viernes. 15.01.2021 |
El tiempo
viernes. 15.01.2021
El tiempo

Luar na Lubre: "Temos a intención de gravar un disco sobre a Ribeira Sacra de Lugo"

Luar na Lubre, este mércores na libraría Biblos de Lugo. VICTORIA RODRÍGUEZ
Luar na Lubre, este mércores na libraría Biblos de Lugo. VICTORIA RODRÍGUEZ

A formación presentou o seu traballo discográfico na Biblos e este venres actuará no auditorio Gustavo Freire ás 21.00 horas. O disco conta con colaboracións de Sés e Víctor Manuel

Despois de trinta e tres anos con Luar na Lubre, Bieito Romero, un dos seus fundadores, volve á súa terra familiar para facer "música que busca a emoción". Romero retoma os camiños que facía o seu avó afiador e ao lugar onde están enterrados os seus antecesores. Este regreso coincide cos días escuros de outubro do ano pasado, que tamén quedan reflexados no disco.

A intención era incluír a Ribeira Sacra de Lugo e Ourense pero, a cantidade de información que atoparon, fixo que fose inviable. De todas formas, "non vai ser inminente, pero faremos un traballo sobre a Ribeira de Lugo, porque hai cantidade de historias impresionantes", di Romero.

O disco comezou a xerminarse no silencio do mosteiro de San Pedro de Rocas (Esgos). Alí fixeron os primeiros ensaios, "o embrión do que veu despois", explica. Este espazo ten un peso importante na biografía do músico. "Toda a miña familia por parte de pai, dende meu bisavó para atrás, están enterrados alí", explica.

Durante esta estadía, a agrupación viaxou pola comarca, recolleu música e entrevistou alfareiros e afiadores. O resultado é un traballo que transita entre a alegría do entroido, o angustia dos crimes de Romasanta e as melodías de Afonso X. Para cantalos botaron man de colaboracións como Sés, Víctor Manuel ou Nani García.

Nestes 26 temas Luar na Lubre convida a facer unha viaxe cos oídos."Se fas un traballo dunha comarca e te metes no factor humano, é interesante saber que sonoridades hai alí", explica Romero. O cantar dos paxaros máis madrugadores, as campás repenicando a ritmo de muiñeiras ou os felos de Maceda, son algunhas das pezas de Ribeira Sacra.

Luar na Lubre viaxou pola comarca, recolleu música e entrevistou alfareiros e afiadores. O resultado é un traballo que transita entre a alegría do entroido, o angustia dos crimes de Romasanta e as melodías de Afonso X

A paisaxe tamén está presente para o malo. En Esgos viviron os incendios de outubro do ano pasado. Ao igual que fixeron co Prestige en Memoria da noite, trasladaron esa "arde que parecía noite" á canción Alento. A banda invita, en forma de crónicas musicais, a "pararte nesas cousas, aínda que fagan chorar, porque temos unha memoria moi limitada e hai que recordar o que aconteceu".

Tafenos da gaurra- os diaños da noite en barallete, a lingua do afiadores- é a canción que abre o disco e que representa a filosofía do grupo. "Xunta a parte profana coa relixiosa contribuindo a entender esta zona. A melodía é da cantiga XV de Afonso X e a letra é barallete", explica Romero.

Este músico afincado na Coruña ía a Melón Baixo (Esgos) todos os anos da súa infancia. Seu avó era afiador e cacharreiro, emigrado a Lisboa e despois a Cuba, onde montou unha tenda de coitelos. Foi del de quen aprendeu a falar barallete. "Era un gran narrador, sabía contar moi ben as historias. Lástima que daquela non había gravadoras", conta.

Aproveitando que agora si que as hai, nestes días de viaxe co grupo pola Ribeira Sacra visitaron varias persoas da comarca. Entre eles está Serafín Pernas, de onda quen tiveron que "marchar porque non paraba de cantar", conta Romero, e engade que "as cancións deste home soaron totalmente novedosas nos nosos oídos".

Durante estes encontros, as persoas coas que estiveron non acababan de comprender o que estaban facendo. "Como non están afeitos a isto, non lle dan importancia. Pero agora, ao vir aos concertos, síntense representados e valorizados", explica o músico.

Luar na Lubre: "Temos a intención de gravar un disco sobre a...
Comentarios