"Quero coller un incendiario demonizado para comprendelo"

Oliver Laxe explicou en Lugo a tarefa de redención que busca con 'Aquilo que arde'

Oliver Laxe e Álvaro Santos. J.VÁZQUEZ
photo_camera Oliver Laxe e Álvaro Santos. J.VÁZQUEZ

Oliver Laxe estivo este martes en Lugo dando unha lección maxistral sobre cinema de autor que fora promovida pola fundación TIC. O director detívose na súa próxima película, Aquilo que arde, que rodará, sobre todo, en Navia de Suarna.

Tras ser presentado polo deputado de Relacións Institucionais, Álvaro Santos, o realizador bipremiado en Cannes amosou fragmentos de Roma (1970), de Fellini. A cinta trata o desenvolvemento da capital italiana nos anos sesenta. Nunha escena, unha perforadora abre un túnel para unha liña de metro ata que ten que parar porque atopa un baleiro. O burato é tan grande que abeira unha vila romana de 2.000 anos atrás. Na casa hai uns frescos, que se van desfacendo por culpa da entrada de osíxeno novo. Un dos temas de Aquilo que arde é a ollada moderna sobre o xeito no que os incencios forestais van destruíndo o mundo antigo e rural.

Cando un monte arde "todos estamos moi indignados, como é normal, e logo queremos buscar culpables. Botámoslle a culpa ás industrias, á xente do rural...", indicou o realizador, que se propuxo "esterilizar esa rabia" para tratar de entender.

O protagonista do seu filme será Amador, un "solteiro de montaña". Laxe definiu esa categoría de persoas como "solitarios, calados e sensibles que se pechan en si mesmas por esa sensibilidade". O illamento fai que medren dentro de si mesmos, "co seu ego e as súas manías", nun monólogo con eco interior que medra como a inmensa bolsa que atopa a tuneladora de Roma.

Ao principio da película, Amador sairá do cárcere, onde estivo por incendiario. Volverá á súa casa nos Ancares onda a súa nai, Benedicta. Ambos os dous vivirán en "harmonía" ata que hai un lume na comarca.

"Cando hai un culpable ao que todos sinalan, eu sospeito", advertiu Oliver Laxe. O director de Mimosas continuou a súa exposición diferenzando a "linguaxe política" da "linguaxe artística". "A linguaxe política divide en opostos, é a dialéctica do ben e do mal, da xustiza e a inxustiza, do culpable e o inocente"; mentres que a linguaxe artística "acolle e comprende", expresou.

A causa do seu filme será contada con linguaxe artística porque pretende "coller unha persoa demonizada pola sociedade, un incendiario, e tratar de rehabilitalo". "Non trato de xustificalo, senón de entendelo", baixo a convición de que se alguén "provoca sufrimento é porque sofre", dixo.

CASA. A rodaxe, que se fará entre febreiro e agosto, terá como centro unha edificación dos Ancares, que será o fogar de Amador. A vivenda real será unha construción vella, "na que meteron ladrillo e tiraron unha palloza nos 70, que leva vinte anos deshabitada", situada nun núcleo ao que Laxe regresaba cada verán dende A Coruña.

Nesa casa "xogabamos cuns amigos que viñan de Barcelona". Laxe, de 35 anos, confesou a súa sorpresa de que "se conserve tal e como a recordaba".

Os asistentes á conferencia puideron ver mostras —"notas de campo"— que filmou Laxe para traballar sobre elas. O director explicou que esas probas estaban xustificadas porque en Aquilo que arde van aparecer "actores reais e lume real". O director confesou que a súa preocupación maior é non deixarse someter "pola beleza do lume, porque o lume é cruel", e tratar de que o obxectivo da súa cámara non perda de vista "a escala humana".

A finalidade que busca "non é a emoción concreta, senón atravesar o espectador coas imaxes, que queden no seu recordo". Neste filme busca "transmitir a heroicidade" do mundo rural.

Comentarios