viernes. 27.05.2022 |
El tiempo
viernes. 27.05.2022
El tiempo

Raquel Vázquez: "A busca do refuxio onde todo está en calma é algo utópico"

A poeta Raquel Vázquez. SABELA FREIRE
A poeta Raquel Vázquez. SABELA FREIRE
A poeta luguesa está en racha. Con só 31 anos esta muller miúda agocha un xigantesco talento que se traduce en obras como Aunque los mapas. Atesoura premios, inquedanzas e ganas de aprender sen límite de tempo

Raquel Vázquez é unha poeta, filóloga e informática luguesa que fala xaponés, toca o piano e estuda canto. Acaba de acadar dous dos premios máis prestixiosos de poesía: o Loewe e El Ojo Crítico.

Leva desde moi nova dedicándose a escribir poesía. Cal foi o punto de partida?
Miña nai recitábame versos desde pequena e dese modo percibín a poesía como algo natural, non como algo inaccesible ou que non formase parte da vida cotiá. Meus pais non eran moi lectores, pero fixéronme regalos de libros desde que era moi nova. Para min sempre foron os xoguetes preferidos. A primeira profesión que quixen ser antes de escritora foi ser libreira para poder ter tódolos libros para min.

Que supón este xénero literario para vostede?
Desfruto entre libros e a poesía era para min unha parte máis dese universo que me fascinaba. Foi un camiño máxico a través do que puiden canalizar sentimentos desde a infancia e incluso na adolescencia. A poesía permitiume explorar, indagar e asomarme a novas realidades.

Que descubrirá o lector no seu poemario Aunque los mapas?
É un libro que reflexiona acerca de se nós somos realmente a persoa que queremos ser. Pode acompañar e levar á reflexión. Ten ese compoñente de busca da identidade e ademais, é un libro asequible incluso para aqueles lectores que non sexan habituais de poesía.

"A escritura é a miña forma de aferrarme ao mundo. Non podería prescindir diso"

E que se pode atopar de vostede, a propia autora, no libro?
Eu considero que tódolos libros teñen autoficción. Eu estou no meu coma calquera escritor pode estar nos seus propios libros. O que escribimos sempre parte das vivencias, das experiencias, dos soños e desexos.

Falando da busca da identidade. Como se definiría?
A pesar de que me gusta o deporte, a música e os idiomas, escribir é o que máis me define. A escritura é a miña forma de coñecer, de aferrarme ao mundo e non podería prescindir diso. Aínda que é complexo porque teño moitas inquedanzas e teño aínda máis que non podo levar á práctica. Nese sentido, a miña cabeza é bastante caótica.

Rexeita que sexan outros os que nos definan, incluso os máis próximos como a familia ou os amigos.
A inercia da vida leva a aceptar uns roles, ser os personaxes da representación teatral na que estamos inmersos. Pero debaixo dese disfrace, pode haber moitas persoas que chegan a certa idade e pensan: "Isto é realmente o que quero vivir?!. A vida pasa expoñencialmente rápido. Dame mágoa que sexa algo común o arrepentirse máis do que non se fixo ca do que se fixo. Sempre hai lamentos e moitas veces veñen por falta de reflexión interna, de facerse preguntas e ter coraxe para afondar, atopar as verdades e polo menos de facer esa busca.

Recibiu o premio El Ojo Crítico 2020 por este poemario. Que significou recollelo nunha situación tan atípica?
Recibino con moita ledicia. Foi ademais unha ledicia compartida polo feito de estar reunidos e poder celebrar algo relacionado coa cultura e coas artes. Foi un paso máis para retomar certa normalidade e sentir que o final da pandemia está máis preto.

Por que este galardón foi especial para vostede?
Os premios de El Ojo Crítico teñen moito prestixo. De todos os libros de poesía publicados en España escritos por menores de 40 anos, seleccionaron o meu. Ademais, este libro xa recibira o Premio de Creación Joven, polo que supón outra validación moi importante para min.

"Nestes tempos eu prefiro directamenta a soidade. Rebélome ante a normalización destas formas de comunicación"

No libro desprázase a lugares afastados como a cidade xaponesa de Hiroshima, onde atopa vostede o seu refuxio?
Eu diría que en min mesma, cando estou en paz conmigo mesma e coa xente que máis quero. Teño que aceptar o que acontece no presente, xa que a busca dese refuxio onde todo está ben e en calma é algo utópico.

Cal é o lugar ao que acode cando falta a inspiración?
Gústame acudir aos libros. Se non atopo que escribir ou se non atopo as palabras axeitadas, volvo aos meus favoritos.

Cales son eses favoritos?
Gústame moito o poeta Jorge Riechmann. Ten unha antoloxía de poesía amorosa que se titula Amarte sin regreso á que volvo moitas veces. É un tratamento do amor nada idealizado e moi consciente. Tamén me gusta moito o poemario de Blanca Andreu, De una niña de provincias que se vino a vivir en un Chagall. Para min xa é todo un clásico.

Estudou xaponés, é unha afeccionada ás carreiras populares e toca a mandolina. Di que fai todo iso para comunicarse cos outros. Como logra comunicarse no marco da pandemia?
Nestes momentos a comunicación é complicada. É certo que existen as redes sociais e que podes ver a unha persoa a través dunha videochamada. Porén, as distancias son reais e non lle podes dar unha aperta a unha pantalla. Nestes tempos eu prefiro directamente a soidade. Rebélome ante a normalización destas formas de comunicación.

Ten algún proxecto entre mans?
Hai un par de meses rematei un novo poemario e estou traballando nunha novela. Tamén teño un libro de aforismos xa rematado que posiblemente se publicará a finais deste ano ou a comezos do ano seguinte.

Raquel Vázquez: "A busca do refuxio onde todo está en calma é algo...
Comentarios