Roi Cagiao: "O 10 de marzo puxo a Galicia na primeira liña da loita antifranquista"

O cineasta vigués rememora nun documental, que se estrea este venres en toda Galicia, a represión franquista no Ferrol obreiro do ano 1972
Secuencia da manifestación en Ferrol. AIGI BOGA
photo_camera Secuencia da manifestación en Ferrol. AIGI BOGA

10 de marzo do 1972. En plena ditadura franquista, miles de traballadores do estaleiro Bazán de Ferrol saen en manifestación polo centro da cidade como protesta pola negociación do convenio de empresa. A Policía Armada intercepta a marcha, que é reprimida con ducias de feridos e dous mortos: Daniel Niebla e Amador Rey. Quedaba así fixada a data de maior simbolismo do movemento obreiro galego que agora é documentada en 10 de marzo, o filme do vigués Roi Cagiao.

"Estes feitos supuxeron un punto de inflexión na sociedade galega. Un avance na toma de conciencia da mesma e da oposición á ditadura, e pola súa transcendencia merecen ser plasmados nunha obra audiovisual", di o cineasta, para quen o sindicalismo non é algo novo, pois mamouno desde cativo. Seu pai, traballador de Citroën, tivo unha ampla participación sindical e política que deixou pegada en Cagiao. "Na casa sempre se participou moito da vida social e política viguesa e falábase moito da loita obreira e dos feitos do 1972. Entón tocábame bastante de preto".

Precisamente por isto, o proxecto orixinal pretendía retratar a convulsión laboral de setembro do 1972 en Vigo, así como os sucesos de Ferrol. "Con todo, atopeime co problema de que eran dous procesos complexos que requirían dunha investigación bastante grande". Por iso, decidiu dividir o proxecto en dous.

Hai cinco anos viu a luz Vigo 1972, unha película sobre os feitos na cidade olívica que tivo unha gran aceptación por parte do público e estivo nominada a mellor documental nos Mestre Mateo.

O director Roi Cagiao.
O director Roi Cagiao.

Na miña casa sempre se participou moito da vida sindical e política e falábase da loita obreira e dos feitos do 1972"

Agora, como complemento a esta cinta, o cineasta reconstrúe os feitos acontecidos en Ferrol nun filme que se estrea polo 50 aniversario deste suceso "que puxo a Galicia na primeira liña da loita antifranquista", recalca o director.

Ampla documentación

Nos seus oitenta minutos de duración 10 de marzo reconstrúe, a ritmo vertixinoso, un lapso temporal de seis anos nos que se narra a ascensión da influencia das organizacións antifranquistas na sociedade galega e especificamente no proceso de penetración das Comisións Obreiras e do Partido Comunista dentro do estaleiro Bazán, así como a negociación do quinto convenio de empresa que desembocaría nun profundo conflito laboral.

"Estas mobilizacións foron moi importantes porque contribuíron ao desgaste do réxime franquista". Precisamente a revolta de Ferrol, por producirse na cidade natal de Franco tivo unha importante repercusión non só en Galicia e no ámbito nacional, senón que traspasou as fronteiras. "Os responsables do Partido Comunista acudiron a Telefónica e contactaron co partido en Madrid, pero tamén en París e noutras cidades para retransmitir a noticia. Entón, cando as autoridades quixeron silenciar o acontecido, a noticia estaba nas rúas", explica o director.

Precisamente por iso aínda hoxe existe unha memoria moi viva do acontecido. "O recordo destes feitos é moi grande, tanto que poderiamos facer catro documentais máis con todas as testemuñas".

Desde os chamados curas vermellos ata mulleres activistas poñen voz a estos tráxicos sucesos e convírtense nun piar fundamental na cinta, que se articula en torno a entrevistas, materiais de arquivo e reconstrucións. "Outro dos puntos fortes é que 10 de marzo conten valiosas imaxes do estaleiro, moi difíciles de conseguir e que foron facilitadas por Navantia, que colaborou no filme", di Cagiao, mestre musical de profesión, e para quen o mundo audiovisual vai máis aló dunha paixón. "Non vivo disto, pero dáme a vida. Os documentais serven para que non caian no esquecemento feitos que marcaron un antes e un despois na historia", conclúe.

Comentarios