"Aos de Campelo gústanos a caña"

Rafa Cabeleira forma parte do que deu en chamarse '‘rat pack'’ galego, un grupo de novos columnistas que, escribindo en castelán, conquistou a prensa española. Debutou como autor das últimas dos luns en 'Diario de Pontevedra', onde promete "falar de todo menos de fútbol"
O columnista de Poio sentado no peirao de Campelo con Tambo ao fondo.
photo_camera O columnista de Poio sentado no peirao de Campelo con Tambo ao fondo.

"DE CAMPELO sempre eres". Te leve a vida a onde te leve. Dío Rafa Villaverde (Campelo, Poio, 1977), alias Rafa Cabeleira, que leva dez anos afincado no barrio do Burgo, en Pontevedra, pero que se houbese que reducir quen é a unha definición de dúas palabras sería: de Campelo. E, de engadirse dúas máis, serían: do Barça. Escribir do seu equipo de fútbol converteuno, hai un par de anos, nun líder de opinión na rede grazas ao seu blog e ao seu perfil de Twitter, que seguían, entre outros, xornalistas tan influíntes como Ramón Besa ou Martí Perarnau. Do peso que acadou no club dá conta que un día Pep Guardiola, sendo xa adestrador en Alemaña, quixese coñecelo. Cabeleira, que en Poio sempre será o rapaz da familia do restaurante Otilio, é hoxe, en El País, un columnista deportivo de referencia. Este luns comezou a colaborar no Diario de Pontevedra, asinando a última dos luns, na que falará "seguramente de todo menos de fútbol".

Por que Cabeleira?

É un alcume que saíu da miña casa, o sitio no que me criei cos meus curmáns, o bar Otilio. Entre nós empezamos a usar alcumes sacados de películas e da televisión. Eu era Cabeleira de ‘Cidade de Deus’, un dos meus curmáns era Moltisanti de ‘Los Soprano’ e o outro Topper Harley de ‘Hot Shots!’. Cando empecei a entrar en redes sociais e en foros quedeime con el. Eu, que sempre fun '‘o neto de'’ e '‘o fillo de'’ quiteime o apelido de diante dunha vez por todas.

E á familia que lle parece?

Mal. A meu pai non lle gusta moito. Pero menos ilusión lle facía cando non valía para nada. Agora polo menos sácolle utilidade.

Todo foi por culpa do fútbol.

Si, do fútbol e do bar. Os personaxes que coñecín aquí sempre se colan no que escribo.

"Mi único dios es el pase horizontal", di sobre si mesmo no seu perfil de Twitter.

Claro, home. Son un '‘guardiolista'’ confeso. Aínda que a el probablemente isto non lle gustaría nada porque aborrece estas definicións fáciles do tiqui-taca e tal.

De feito, vostede quitou o do ‘tiquitacarismo’ desa presentación nas redes.

Eu fixen miña unha frase que en realidade é de Manuel Jabois: son "un tiquitaquero blandurrio cuyo único dios es el pase horizontal". Así era literalmente. Pero acabei quedándome só co final.

O do tiqui-taca non é un fútbol aburrido?

Como? Para nada! Eu ao fútbol quitaríalle as porterías. Sería como os saltos de trampolín ou a ximnasia rítmica. Daría unha puntuación. Tallón sempre di que "gañar é de pobres". Estou con el. Cun empate vistoso confórmome. Alguén do Barça coa miña idade está habituado a non gañar.

Perdoe?

Vale, recentemente non, pero eu tiven unha infancia durísima nese sentido. Así que te acostumas a gozar con outras cousas, non co resultado. Por min, xa che digo, que quiten as porterías e poñan a Xabi, Iniesta e Messi a pasarse o balón unha hora. Marabilloso.

Se o pase horizontal é Deus, Guardiola será o profeta.

Guardiola e, sobre todo, Cruyff, que xa era o ídolo de meu pai. Todo vén un pouco de aí, da educación que me deu meu pai, que nunca foi nin moi católico, nin político, el foi 'cruyffista'. E eu son 'cruyffista' a morrer.

Messi que sería?

Había una portada moi famosa de L´’Equipe coas camisetas de Cruyff, Guardiola e Messi que poñían "o pai", "o fillo" e "o espíritu santo". Podería ser o que eu penso.

