domingo. 29.03.2020 |
El tiempo
domingo. 29.03.2020
El tiempo

Quico Cadaval: "Medea' era unha paxarada segundo a miña nai"

O actor presenta este martes en Lugo unha obra que reconstrúe o xeito no que contou o complexo de Edipo á nai mentres ela cociñaba

Carmen Ayaso, nai de Quico Cadaval, preguntoulle unha vez ao fillo en que consistía o complexo de Edipo mentres estaba cociñando carne. Cadaval reconstrúe ese encontro en Complexo de Edipo, a obra que presenta este martes en Lugo como parte da Mostra de Teatro Clásico. Será ás 20.30 horas no Vello Cárcere.

Quico Cadaval. LUIS POLOO actor narrará un relato mítico dun home que mata o pai, déitase coa nai e chama fillos aos irmáns. Cóntallo a unha taberneira dun porto galego que é nai do propio Cadaval e que enriquece o relato cos seus comentarios. "A cociñeira despreza o mito clásico ao mesmo tempo que lle dá a receita da carne asada", explica o actor e director.

Engade que esta versión "en vez de fixarse na estrutura policial de Sófocles, inspírase en Pasolini" no sentido de que narra a vida de Edipo. O espectáculo desenvólvese mentres a nai do relator cociña unha carne asada.

Ambos os dous van achegando tamén comentarios de actualidade que forman parte dun catálogo de "gastronomía, épica, alta cultura, díxome-díxomes, psicanálise e noticias sorprendentes sobre a monarquía española" ao longo de 71 minutos que dura a representación, na que non falta a improvisación "coma nos vellos contos".

O tempo de Complexo de Edipo non é soamente o físico que transcorre mentres se desenvolve. Tamén hai "un tempo do relato e un tempo da comida", no sentido de que a conversa acompaña a preparación do xantar.

Un actor contoulle a Cadaval que contou 'Edipo' na selva de Colombia e unha vella corrixiuno

O mito de Edipo estendeuse polo mundo todo. Quico Cadaval conta que o actor colombiano Nicolás Buenaventura foi a unha aldea dos seus pais, que estaba situada na selva, cerca de onde estaba asentada a guerrilla. Xuntouse o pobo para escoitar a historia. "Ao rematar unha vella díxolle que non fora así, que o home nacera coa placenta tatuada: 'Voy a matar a mi padre'. Engadiu que cometera o crime na ponte da entrada, onde aínda se pode ver un sangue que non se puido limpar".

Quico Cadaval confesa que non reflexionou por que lle podía interesar á nai o complexo de Edipo e Carmen Ayaso xa finou. O que si sabe é que lle contou Medea "e lle pareceu unha paxarada".

"MEDIDA POR MEDIDA". A Mostra de Teatro Clásico contará con outra peza dirixida por Quico Cadaval, Medida por medida, que Producións Teatrais Excéntricas porá en escena o xoves ás 20.30 no auditorio Gustavo Freire. A actriz lucense Melania Cruz encabeza o reparto xunto con Evaristo Calvo.

Cadaval dirixe tamén 'Medida por medida', que se representa o xoves coa lucense Melania Cruz

A trama comeza cando o duque de Viena se retira e deixa a un maxistrado como substituto. Encárgalle que aplique as leis que condean o fornicio co maior dos rigores. Un home é condenado e a súa irmá, que é unha monxa, debe abandonar a clausura durante un día para savarlle a vida.

A montaxe desta obra de William Shakespeare é unha antiga aspiración de Quico Cadaval. Quixo organizar unha representación de Medida por medida dende que a leu nun autobús.

"Ao chegar á estación, non me dera tempo a acabar o libro e fun ao bar para facelo". "A Shakespeare soamente se lle entende representándoo. Por moito que o estudes, soamente a montaxe che permite velo".

Os elementos que lle interesan ao director e actor desta obra son "a comedia, o drama, o moralismo e a represión do desexo de modo cru". O director destaca que se trata dunha peza "moi moderna", na que mesmo "simpatizas" cos canallas.

Quico Cadaval: "Medea' era unha paxarada segundo a miña nai"
Comentarios