"Recuperamos pezas do repertorio da catedral de Lugo que son patrimonio"

Fernando Gómez Jácome dirixe este venres Solo Voces nunha actuación na basílica, ás nove menos cuarto, que inclúe música do lucense Manuel Antonio Méndez, contemporáneo de Beethoven
Generated by  IJG JPEG Library
Generated by  IJG JPEG Library
AppleMark
photo_camera Fernando Gómez Jácome, co coro Solo Voces. VICTORIA RODRÍGUEZ

Os vintecatro compoñentes do coro Solo Voces teñen este venres unha tarefa por diante: a de rescatar para o público lucense parte do repertorio da catedral que recuperaron das partituras en pergamiño incluídas no antigo ‘Libro do Coro’ e que datan, algunhas, do século XVIII.

A cita será ás nove menos cuarto da noite na basílica lucense. O repertorio deste concerto —titulado Cantate (Cantade)— inclúe tamén unha peza do compositor de Conturiz Manuel Antonio Méndez, contemporáneo de Beethoven, que foi un dos músicos máis relevantes que deu Lugo e que moi poucos lucenses coñecen.

"Manuel Antonio Méndez naceu en Conturiz sobre 1750 e morreu en 1817. Foi contemporáneo de Beethoven, entre o romanticismo e o clasicismo. Foi organista da catedral de Lugo e compuxo varias pezas relixiosas. E nós, imos cantar neste concerto unha delas, Beati omnes qui timent", explica Fernando Gómez Jácome, director de Solo Voces.

A agrupación tamén poñerá as súas voces á música de Marcial de Adalid (1826-1881), un compositor galego, ‘Ave Maria’ e ‘Tantum ergo’. Ningunha destas pezas foi interpretada nunca por ningún coro, polo que será a primeira vez que se escoiten con voces.

Outra peza que se inclúe no concerto é Crux fidelis, de Juan Antonio Moreno Fuentes (1904-1986), unha peza que tamén está no Arquivo Catedralicio de Lugo.

"Moreno Fuentes foi o último mestre de capela da catedral. Toda esta música, que forma parte do arquivo da basílica lucense, é unha parte do noso patrimonio moi descoñecida. Por iso quixemos facer este concerto de música sacra, porque levamos anos participando no Festival de Órgano da catedral e preparando estas pezas e é unha mágoa que se preparen só para unha ocasión e a xente non chegue a coñecelas. Porque estamos a recuperar pezas do repertorio da nosa catedral que son patrimonio", afirma Fernando Gómez Jácome.

O director de Solo Voces —que tamén leva outras corais como Cantar Delas, o Coro do Hospital, Lug (de exfuncionarios da Xunta), ademais de formar parte do cuarteto Son de Corda— considera que a cita de hoxe con Solo Voces será especial, tanto polo repertorio como pola calidade das voces e o espazo no que se ofrecerá o concerto.

"Coas voces que temos agora mesmo e a acústica da catedral algunhas pezas resultarán espectaculares de escoitar en directo», afirma o músico lucense.

O concerto incluirá, nesta ocasión, só pezas relixiosas pero, aínda así, o repertorio será variado.

"A proposta é un convite ao público lugués para que se achegue a escoitar unha hora de música de moi variados estilos, desde o renacentista Palestrina aos espirituais americanos, pasando polo barroco, clasicismo, romanticismo e posromanticismo, até as estéticas máis achegadas aos séculos XX e XXI. Así que empezaremos cun espiritual negro e seguiremos cunha polifonía do Renacemento", afirma Gómez Jácome.

Solo Voces é unha agrupación integrada por catorce mulleres —sete sopranos e sete contraaltos— e dez homes —cinco baixos e cinco tenores—. Aínda que as voces están compensadas, o director vería ben que se achegasen voces novas, o que non é tarefa fácil.

"Cada vez é máis difícil achegarse á xente nova porque, desde hai anos, rompeuse unha cadea que partía desde a escola ou o instituto, onde se cantaba, e chegaba ata o coro. Perdeuse de cantar na escola. Quizais tamén porque vai cambiando o sistema educativo. Agora só se canta nos conservatorios. Iso é o que pasa en Lugo. Nas Rías Baixas, en cambio, a situación é diferente, pero aquí está a ser especialmente complicado o relevo das voces", comenta Fernando Gómez Jácome.

Comentarios