Martes. 13.11.2018 |
El tiempo
Martes. 13.11.2018
El tiempo

Ramón Villares: "O problema da Real Academia Galega é que se fixo espectáculo dunhas posicións diferentes"

Ramón Villares, ante o retrato de Ramón Piñeiro, durante a entrevista. PEPE FERRÍN
Ramón Villares, ante o retrato de Ramón Piñeiro, durante a entrevista. PEPE FERRÍN

Remata estes días mandato á cabeza do Consello da Cultura Galega (CCG). Lega dúas análises amplas referidas a Galicia: un informe –que dirixiu– sobre a cultura e un ensaio sobre a identidade

O despacho de Ramón Villares (Cazás, Xermade; 1951) está no Obraroido compostelán, fronte á catedral e ao pazo de Xelmírez. Na antesala hai unha mesa con exemplares do New York Review of Books e ao entrar no despacho queda un encarado cun retrato dun Ramón Piñeiro dialogante. Na pantalla do ordenador, o catedrático de Historia Contemporánea da USC le o xornal La Stampa "para saber como contan os italianos o de Cataluña". A maiores de Galicia, Estados Unidos e Italia, no despacho aparece Arxentina. O fotógrafo, Pepe Ferrín, ten esa nacionalidade. Ambos os dous prenden unha desas caudalosas conversas sobre fútbol arxentino, español e italiano ata que, preocupado por esta entrevista, reclamo a atención de Villares.

No seu último ensaio, Identidade e afectos patrios (Galaxia), defende que Galicia é unha nación cultural. Por que quedamos niso?

O señor que estaba no pazo de aí enfronte en 1120, Xelmírez, ten a resposta. A Igrexa decidiu vincular o norte da Gallaecia con Toledo, Cluny e Roma; mentres que na Gallaecia sur Afonso Henrique apostou por unha monarquía propia e por crear un imperio. A sustancia da Historia de Galicia é cultural polo peso da Igrexa. Podemos lamentarnos, pero en Historia lamentarse non server para nada. A Historia é inamovible, aínda que sexa interpretable.

Somos unha nación cultural porque non podemos ser unha nación política. Soa a consolo.

É unha grandeza. Non temos recursos naturais, pero temos o Pórtico da Gloria, igrexas románicas, unhas paisaxes excepcionais,... Temos base para ser outra cousa. Falar de nación cultural e política é un xeito de entendernos. Non hai cultura sen institucións políticas e non hai política sen cultura. O exemplo é Estados Unidos, un país de inmigrantes que falaban diferentes linguas e que comparten valores como a liberdade e as oportunidades. É algo que aceptan mesmo os fillos dos escravos, aínda que tiveron que loitar e loitan polos dereitos civís. Esa argamasa cultural crea un imperio. O que sexamos depende de nós, da nosa vontade de ser.

Cultura
"As novas xeracións terán outra forma de ver Galicia. Non estamos condeados ao ostracismo, podemos cambiar"

Ter esa vontade sería a salvación?

Non necesitamos salvación porque non estamos ao límite. As novas xeracións terán outra forma de ver Galicia. Non estamos condeados ao ostracismo, temos posibilidades de cambiar. Hai que imaxinar un futuro que executen os que o imaxinaron e non as elites culturais.

Falando de elites culturais. Vostede forma parte da galega...

Non o nego.

Ben. Dirixiu o informe sobre o estado da nosa cultura. Nel, un conxunto de persoeiros describen o presente e imaxinan un futuro.

Levamos moitos anos traballando nel. Xa en 2010 presentaramos unha reflexión estratéxica que avanzaba os problemas que se indican neste informe.

Podemos lelo como a súa despedida da presidencia do CCG?

Non é a miña despedida, non é o meu testamento. É a posta en común das ideas do Consello achegadas por moitas persoas moi diversas. O que importa é o diagnóstico, que alerta de problemas susceptibles de ser corrixidos. Ese documento responde á idea da insitución como laboratorio de ideas para mellorar a cultura. A cultura padece os mesmos problemas que a agricultura ou o sector naval. A cultura pode adaptarse a novos retos. Non hai grandes empresas, non hai zaras; na cultura hai un artista, un editor,... Estamos nun tránsito cara a unha sociedade distinta. A nosa cultura está inspirada na francesa, en De Gaulle, é unha cultura de Estado. O PSOE importou ese modelo nos anos 80. A idea é que o Estado debe levar a cultura a toda a sociedade, darlle acceso ao teatro, ao cinema, ás bibliotecas,... ese modelo é posto en causa hoxe.

É o modelo máis democrático.

Si, tamén máis banal. Hoxe faise cultura cunha foto de Whatsapp. Todo participamos na cultura, pero non a controlamos. Quen controlan son grandes multinacionais como Facebook. O big data é o máis prezado.

Xunta
"Hai unha idea reduccionista que identifica benestar da cultura con política da Xunta"

Esa atomización da cultura, como afectará a Galicia?

En Galicia hai unha fragmentación de actores que precisa planificación. Era un dos diagnósticos do informe. Hai unha oferta que debe corrixirse tendo en conta a demanda. Temos que saber que cultura demanda a sociedade.

A sociedade nunca vai demandar unha alta cultura.

Eu admiro moito a Adriano Olivetti. Teño lido sobre el. Chegado un punto, a familia Olivetti deixou de fabricar máquinas de escribir e buscaron outras fórmulas. Agora non se len libros e non se vai a conferencias. Haberá que preguntarse o por que.

O informe do CCG constata que se len menos libros en galego, pero non indaga no motivo.

Sabémolo. Débese a que non temos os instrumentos.

