Rober Bodegas: "A primeira vez quedei en branco; foi un fracaso"

O cómico de Carballo actúa este venres no festival benéfico do colectivo Afapo que se celebra na sede Afundación en Pontevedra. Desenvolverá unha parte do seu monólogo en solitario, 'Fango'
Rober Bodegas. ERNESTO GONCA
photo_camera Rober Bodegas. ERNESTO GONCA

ROBER BODEGAS (Carballo, 1982) forma Pantomima Full xunto con Alberto Casado. Está satisfeito co seu éxito, "pero non me imporataría que os meus monólogos tivesen máis espazo, que a xente se animase a saír os xoves pola noite".

Prefire ir de xira só ou en dúo?

Ir con Alberto é máis divertido. Cando imos de xira con Pantomima Full somos catro ou cinco persoas. Cando vou eu só métome nun tren ou nun avión.

Xa non viaxa en coche para actuar?

Procuro ir en transporte público. Hai anos ía en coche, pero teño corenta anos. Antes actuaba, saía de copas e arrancaba sen durmir o suficiente. En novembro cumpro 20 anos nos escenarios. Teño cobrado en pesetas. Se collía un hotel perdía cartos. Como era novo aguantaba esas malleiras.

Cónteme o peor inferno.

Actuei nunha gaiola. Era unha discoteca con gaiolas para que bailasen gogós e tiven que actuar nunha. En Béjar (Salamanca) estaba facendo un monólogo. Mentres actuaba había uns xogando ao futbolín e metendo ruído. Montouse unha bronca. Aproveitei para marcharme. Díxenlle ao dono que non me compensaba por 150 euros.

Daquela escoitaba cumbia mentres conducía.

Cando tiña 18 anos andaba con esa etapa de renegar dos teus pais. Escoitaba folk americano. Sentíame orgulloso de coñecer música que coñeciamos poucos. O meu pai tiña unha cinta de Carlos Vives. Cando superei a tontería empecei a escoitar cumbia e outra música latina, e tamén italiana.

Non toca ningún instrumento.

Son a persoa con menos talento musical. Son incapaz de seguir un ritmo coas palmas.

Pero pinchaba música.

Elexía cancións para poñelas e crear un ambiente festivo. Non sabía mezclar dúas cancións co mesmo ritmo.

Dicíame que cumpre 20 anos.

O meu primeiro monólogo foi no bar D’Anton, de Laracha, nun concurso de cando empezaban os monólogos. Gustábame escribir, pero era moi tímido. Foi un fracaso, quedei en branco. Cando baixaba do escenario achegóuseme un home e díxome: "É unha pena que sexas tan malo porque o teu texto é realmente bo". Era o dono do Nexo Deportivo, un bar da Coruña. Animoume a volver intentalo. Foime ben porque eramos malos, pero case non había bos. Empezaba Luis Piedrahita e algúns máis. Fomos os iniciadores de algo que despois soubemos que se chamaba stand up comedy e que os americanos levaban cincuenta anos facendo. Nós non eramos tan bos, pero era o máis parecido a El club de la comedia que podían ver en directo. Era como cando Blur non viñan tocar a Carballo, pero había uns rapaces de Sada que se lles parecían.

Vestía camiseta negra. En singular, sempre a mesma.

O primeiro monólogo que fixen era sobre tribos urbanas. Puxen unha camiseta negra por ser máis neutro, para que o aspecto non influíse no monólogo. Foi un erro. Debería ir dun estilo de tribo urbana, rirme da miña e despois rirme das outras. Daquela quería ocultarme. Agora é raro que teña un fracaso, podo ter unha actuación de aprobado, pero non un fracaso. Antes era incerto. Poñerme a mesma camiseta era unha superstición. Levábaa mentres estivese en racha. Empecei a cambiala por hixiene.

Continúa coas tribos urbanas a través das parodias que fai con Pantomima Full. Como nacen eses números?

Son discursos escoitados de primeira orella. Hai alguén que che conta: "Este verán pillei unha camper...".

Hai alguén que se recoñeza?

Hai, pero non lles parece mal. Dinos que deberiamos pagarlle pola idea. Ata lles fai ilusión. Hai veces nas que temos que consultar sobre o tema.

Cambiou a camiseta pola gravata.

Era a miña estética, unha estética británica medio mod. Os colegas dicíanme que era guai, que ninguén sabía os nosos nomes, pero todos acordaban da miña gravata fina e do meu cardigan de punto. Pero non era unha estética para o escenario, eu vestía así pola rúa.

Pasou ás camisas hawaianas. Gústalle a moda.

A moda e a estética en xeral. Interésanme a arquitectura, o deseño industrial,... Intento estar ao día. Alberto Casado e máis eu acabamos de cambiarnos de oficina porque venderon a que tiñamos alugada. A nova é bonita. Outros cómicos escriben na casa ou noutos sitios. Alberto e máis eu podiamos quedar na casa dun ou escribir cada un pola súa conta, pero eu prefiro facelo con el na oficina.

Precisa dun sitio concreto?

A oficina é bonita e gústame ir escribir alí. Imos xuntos a un espazo familiar. Podo escribir nunha mesa da miña casa. Non podo facelo nun hotel.

Que fai cando unha idea lle salta fóra deses dous lugares. Nun hotel, por exemplo.

Tomo notas da idea, pero son tan sintéticos que tardo en descifrarlas. Pregúntome: "A que se referirán estas tres palabras?".

Sérvelle para seleccionar as boas ideas.

Cando escribo monólogos gústame ter a idea na cabeza. Vou pensando neles mentres espero o bus. Os monólogos están estruturados en bloques que vas tratando. Gústame telos na cabeza e, cando penso que xa os teño, escríboos. Doulle voltas á idea ata que atopo o que quero contar. Se o escribo de primeiras quédame máis ríxido e artificial. Non quero que me quede tan clásico, que cada chiste estea onde esperas. Cando gravas para televisión está todo moi pautado. Eles teñen os seus ritmos. Pregúntanme por que o mellor chiste non está no final, senón pola metade. Dígolles que porque funciona mellor narrativamente. Non me parece un drama.

Comentarios