viernes. 05.03.2021 |
El tiempo
viernes. 05.03.2021
El tiempo

A RAG celebra o 55 aniversario de 'Memorias dun neno labrego'

Neira Vilas, unha vida en imaxes
Neira Vilas, unha vida en imaxes
O recentemente falecido Xosé Neira Vilas foi o autor do libro máis reeditado e traducido en lingua galega

A Real Academia Galega (RAG) celebra este martes o 55º aniversario de Memorias dun neno labrego, a obra mestra do recentemente falecido escritor Xosé Neira Vilas. Considera a Academia que o 5 de xaneiro de 1961 é un día grande na historia editorial de Galicia, concretamente na Galicia da diáspora, porque foi entón cando se publicou o relato que constitúe un fito na narrativa do século XX galego.

O seu autor faleceu o pasado 27 de novembro de 2015 e a RAG pretende homenaxealo desde este luns, a través dunha páxina web, tras un exitoso paso pola institución, pois foi académico de número desde 2001. Memorias dun neno labrego é o libro en lingua galega máis reeditado e traducido; e tamén un dos máis estudados e escenificados, lembra a Academia a través dun comunicado.

O volume editouse por primeira vez en Buenos Aires, onde Neira Vilas descubriu "a personalidade histórica e o signo diferencial" de Galicia e onde brotou a súa latente vocación literaria, segundo el mesmo lembrou no seu discurso de ingreso na RAG, dedicado precisamente á cultura galega en Buenos Aires entre os anos 1950 e 1960. Alí naceu a historia de Balbino, publicada en 1961, con cuberta de Luís Seoane, por Follas Novas, unha editorial que fora creada en 1957 polo propio Neira Vilas e a súa muller, Anisia Miranda, co propósito de difundir, desde a diáspora, o libro galego.

Pero o gran éxito da obra arrincou en 1968, cando Ediciós do Castro publicou en Sada a segunda edición, ilustrada por Isaac Díaz Pardo. En só vinte anos editaríase unha ducia de veces, sen contar as versións en castelán e en portugués que xa existían a comezos da década de 1980.

Xesús Alonso Montero, actual presidente da RAG, prologou varias edicións da autobiografía infantil de Balbino, "a resposta lúcida dun asoballado ao avasallamento", segundo destacou en 1969 nun dos seus escritos.

A historia, en definitiva, dun ninguén cunha "conciencia de clase non artificial" cuxo relato ilustra a paisaxe moral e social da Galicia rural da década de 1940 do século pasado. Chegou o libro a Francia e Suíza e "para miles de lectores, culturizados noutro idioma e na autosubestimación lingüística, foi unha revelación, unha 'revolucionaria' revelación".

Cincuenta e cinco anos despois, a obra, dedicada "a todos os nenos que falan galego", suma xa 35 edicións en galego e foi traducida a múltiples idiomas como o catalán, o inglés, o alemán, o ruso, o francés, o checo, o italiano ou o chinés. A Consellería de Cultura da Xunta de Galicia ten previsto darlle este martes o nome de Xosé Neira Vilas ao auditorio da Biblioteca e o Arquivo de Galicia da Cidade da Cultura.

A RAG celebra o 55 aniversario de 'Memorias dun neno labrego'
Comentarios