Un retrato de Manu de Tatatá, obra de Roberto González, queda no Museo

O artista de Monforte presentou este mércores en Lugo o catálogo do seu  proxecto 'Control' na Rede Museística

Roberto González, co catálogo do proxecto 'Control'. SEBAS SENANDE
photo_camera Roberto González, co catálogo do proxecto 'Control'. SEBAS SENANDE

O Museo Provincial de Lugo acolleu este mércores a presentación do catálogo da obra de Roberto González exposta na Rede Museística da Deputación. Baixo o título Control, recolle o novo proxecto do artista monfortino que se exhibe nos catro museos ao longo deste ano. Conta con textos de Javier Mazorra, María José Fernández, Marica Campo, Olalla Cociña e Olga Novo.

Roberto González aproveitou este acto de divulgación para doar unha das súas obras aos fondos da Rede Museistica da Deputación. Unha peza que leva por titulo W-DV-MZ Diseñador, un retrato de Manuel Martínez coñecido como Manu, deseñador e fundador de Tatatá Comunicación, falecido este mesmo ano.

No acto participaron o autor Roberto González; a deputada de Cultura, Pilar García Porto; a coordinadora do proxecto, Encarna Lago González, e a directora do Museo Provincial de Lugo, Aurelia Balseiro García.

Nesta edición recóllense as obras da instalación que o autor monfortino expuxo ao longo deste ano na Rede Museística, coa que propón reflexionar sobre a imaxe como comunicación, como símbolo que representa as formas históricas de relación social, especialmente as de control desde as diferentes formas de poder.

"García Porto agradeceu o traballo e a implicación deste creador nos proxectos artísticos da Rede Museística Provincial"

García Porto explicou que o Goberno da Deputación "continúa co seu traballo de recoñecemento á traxectoria dos artistas lucenses, neste caso o de Roberto González, a través desta publicación damos a coñecer a obra deste monfortino por todo o mundo, e que ademais expón na Rede Museísitica, cun discurso transgresor sobre os xeitos de control por parte das institucións".

García Porto agradeceu o traballo e a implicación de González ao longo destes anos nos proxectos artísticos da Rede Museística Provincial. "A partir de agora a túa obra quedará pendurada para sempre nos museos da Deputación. Gracias polo teu traballo que estou segura que nos seguirá deparando novas e arriscadas sorpresas", resumiu.

TRAXECTORIA. Roberto González é un artista multidisciplinar interesado pola pintura como medio para expresar ideas e sentimentos e o seu estilo podería definirse como unha mestura entre formulacións conceptuais e realistas.

Desde os seus comezos móstrase interesado pola figura humana, sempre constante ao longo da súa traxectoria e o modo de reflectir pictoricamente a vida interior dos seus personaxes.