David Prado: "Quédome con Duncan Dhu no coche de meu tío"

O cantautor lucense presenta o seu último traballo no Auditorio coas entradas esgotadas

David Prado. JAIRO LÓPEZ
photo_camera David Prado. JAIRO LÓPEZ

O cantautor lucense David Prado colleu a guitarra como unha actividade extraescolar. Foi idea de súa nai que, á idade de oito anos, dediciu anotalo no conservatorio. Cando tivo conciencia de que o seu fillo quería dedicarse enteiramente a isto, comezou a ter serias dúbidas en canto á música como profesión.

Nos últimos seis anos, Prado define a súa traxectoria como de "carreteira e manta", marcada polas xiras, concertos e quilómetros. O cantautor confesa que é algo "tan bonito como difícil", unha mestura da ilusión e da incertidume dos comezos.

Despois de cada concerto, a primeira chamada que recibe o móbil de Prado sempre é a de súa nai. Unha conversa que se inicia do mesmo xeito, coa pregunta: "E canta xente había?". Tanto é así que, cando nas redes preguntan a cifra do público nun concerto, sempre calculan á alza, "para que miña nai estea tranquila", di.

"A primeira chamada despois de cada concerto é a miña nai, que me pregunta: 'Canta xente había?'"

Esta noite súa nai estará entre as novecentas persoas que esgotaron as entradas do Gustavo Freire. Será un concerto que Prado recoñece como "o máis especial" da súa vida. "Nunca imaxinara poder tocar neste escenario", que coñece dende neno, e moito menos con todas as butacas ocupadas. Aínda así, pode que a parte máis ilusionante sexa poder dicirlle a súa nai que, esta vez si, pode preguntar "canta xente hai".

A cidade de Lugo é un escenario con moita importancia na traxectoria do cantautor. A sala Morrigan ou o antigo Troula son algúns dos bares nos que Prado pasaba as noites entre amigos, cervexas e versións de clásicos.

A música foi un fío conductor ao longo de toda a súa vida, tamén aquela que escoitou. Ao preguntarlle pola banda sonora da súa infancia, non dubida nin un segundo en dicir que Duncan Dhu. Aínda que a música era unha constante na casa de seus pais, a que lle deixou pegada foi a que soaba no coche de seu tío, ese "punto pop" que tiña Mikel Erentxun e que tanto o influenciou.

Na súa etapa en Salamanca mestúranse Los Delincuentes con Antonio Vega, xusto no momento no que se aventura a mostrar en público as súas composicións. Defínese como unha persoa "cun punto de loucura" e que "vive moito das ilusións". Polo momento, estánselle cumprindo todas.

A VIAXE PERFECTA. Prado iniciou a súa carreira con En busca de mi maleta, e parece que a atopou porque, no disco que presenta esta noite, inicia El viaje perfecto. Preguntándolle pola intencionalidade destes xogos de palabras, admite que "é algo que non pensara pero que debe estar no subconsciente". E que hai na maleta? "Descubrirme a min mesmo e atopar os compañeiros que agora me acompañan na viaxe".

"Ás persoas que me chaman meloso tamén lles acontecen moitas das cousas das que falo no disco"

Cando comezou a compoñer sentiuno como unha "especie de salvación". Ao volver escoitar as súas primeiras cancións recoñece percibir certa urxencia e conformismo que xa non ten. Ao contrario, agora pensa que peca de "ser demasiado esixente comigo mesmo".

El viaje perfecto foi un proceso longo, cociñado con calma e amizade. Tomaron a decisión de que o máis importante que incorporar no proxecto musical era o tempo. Resultaron ser un total de dez meses nos que, "sen renunciar á miña esencia, realicei un traballo máis profesional e máis interesante en canto a musicalidade e harmonía", conta Prado.

Ao que non renuncia é á súa temática central: o amor. Ante a xente que o califique de ser "demasiado meloso", o cantautor lucense séntese seguro ao afirmar que "a esas persoas tamén lles acontecen moitas das cousas das que falo no disco, porque o amor pódese levar a moitos ámbitos da vida".

A partir desta noite, David Prado dálle inicio a El viaje perfecto. Xunto a el irán o seu produtor, Diego Grande; os seus arranxistas, Iván Salgado e Diego Mosquera. Ante a pregunta de se ten algún destino concreto ao que lle gustaría ir, Prado di que todos os lugares son bos se hai un escenario e público -dá igual canto- que o queira escoitar.

Comentarios