Onde deixa a Cristiano Ronaldo?

No que é: un bo rapaz. Sei que no barcelonismo se lle ten moita manía, pero é que eu son moi pro-portugués. El é como é. Ten unhas orixes moi humildes, un pai alcóholico e é un tipo que se acabou facendo a si mesmo, sen concesión ningunha por parte de ninguén. Habería que verse na súa situación.

Nese fútbol seu sen goles non tería nada que facer.

Nada. Cristiano é un ‘killer’, un definidor. No campo, lonxe da área, chega a ser ata ridículo. Pero na área é unha avalancha.

Vostede hoxe é culé?

Totalmente. Qué dúbida cabe?

Que tipo de culé remata un artigo: “¡Hala, Madrid!”?

Pois un culé sen ningún tipo de complexos. Para min o Real Madrid é como calquera outro equipo, como o Osasuna, por exemplo. Xa lle gañamos moitas veces nos últimos anos. Na súa casa mesmo. Xa lle demos repasos históricos. Seguir mantendo esa ‘madriditis’ paréceme ridículo. Eu sei que a eles tamén lles doe esta actitude de ‘dádesme igual’.

Pero non dan igual. Necesítanse entre si como Batman ao Joker. Se non, non teñen sentido.

Unha vez dixo Laporta que se o Madrid non existise, habería que inventalo. É verdade que os clubs se retroalimentan. Non vou a dicir que a súa rivalidade lle dá sentido ao fútbol, pero si que a importancia que o fútbol acadou socialmente se lle debe en boa parte a ese tipo de rivalidade, máis que ao xogo en si. Volvemos a Jabois: el diríache que se o partido durase dous minutos e lle désen o resultado final, xa lle vale. Non se trata do xogo na maioría dos casos.

Deulle máis dores de cabeza ese artigo que remataba "¡Hala, Madrid!" ou o que titulou ‘Un escudo manchado’ no que escribía: "desde ayer el Barça es un delincuente común más"?

Menos mal que xa non son socio porque, se non, botábanme (ri). A ver, problemas non me deu ningún. Hoxe en día hai unha xeración culé que ten moitos complexos superados. O primeiro artigo non deixa de ser unha licenza que me permito para quitarlle importancia ao Madrid e porque eu, evidentemente, o día da final de Champions, estaba desexando que gañase o Atlético. O segundo é un artigo que necesitaba escribir contra unha xunta cobarde que se escudou nun pacto para non asumir responsabilidades e que é capaz de permitir que o club quede marcado como un delincuente.

O club dos ‘'valors'’.

Exactamente. O club dos ‘valors’ ten agora un delito penal no seu palmarés. Podiámos poñer a sentenza nunha vitrina do museo.

Se non tivese entregado o carné de socio, entregaríao agora?

Seguramente. Eu fun socio do Barça catro anos. E deixei de selo cando se foi Laporta. Laporta, o único presidente que conseguíu que a prensa de Barcelona, onde todo é aclamación, fose crítica co equipo. Acabaron reducíndoo a unha parodia cando foi o mellor presidente da historia do Barça. Pero rompeu esa tradición de que que todos os máximos mandatarios tiñan que ser xente ben, empresarios ou fillos de empresarios. Era un usurpador. Laporta, o tipo que conseguiron que todo o mundo o lembre de festa coa gravata na cabeza, sen pantalóns no aeroporto ou berrando "al loro" nun discurso, en realidade colleu un club arruinado e un equipo polo que ninguén daba un peso, saneouno, trouxo a Guardiola e convérteuno en campión de Liga e de Europa. O barcelonismo débelle moito a Laporta. Dende logo moito máis do que estes que veñen de manchar o escudo do club.

Que tería que pasar para que volvese ser socio?

Tampouco me apetece moito. Escribo sobre o equipo. Isto axúdame a manter algo de distancia. Non sei. Volvería se tivese moita pasta, vivise en Barcelona nun ático bonito e me puidese permitir un abono.

Que épica ten o fútbol moderno?

