sábado. 31.07.2021 |
El tiempo
sábado. 31.07.2021
El tiempo

Redrum Teatro aborda as novas masculinidades en '#2Pilgrims'

Ensaio de #2Pilgrims. EP
Ensaio de #2Pilgrims. EP
A obra, que forma parte do programa O teu Xacobeo da Xunta de Galicia, está dirixida por Alex Sampayo, escrita por Fernando Epelde e protagonizada por Guillermo Carbajo e Sheyla Fariña

Redrum Teatro estreará o vindeiro 21 de xullo no marco da Mostra Internacional de Ribadavia a súa nova produción: #2Pilgrims. A obra, que forma parte do programa O teu Xacobeo da Xunta de Galicia, está protagonizada por Sheyla Fariña e Guillermo Carbajo. O espectáculo preséntase como unha comedia con grandes doses de absurdo que ten como obxectivo achegarlle a través do humor ao público adolescente unha fonda reflexión sobre as novas masculinidades. Trátase, polo tanto, dunha obra que nace “da necesidade de encher un oco no teatro con espectáculos dirixidos ás novas xeracións” que poñan o foco “na reflexión sobre a igualdade e na concienciación fronte a violencia de xénero”. Así o explicou a actriz Sheyla Fariña na Terraza do Edificio da SGAE en Santiago, nunha rolda de prensa celebrada hoxe para presentar a obra e a súa xira na que tamén participaron Cecilia Pereiro Miramón, comisaria do Xacobeo 2021-2022; Roberto Pascual, director da Mostra Internacional de Teatro de Ribadavia, e Guillermo Carbajo, actor e produtor da compañía Redrum Teatro. 

Precisamente Carbajo subliñou que #2Pilgrims, a décimo quinta produción de Redrum Teatro, encaixa no marco do chamado "teatro social", unha liña de traballo que a compañía leva desenvolvendo nos últimos anos a través de obras como A nena que quería navegar, que trata sobre o acoso escolar, ou Invisibles, montaxe que aborda a violencia de xénero. Carbajo, quen comparte escena con Fariña, tamén destacou o gran equipo que está detrás desta obra, recordando que Alex Sampayo dirixe a peza, Fernando Epelde se encarga da dramaturxia e Carlos Álvarez-Ossorio, da iluminación.  Por último, na súa intervención Carbajo adiantou as próximas datas da xira, que no mes de xullo chegará a varios concellos polos que transita o Camiño de Santiago: Triacastela, Mondoñedo, Rois, Castroverde e Rodeiro. 

Rolda de prensa de presentación de  #Pilgrims. EP

AUTOFICCIÓN E REDES SOCIAIS. Outro dos elementos fundamentais de #2Pilgrims é a especial atención que lles presta aos múltiples efectos que as redes sociais levan anos exercendo na forma de relacionarse das novas xeracións e de establecer relacións socioafectivas, achegando ao tempo un cuestionamento crítico ao respecto do mal chamado amor romántico. Con todas estes fíos, a obra realiza un chamamento á reflexión empregando, ademais da comedia e a parodia, a autoficción como un dos seus grandes recursos escénicas. Así, sobre o escenario mesturaranse as traxectorias persoais no mundo da interpretación de Sheyla Fariña e Guillermo Carbajo coa ficción nun xogo escénico referencial, de xeito que as experiencias propias combinaranse con supostos ficticios que teñen no Camiño de Santiago o seu contexto escénico.

A compañía, tras desenvolver os ensaios durante unha residencia artística no Auditorio Municipal Constante Liste da Ramallosa grazas á colaboración do Concello de Teo, estreará #2Pilgrims o 21 xullo na Mostra de Ribadavia. Despois iniciará unha extensa xira ao longo de 2021, que inclúe paradas como Triacastela (28 de xullo), Mondoñedo (29 de xullo), Rois (30 de xullo), Castroverde (31 de xullo), Rodeiro (1 de agosto), As Neves (3 de outubro), Vilalba (6, 7 e 8 de outubro), Oroso (15 de outubro), Cambre (24 de outubro), Muxía (27 de novembro) ou Padrón (10 de decembro). 

Redrum Teatro aborda as novas masculinidades en '#2Pilgrims'
Comentarios