A Rapa das Bestas de Sabucedo, Festa de Interese Turístico Internacional

Os aloitadores que cada ano inundan o curro de Sabucedo terán nesta edición un motivo máis de celebración., pois a Rapa das Bestas desta localidade acaba de ser declarada Festa de Interese Turístico Internacional pola Secretaría de Turismo do Ministerio de Industria.

Así o confirmou onte o Director Xeral de Turismo Rubén Lois durante a presentación da Festa. Lois afirmou que esta distinción supón “unha carta de presentación importantísima a nivel internacional”. Pola súa parte, o presidente da Asociación Rapa das Bestas, Javier Quintillán, asumiu como “un compromiso continuar coa celebración e transmitir a súa esencia de xeración en xeración”.

A Rapa súmase así á Festa do Apóstolo (Compostela), á Romaría Vikinga de Catoira (A Coruña) e ó Festival Celta de Ortigueira, que foron recoñecidas no pasado con esta distinción e que pode supoñer un importante pulo turístico. Para acadala valóranse diversos aspectos como a orixinalidade, a diversidade dos actos ou a historia.


Historia e tradición da Rapa
Mesmo se a orixe da Rapa das Bestas son incertos, a tradición lévanos á segunda metade do século XVI, cando no medio da peste que asolaba á comarca -e a media Europa-, dúas irmáns ofreceron dous cabalos a San Lourenzo para protexelos. Os animais sobreviviron e pasado o tempo multiplicáronse polos montes sen chegar a perder a relación de pertenza co santo patrón.

Sexa certa ou non a lenda, cada ano, os cabalos son baixados do monte e levados ó curro,  onde son abordados polos aloitadores -dous á cabeza e un ó rabo- para cortarlles as crins antes de devolvelos ó monte. Protéxense así de posibles infeccións e parásitos a uns animais que cumpren un importante papel nos montes galegos, ó limpalos de toxos e maleza.

Mesmo se as rapas se repiten por distintas localidades de Galicia durante varios meses do ano -especialmente xullo e agosto- a de Sabucedo é a máis popular. A semana que vén, terá lugar unha nova edición, que principiará o sábado á mañá coa misa na honra de San Lourenzo.

Aloitadores no curro de Sabucedo

Comentarios