sábado. 16.01.2021 |
El tiempo
sábado. 16.01.2021
El tiempo

A RAG reivindica o uso do galego "en todas as materias" da educación na homenaxe a Carvalho Calero

Autoridades e académicos, no pleno de homenaxe a Carvalho Calero. RAG
Autoridades e académicos, no pleno de homenaxe a Carvalho Calero. RAG
A academia contacta co Euskaltzaindia e o Institut d'Estudis Catalans para "abrir un debate sincero" sobre as linguas do Estado 

A Real Academia Galega (RAG) homenaxeou este sábado o "referente" Ricardo Carvalho Calero no pleno extraordinario para celebrar o Día das Letras Galegas de 2020, durante o cal o presidente da institución, Víctor F. Freixanes, reivindicou a presenza da lingua propia "en todos os ámbitos", tamén en "todas as materias, sen excepcións", do sistema educativo. 

"Nestes días en que se volve discutir a utilidade dos idiomas e alguén quere reducir a cuestión a termos cuantitativos e excluíntes, a Real Academia Galega reivindica o uso e a presenza da nosa lingua en todos os ámbitos, como fixeron os precursores das Irmandades da Fala, os precursores de Nós", incidiu. 

Freixanes pronunciouse así na sesión celebrada no Paraninfo da Universidade de Santiago de Compostela (USC), na facultade de Xeografía e Historia, onde tamén estivo presente o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, que interveu unha vez finalizado o pleno. Ademais, asistiron diferentes representantes da vida cultural, civil e política de Galicia, entre eles o presidente do Parlamento, Miguel Ángel Santalices; o reitor da USC, Antonio López; o conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez; o secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, e a membro da Executiva do BNG Goretti Sanmartín. Tamén estino no acto a filla de Carvalho Calero, María Victoria Carvalho Calero, e dos seus fillos e, á súa vez, netos do autor homenaxeado. 

Freixanes, quen agradeceu a presenza da familia do autor, demandou aos poderes políticos, económicos e mediáticos un "apoio decidido" á difusión da lingua e a cultura galegas. Neste contexto, tras reivindicar o emprego do idioma cooficial en "todas as materias" educativas, avanzou que a RAG iniciou contactos co Euskaltzaindia e co Institut d'Estudis Catalans para "abrir un debate sincero e interesar a todo o Estado español nun patrimonio" lingüístico que quere considerarse "común".

Tras un pleno que tivo que ser atrasado dúas veces pola pandemia, as homenaxes a Carvalho Calero continuarán nos próximos meses

PLENO CON POLÉMICA. O pleno extraordinario das Letras Galegas 2020, que tivo que ser atrasado ata en dúas ocasións pola pandemia, tampouco estivo exento de polémica. E é que esta mesma semana os grupos políticos da corporación municipal de Ferrol, cidade natal de Carvalho Calero, anunciaban que non irían ao acto como protesta polo seu traslado a Santiago. 

En calquera caso, o presidente da RAG defendeu que o pleno extraordinario se celebrou "nunha das casas de don Ricardo": "Compostela, igual que Lugo e Ferrol, é unha cidade fundamental para entender a biografía de Carvalho Calero". "Don Ricardo soñou unha Galicia moderna, solidaria, aberta ao mundo, dona do seu, soberana e comprometida coas súas decisións", engadiu o presidente da RAG, quen non pasou por alto que a lusofonía era a "aposta" deste intelectual ferrolán.

A pesar do atraso co que se celebrou o pleno, o presidente da academia garantiu que nos próximos meses continuarán as homenaxes ao escritor no seu Ferrol natal, en Lugo e tamén en Ourense, para lembrar a súa presenza na revista Nós. Con todo, e aínda que existen voces —mesmo desde o Concello ferrolán— que reclaman que o ano Carvalho Calero se estenda a 2021, a RAG non renuncia a homenaxear outro autor ou autora o próximo ano, que tamén será "difícil", segundo dixo Freixanes. 

Á parte do presidente da RAG, interviñeron os académicos Margarita Ledo, Ramón Villares e Francisco Fernández Rei. Así, Margarita Ledo centrou o seu discurso en repasar a obra literaria do autor e a súa visión da lingua. Nas súas palabras, a poesía de Carvalho Calero é "de existencia" porque reflicte "o máis íntimo" da súa personalidade. 

Pola súa banda, o historiador Ramón Villares enxalzou que a súa figura "representa cabalmente, nos seus logros e nas súas adversidades, o mellor da cultura galega do século XX", aquela protagonizada "por unha xeración excepcional, filla intelectual do grupo Nós e formada na eclosión creadora, cultural e política". 

Francisco Fernández Rei, mentres, rememorou como coñeceu a Ricardo Carvalho Calero no propio edificio da facultade de Xeografía e Historia —que antes era de Letras—, primeiro como alumno e logo como compañeiro. Tal e como o definiu, foi un profesor "serio e de andar case solemne", pero que conseguiu que as súas clases de literatura galega moderna fosen "un recordo inmellorable". "É innegable que estamos ante unha figura de nación", dixo. 

A RAG reivindica o uso do galego "en todas as materias" da...
Comentarios