Espera que a Xunta teña a sensibilidade precisa para aplicar as recomendacións do informe?

Hai unha idea reducionista que identifica o benestar da cultura con política da Xunta. As deputacións, concellos, fundacións e asociacións culturais deben cambiar o enfoque. A concepción é "está mal o libro, está mal o audiovisual; que nos axuden"; cando debería ser "temos que vivir por nós mesmos".

Turismo
"O turismo parécelles banal ás elites. Eses viaxeiros consumen cultura, pero non a cultura que creamos nós"

 

Non hai unha sociedade que demande cultura co volume necesario para financiala. Non haberá cultura se debe sobrevivir polos seus medios.

Se mira vostede aí abaixo, á praza do Obradoiro, verá que está chea de turistas que están consumindo cultura. O turismo parece banal. Comprar botafumeiros parécelles un acto banal ás elites. Nunca se viaxou tanto como agora, eses viaxeiros consumen cultura, pero non é a cultura que creamos nós.

O Consello parece reflexionar en solitario sobre a cultura de Galicia. Alguén está pensando na cultura de Galicia? A Real Academia Galega, que debería liderar o proceso, dedica a enerxía a liortas intestinas.

O Consello vai continuar nesa liña de ser un laboratorio que axude a pensar. Resulta que os de Galaxia eran culturalistas, pero non quero seguir por aí...

Refírese ao nacionalismo?

Hai unha desconexión entre a cultura e os que a defenden. Non se trata de facer o que manda o poder político, pero tampouco estar en contra sempre.

O Consello ten 36 anos; a Real Academia, 112. O triple. Permita que insista. Non debería ser a RAG a que marcase as liñas da cultura respaldada pola súa autoridade?

O problema da Academia é que se fixo espectáculo a partir dunhas posicións diferentes. As academias son espazos de liberdade e respecto nos que debatir. Naceron apoiadas pola monarquia para combatir a ortodoxia da Igrexa. Hoxe non son o que eran e lamento que sexa así.

Os debates na RAG teñen unha virulencia inusual. Ultimamente a conta de si Méndez Ferrín debe renunciar a ser académico.

En todas as sociedades hai tensións. O número de membros é limitado e hai quen se pregunta por que uns e non outros. Valle Inclán non foi académico da RAE.

Consello da Cultura
"O Consello da Cultura Galega vai continuar na liña de ser un laboratorio que axude a pensar"

Entrar na academia ou non parece unha cuestión de amizade, constancia e paciencia, pero falamos da actitude dos que están dentro.

Habería que buscar o diálogo.

A sensación que transmite vostede é que asiste como espectador á batalla das letras que se libra na Real Academia Galega.

Nunca tiven protagonismo na Academia, nunca fun dun equipo de goberno, pero non me sinto fóra dela.

"Os mozos que marchan agora non se desgaleguizan e teñen unha idea positiva de Galicia"

Ramón Villares. PEPE FERRÍN

A primeira gran cidade europea que coñeceu Ramón Villares foi París, "antes que Madrid ou Barcelona". O seu pai botou cinco anos na capital francesa.

Empezou a súa carreira como historiador ocupándose da emigración e volveu a ela hai uns anos.

A miña primeira conferencia foi sobre a emigración en Vilagarcía. Daquela tiña esa idea miserabilista, moral, propia do rosalianismo, de carga sentimental; consideraba emigrar como unha desgraza. Non hai que dramatizar. Era mellor quedar na casa a pasar fame ou ser explotado nunha mina? A emigración é un fenomeno estable no tempo, pero minoritario.

Minoritario?

Si. Son máis os que quedan. Os estudos din que emigra un 3 por cento da poboación mundial. O normal é non emigrar. Outra cousa é que haxa zonas de países nas que se emigra, como en Polonia ou en Galicia. Volvín á emigración para entender Galicia. Hai que saber por que se van e por que volven porque iso ten unha compoñente cultural e identitaria.

Vostede ten unha filla en Berlín e outra en Barcelona. Cabería englobalas en novas formas de emigración?

A emigración agora é emigración de cerebros. Non soamente se trata de que persoas capacitadas marchan. O feito de que esteamos formando xente que ten oportunidades noutros lugares di moito da nosa educación e dos nosos mozos. Non se desgaleguizan e teñen unha idea positiva de Galicia, á que ven como un lugar de retorno.

Vostede non ve mal unha emigración temporal.

O problema non é que emigren, senón que creamos poucas oportunidades para que volvan. Galicia está bastante intercionalizada, con empresas como Zara e Citröen.

Falamos de dúas empresas, non de dous sectores empresariais. Esa percepción parece falsa.

Zara naceu na Coruña e sigue estando na Coruña. Por algo será. Galicia hai que como un exemplo europeo dunha historia global. Somos un país de emigrantes. Se me preguntan fóra como é Galicia, direi que lugar do Apóstolo, das peregrinacións e dos emigrantes.

Podemos empezar a definirnos como o país de Zara.

No Brasil, un asesor dun programa cultural faloume de Zara e, cando dixen que Zara é de Galicia, non me cría. A emigración axudou a crear a identidade galega, aínda que non se lle recoñeceu ese papel.

Culpa á Nós desa actitude.

A emigración para Nós era un fracaso, é un caso de desgaleguización. Celso Emilio Ferreiro reforzou esa idea negativa con Viaxe ao país dos anano. Moitos dos que saen perden a identidade, pero outros a recrean. Fan festas como as da súa aldea e reparan na lingua.

Ramón Villares: "O problema da Real Academia Galega é que se fixo...
Comentarios