Moi pouca. Hoxe é un negocio. Non sei quen dixo iso de que o fútbol é a escusa que buscamos os homes para seguir indo á guerra. Ata iso se perdeu. Mesmo a violencia que xenera ao seu arredor ten pouco que ver con el e moito con ese tipo de xente que se arrimou ao fútbol, que ten unha grande permisividade cara todo o que poida considerarse un afeccionado. Pero si, o encanto do fútbol vello comérono os cartos. O meu amigo Pablo sempre comentaba que xa non quedaban futbolistas coas botas negras ou con bigote. Todo acabou manipulado por axentes, asesores de imaxe e marcas comerciais.

Entón por que lle gusta?

Quen sabe? Porque é unha desas cousas que se che mete dentro de neno e che queda. Téñoo pensado: vou deixar o fútbol. Pero non dou. Penso que se deixa antes unha droga.

Non chegou a ter unha importancia social escandalosa? Esas declaracións tan polémicas do ministro Fernández Díaz trala aparición de nomes de varios futbolistas no caso Torbe: "Deseo que esto, en ningún caso, afecte a la selección española".

Declaracións vergonzosas. Pero é que os clubs de fútbol lle deben a Facenda en España máis de 700 millóns de euros. E aí están. A meu pai, que ten un bar, se deixa de pagar, aos dous días embárgano. Hai un medo tremendo a facer ou a dicir nada contra un club de fútbol. Hai temas de recalificacións de terreos, axudas municipais e autonómicas encubertas e un longo etcétera. Aquelas manifestacións cando o Celta e o Sevilla estiveron a punto de descender e todo se acabou parando... É todo moi curioso. E tamén preocupante.

Vostede manifestaríase polo Barça?

Eu non. Hoxe non.

Se tivese que elixir entre o fútbol e o heavy metal, con cal quedaría? Messi ou Lemmy Kilmister?

Uf, aí tócasme a outra parte do corazón.

Porque o ten dividido.

Totalmente. Estou lembrando unha final de Copa contra o Atlético de Madrid, estando no Electric Festival de Getafe, cun ollo posto no escenario, onde actuaba Metallica, e outro na pantalla xigante na que poñían o partido. Son papá e mamá. Non podo elixir.

E isto do metal de onde vén?

Pois ten moito que ver con como se criou a miña xeración aquí en Campelo. Eramos todos heavys. De máis novo tiña outro tipo de gustos musicais, pero ao final os amigos arrastráronme ao lado escuro.

Non me dirá Hombres G ou algo así.

Pois podería perfectamente. Pero de moi moi pequeno. Case feto. Na adolescencia, cando un comeza a tomar as súas propias decisións, mentinme de cheo no metal. No metal máis que no heavy. Porque son máis de trash. Como dicimos aquí en Campelo, da caña. Aos de Campelo gústanos a caña.

De que vai falar no Diario de Pontevedra?

De todo menos de fútbol, como dicía aquela publicidade do ‘Marca’. Veño con ganas de contar historias, de falar de personaxes, de saírme deste guión que eu mesmo me marquei de fútbol e fútbol e fútbol. Gustaríame tirar por unha liña de, non sei como chamalo, columnismo canalla, se queres.

Forma vostede parte dese grupo de novos columnistas galegos que asaltou Madrid escribindo en castelán no que tamén están Manuel Jabois, Juan Tallón...

Nacho Carretero, Manuel de Lorenzo, Diego E. Barros... O que chaman o ‘rat pack’ galego. Pero a min non me gusta moito. Paréceme que falta xente aí: Rodrigo Cota, Diana López Varela, Henrique Mariño, Xurxo Chapela... En Galicia hai xente moi boa traballando nisto. É un pouco inxusto reducilo a un grupo de catro. Eu son un blogueiro que saíu da barra dun bar. Que fago no medio de Juan Tallón e Jabois?

Por que escribe? Que é a escritura para vostede?

En principio foi un plan de escape do bar, dos horarios e desta vida, das máis duras que pode haber. Hoxe é un modo de vida.

E ata onde quere chegar con isto? Irse a Madrid ou a Barcelona quizais?

Home, postos a elixir prefiriría Barcelona. Pero estou ben por aquí tamén. No fondo, o que máis me gustaría sería volver a Campelo, vivir coa miña moza nunha casiña, ter un par de cans e un pouquiño de terreo. Se marcho para Madrid ou Barcelona, ao final acabaría facendo o mesmo que aquí, estar tirado no sofá vendo fútbol, series e xogando á PlayStation, que me coñezo.

Comentarios