jueves. 28.05.2020 |
El tiempo
jueves. 28.05.2020
El tiempo

DÍA DAS LETRAS GALEGAS

Ricardo Carballo Calero: biografía dunha vocación polas letras

Carballo Calero, no ano 1954 na feira de Castroncán. COLEXIO FINGOI
Carballo Calero, no ano 1954 na feira de Castroncán. COLEXIO FINGOI
O homenaxeado nas Letras Galegas 2020 é autor dunha obra extensa e multiforme, con base nunha gran precocidade como creador e investigador

Ricardo Carballo Calero, (Ferrol, 1910-Santiago de Compostela, 1990) foi escritor, historiador da literatura, crítico literario, filólogo e lingüista. Realizou estudos secundarios na Coruña e universitarios en Santiago de Compostela, onde se licenciou brillantemente en Dereito (1931) e en Filosofía e Letras (1935).

Ao mesmo tempo, vinculouse ao galeguismo —participou na revista Nós, ingresou en 1927 no Seminario de Estudos Galegos, colaborou na redacción do Estatuto de Autonomía, e entrou no Partido Galeguista— e publicou as súas primeiras obras de creación en castelán (1928, Trinitarias, poesía) e en galego (Vieiros, 1931, tamén poesía), sen que faltasen mostras de intervención político-cultural.

A Guerra Civil sorprendeuno en Madrid cando opositaba á disciplina de Lingua e Literatura españolas de ensino medio; incorporouse á loita como miliciano e chegou a tenente en campaña. Acabada a guerra, foi xulgado e condenado á pena de 12 anos (e un día), aínda que aos dous, en 1941, regresou a Ferrol, en réxime de liberdade condicionada e imposibilitado para acceder a calquera cargo público.

En 1950 foi nomeado director do Colexio Fingoi, onde permaneceu quince fecundos anos, á vez que se doutoraba (1954, Achegas á literatura galega contemporánea, editada por Gredos ao ano seguinte). Ingresou na Real Academia Galega (1958, cun estudo sobre as fontes literarias de Rosalía de Castro) e publicou obras do alcance da Historia da literatura galega contemporánea (1963), sen esquecer a súa vertente creadora.

Carballo Calero, con
integrantes do equipo Liber Fingoi. COLEXIO FINGOI

En 1965 incorporouse ao Instituto Rosalía de Castro, de Santiago, tras finalizar a oposición iniciada en 1936, e, como profesor contratado, á Universidade compostelá; en 1972 foi o primeiro catedrático de Lingüística e Literatura Galegas.

UNIVERSIDADE. Dedicado desde entón exclusivamente á universidade, e ata a súa xubilación, en 1980, Carballo publicou numerosas obras relativas a lingua e literatura galegas, destinadas a afirmar o seu ensino universitario e a súa proxección social. Nos seu últimos dez anos, Carballo intensificou o ritmo das súas publicacións, tanto de investigación como de divulgación ou de creación, conseguindo algúns recoñecementos ao seu labor (1987, Scórpio, novela, premio Nacional de Literatura), máis por parte de entidades culturais privadas (Asociación Galega de Escritores, Associaçom Galega da Língua, Sociedade Cultural Medúlio, etc.) que de institucións públicas (Medalla Castelao da Xunta de Galicia, en 1984, Fillo Predilecto da Cidade de Ferrol, 1990).

Carballo Calero é autor dunha obra extensa e multiforme, con base nunha gran precocidade, como creador e como investigador, unha longa traxectoria vital (con permanente mocidade intelectual) e unha dedicación intensa e disciplinada, prexudicada, con todo, polas circunstancias biográficas indicadas, pero sempre alimentada pola súa marcada vocación para as letras. Moitos dos seus traballos menores están asinados con pseudónimo, ás veces unha simple sigla.

Carballo Calero (1)

Ricardo Carballo Calero: biografía dunha vocación polas letras
Comentarios