUBÍOS. Fora queda a viaxe de Brandán pola Illa dos Paxaros Cantores, "que é unha recreación da illa de Lanzarote", onde os seus habitantes "se comunican dun lado ao outro e dialogan con asubíos".

A aventura conleva risco. Sabendo que vai caer unha chuvia de meteoritos «trata de salvar todas as especies de animais, en referencia a Noé». Resúltalle imposible salvar unicornios porque "nese intre a unicornio femia está en celo, polo que se torna rigorosamente tímida e se agocha para non ser vista".

Outro exemplar que queda condenada a desaparecer é a Ave Fénix, "porque neses momentos as aves recién acababan de inmolarse no seu propio lume, pero non deu tempo ao retorno e a recollida das cinzas".

Comentarios